Saltar al contenido

¡Síguenos!

Iván Puentes afina «máis aló da obra de Rosalía de Castro» o plan de actuacións previsto en Mollavao para «integrar o barrio no corazón da cidade» e ofrecerlles aos seus veciños «uns estándares de calidade de vida propios do casco urbano de Pontevedra»

  • O líder socialista recolle nunha iniciativa plenaria tódalas propostas veciñais para «mellorar, matizar e ampliar o alcance das obras anunciadas», incluíndo na ‘lista de deberes’ para as tres administracións a compra do antigo transformador eléctrico situado entre a avenida de Marín e Licenciado Molina para restauralo, preservando as súas características de arquitectura industrial, e destinalo a centro social do barrio
  • Entre as proposicións recollidas na moción tamén se contempla de redefinición dos usos previstos nos terreos baixo o viaduto da AP-9, de xeito que se concentren os equipamentos de lecer (parque, instalacións deportivas…) na zona comprendida entre a avenida de Marín e Rosalía de Castro e se destine a aparcadoiro a zona entre A Fontesanta e Rosalía de Castro (cabeceira sur da ponte)

Pontevedra, mércores 1 de xullo de 2026.- A pesar da súa proximidade ao centro da cidade, Mollavao é, sen dúbida, un dos barrios de Pontevedra con máis necesidades de investimento por parte das diferentes administracións, ata o punto de atoparse entre as poucas zonas do casco urbano que segue á marxe do modelo de reforma. Unha situación que podería mudar co anuncio dun proxecto de humanización que, en opinión de Iván Puentes, «debe ir moito máis aló da obra de Rosalía de Castro» para «integrar realmente ao barrio no corazón da cidade» e ofrecerlles aos seus veciños e veciñas «uns estándares de calidade de vida propios da malla urbana de Pontevedra».

Coa finalidade de «mellorar, matizar e ampliar o alcance» das obras de reforma que pretende executar o Goberno Local, o líder do PSOE decidiu elevar ao Pleno, a través dunha iniciativa rexistrada esta mesma mañá, unha ‘lista de deberes’ para as tres administracións na que se recollen tódalas propostas que lles trasladaron os voceiros da Asociación Veciñal de Mollavao. Entre as demandas veciñais recollidas na moción, explicadas hoxe nunha comparecencia conxunta do propio Puentes e mailo concelleiro Marcos Rey, inclúese a de instar ao Concello a comprar o antigo transformador eléctrico situado entre a avenida de Marín e a rúa Licenciado Molina «para restauralo, preservando as súas características de arquitectura industrial, e destinalo a centro social de Mollavao».

Tal e como subliñou o portavoz socialista, «despois de décadas de reivindicacións por parte dos veciños e de moitos anos nos que o PSOE trouxo a este Pleno diversas iniciativas pedindo actuacións urxentes no barrio, como a reurbanización da rúa Rosalía de Castro ou a recuperación da parcela dos circos (na que Puentes traballou durante o pasado mandato desde a área de Desenvolvemento Sostible), hoxe por fin parece que estamos a tocar coa punta dos dedos eses proxectos». Non obstante, ao seu xeito de entender, a reforma de Rosalía de Castro e o vial de conexión coa avenida de Marín «son só uns primeiros pasos», xa que en Mollavao «existen máis necesidades de actuación que tamén levan décadas agardando, que son moito máis sinxelas e baratas, que entendemos que as diferentes administracións deben atender e que mesmo son complementarias e melloran á reurbanización de Rosalía de Castro».

«Xusto antes de comezar eses traballos -afirmou-, é o momento de tratar estes asuntos no Pleno do Concello para pensar como adaptalos mellor ás demandas veciñais e darlles sentido, de cara a un obxectivo final que é a integración plena de Mollavao na trama urbana da cidade. En definitiva, levar a Mollavao os mellores estándares de calidade de vida que gozan outros puntos do noso municipio».

Dadas as peculiaridades do barrio, nas que moitas das intervencións soen estar condicionadas e precisan autorizacións de como mínimo tres administracións (cada unha delas con diversos organismos, como Augas de Galicia, Autoestradas do Atlántico, Costas, Carreteras do Estado…), a moción dos socialistas contempla peticións para o Concello de Pontevedra, a Xunta de Galicia e o Goberno de España. No que atinxe ao Goberno Local, a iniciativa asinada por Iván Puentes e Marcos Rey solicita que, unha vez que se complete a urbanización de Rosalía de Castro, se habilite o dobre sentido de circulación na rúa Simón Bolívar ou, no seu defecto, de quedar de sentido único, «que este sexa de subida, é dicir, de acceso desde a avenida de Marín cara a Mollavao».

Nesta mesma liña, o PSOE pide tamén o cambio de sentido de circulación de Licenciado Molina (que conecta a Praza de Mollavao coa avenida de Marín, á altura do vello transformador de Fenosa), converténdoa nunha rúa de baixada (de saída desde Mollavao cara á avenida de Marín) e que se estude a posibilidade de transformar en zona de convivencia con prioridade peonil a intersección entre as rúas da Ruibal, Raxado, Fontesanta e Rosalía de Castro. Asemade, en paralelo á execución dos traballos previstos en Rosalía de Castro, os socialistas solicitan que se apliquen, cun proxecto específico, os mesmos criterios de reforma urbana no vial sen saída no que se sitúan os números 45, 47 e 49 desta rúa, xa que «curiosamente se reurbaniza toda Rosalía de Castro, salvo ese pequeno treito».

