Iván Puentes reclama a rehabilitación da antiga casa de profesores do CEIP Álvarez Limeses co obxectivo de integrala nun novo módulo educativo para o centro
- En paralelo a unha campaña de recollida de sinaturas impulsada pola Anpa do colexio, o PSOE de Pontevedra decide tomar cartas no asunto, abandeirando a través dunha proposición plenaria as reivindicacións da comunidade educativa para que se realice unha inspección técnica urxente e unha limpeza e adecuación do deteriorado inmoble, recuperándoo para o centro e gañando novos espazos para emprego da comunidade escolar
- A moción socialista insta a Xunta e Concello a coordinarse para eliminar posibles riscos estruturais, sanitarios e ambientais, a efectuar un estudo técnico e funcional sobre as posibilidades de ampliación do CEIP Álvarez Limeses e a valorar fórmulas que permitan incorporar este inmoble lindeiro ao patrimonio educativo do colexio
Pontevedra, mércores 10 de xuño de 2026.- A situación de progresivo deterioro estrutural da antiga casa de profesores do CEIP Álvarez Limeses leva décadas enquistada, de xeito incomprensible, converténdose nun foco constante de insalubridade absolutamente incompatible cunha contorna educativa de calidade e, polo risco que supón para o alumnado, nunha permanente inquedanza para os pais e nais do centro escolar. En paralelo a unha campaña de recollida de sinaturas impulsada pola Anpa do colexio, o PSOE de Pontevedra decidiu tomar cartas no asunto, elevando ao Pleno da Corporación as reivindicacións da comunidade educativa para que se realice unha inspección técnica urxente e unha limpeza e adecuación do vello inmoble e reclamando tamén unha rehabilitación que permita a súa integración nun novo módulo educativo para ampliar o espazo do centro.
Estas propostas e demandas, transformadas nunha proposición rexistrada polos socialistas, foron anunciadas esta mañá nunha comparecencia na que o portavoz do partido, Iván Puentes, estivo acompañado polo concelleiro Manuel Fariña e pola presidenta da Anpa do CEIP Álvarez Limeses, Joanna Lorenzo. Tal e como subliñou Fariña, «a comunidade educativa vén manifestando desde hai moito tempo a súa preocupación pola situación deste inmoble lindeiro ao centro, de titularidade municipal, debido ao seu estado de deterioro e ás condicións existentes no mesmo».
Aínda que en tempos recentes se procedeu (tralas reclamacións formuladas pola comunidade educativa) á retirada dunha cheminea situada xunto ao patio do centro, Fariña sinalou que «sen prexuízo de valorar positivamente esta medida, consideramos que resulta totalmente insuficiente, xa que o problema desa vivenda non é puntual, senón que falamos de posibles deficiencias estruturais, falta de mantemento, acumulación de suciedade e condicións que requiren dunha avaliación técnica completa». «Para nós é tamén unha oportunidade única de incorporar ese inmoble ao propio edificio do CEIP Álvarez Limeses -explicou-, posibilitando así a creación de novos espazos destinados a usos educativos, como poderían ser novas aulas, actividades complementarias ou mesmo a un local que ben merece a Anpa. Resulta por tanto necesario que as administracións implicadas, Xunta de Galicia e Concello, actúen de forma coordinada para garantir unha solución integral que permite responder tanto ás preocupacións inmediatas relativas á seguridade e salubridade da contorna escolar como ás necesidades futuras de espazo do centro».
En concreto, segundo precisou Iván Puentes, a moción que o PSOE defenderá no vindeiro Pleno ordinario (previsto para o luns 22 de xuño) reclámalle á Xunta de Galicia «o máis básico, que é que se reúna cos pais e nais e coa comunidade educativa para abordar esta situación e para ofrecerlles unha folla de ruta clara para a resolución do problema». O líder socialista solicítalles tamén aos técnicos da Consellería de Educación que realicen «unha inspección técnica integral e urxente do inmoble para avaliar o seu estado estrutural, as condicións de seguridade e o posibles problemas de salubridade existentes». Ademais, pídelle a Administración autonómica que elabore un estudo técnico e funcional sobre as posibilidades de ampliación do Álvarez Limeses mediante a incorporación do edificio ao novo módulo que se constrúa.


A proposición esíxelle ao Concello de Pontevedra que, no ámbito das súas competencias e coordinado coa Xunta, promova as actuacións urxentes necesarias para eliminar posibles riscos estruturais, sanitarios ou ambientais que presente o vello inmoble, e que inicie as negociacións para estudar as fórmulas que permitan executar a rehabilitación do inmoble e incorporalo ao patrimonio educativo do colexio.
«Non queremos nin imaxinar o que hai no interior. Tódalas inspeccións que se realizaron nos últimos anos fixéronse desde o exterior»
A presidenta da Anpa do CEIP Álvarez Limeses agradeceu que o PSOE pontevedrés abandeire «unhas reivindicacións que non son novas, xa que as familias do centro levamos case dúas décadas reclamando que se solucione o problema da antiga casa de profesores, un problema que cada ano que pasa vai a máis e que afecta especialmente á nosa comunidade educativa, que ten neste recinto un foco constante de insalubridade». Unha situación de progresivo e grave deterioro que «preocupa profundamente ás familias co centro, que supón un perigo para as nenas e nenos e que consideramos incompatible cunha contorna educativa de calidade».
Joanna Lorenzo referiuse á presenza diaria de ratas nun edificio «que se atopa en absoluto estado de abandono, convertido case nunha ruína, e do que non queremos nin imaxinar o que nos podemos atopar no seu interior». Neste sentido, apuntou que «tódalas inspeccións que se realizaron da casa nos últimos anos fixéronse desde o exterior». «Que nós saibamos -afirmou-, esa porta nunca se abriu, nin se elaborou informe ningún sobre o estado interior ou exterior do inmoble, malia que teño constancia de que