Mudar os usos previstos inicialmente polo BNG

Para Puentes, «unha das actuacións máis ambiciosas que se recollen nesta moción consiste en que redefinamos, entre o Concello de Pontevedra e a Asociación Veciñal de Mollavao, os usos que lles queremos dar aos terreos que están baixo a ponte da autoestrada AP-9». «Hai un punto de vista diferente -indicou- entre o que o Goberno Local do BNG ten avanzado e o que o PSOE e os veciños cremos que se debe facer. Así, a súa proposta inicial era a de deixar simplemente para estacionamento a parte do viaduto entre Rosalía de Castro e a autovía de Marín (a máis próxima á Casa do Mar) e para equipamento público o treito entre Rosalía de Castro e A Fontesanta (onde estaba antigamente o depósito do guindastre); nós o que propoñemos, de acordo coa veciñanza, é facer xusto o contrario: que a zona que está máis pegada ao mar e ao paseo a Marín sexa un espazo de equipamento público, de lecer e mesmo con diversos usos deportivos, e que a zona que está máis alonxada se deixe como aparcadoiro disuasorio».

Outra das demandas ambiciosas deste paquete de actuacións é a de pedirlle ao Concello de Pontevedra «que estude a adquisición do antigo transformador eléctrico de Fenosa situado entre a rúa Licenciado Molina e a avenida de Marín para restauralo, preservando as súas características de arquitectura industrial, e destinalo a centro social de Mollavao (é un dos poucos barrios da cidade que aínda carecen de centro social municipal)».

Por outra banda, entre os deberes que se poñen ao Goberno Local figuran o mantemento integral, adaptación a normativa e reposición de elementos deteriorados do parque infantil de Fontesanta, estudando a súa posible ampliación; mentres non se executen as obras de reforma integral do espazo baixo o viaduto da AP-9, a realización de labores de mantemento regular da pista de skate situada na zona; a retirada inmediata de tódolos vehículos abandonados na vía pública (freando a reubicación de vehículos retirados noutras zonas da cidade); e con carácter xeral, informar con carácter previo e tratar de consensuar coa Asociación Veciñal de Mollavao tódolos proxectos e iniciativas impulsados no barrio, como, por exemplo, a renaturalización da parcela dos circos.

Un parque infantil e unha área de exercicio biosaudable que quedaran no caixón e a instalación de pantallas acústicas translúcidas a ámbolos lados da ponte da AP-9

Entre as cuestións que se lle solicitan á Xunta de Galicia inclúense a de que, no marco dos traballos de humanización da estrada PO-546, se constrúa, á altura dunha parcela ubicada fronte ao número 101 de Rosalía de Castro, o parque infantil e a área de exercicio biosaudable previstos inicialmente diante da estación de servizo de Repsol (un proxecto desbotado por complicacións administrativas e que contaba cun orzamento de 70.000 euros); a limpeza e mantemento regular das beirarrúas da devandita estrada; e a realización de xestións coa empresa concesionaria do servizo de transporte de viaxeiros entre Marín e Pontevedra para que se respecten tódalas paradas de bus que se facían antes do inicio das obras da estrada vella de Marín, xa que os condutores están a saltar varias delas.

Xa no que atinxe ao Goberno de España, a moción impulsada por Puentes insta a incluír o viaduto da AP-9 no Plan de Acción contra o Ruído da Rede de Estradas do Estado, dependente do Ministerio de Transportes e Mobilidade Sostible, e acometer, en todo caso, obras de substitución das xuntas de dilatación e de instalación de pantallas acústicas translúcidas en ámbolos lados da ponte, a fin de mitigar o molesto ruído que a autoestrada provoca na actualidade (ademais de estudar outras posibles solucións que contribúan ao mesmo fin). Tamén se lle esixe o desenvolvemento pleno do convenio urbanístico entre o Ministerio de Defensa (Invied) e o Concello de Pontevedra, completando canto antes a construción da nova praza pública e do edifico proxectados entre as rúas Rosalía de Castro e Manuel del Palacio, traballos xa iniciados coa recente demolición das vellas vivendas militares que ocupaban parte desta parcela.

Por último, de materializarse a construción da nova Comisaría da Policía Nacional nos terreos que ocupa actualmente a Casa do Mar, os socialistas solicitan que se estude a expropiación da vivenda e da parcela situadas entre este edificio e a avenida de Marín para incorporar ese espazo ao novo equipamento, abrir máis o barrio ao mar e contribuír así á restauración da fachada marítima de Mollavao. 

Iván Puentes agarda que, ao tratarse de «demandas razoables e que xorden da propia veciñanza do barrio», a proposición acade un apoio unánime no Pleno ordinario deste mes, permitindo así que administracións con diferentes cores políticas se poñan a traballar nestas melloras.

Comparte esta noticia Twitter Facebook
Copiar Link
Email Imprimir

RRSS

Visítanos en nuestras redes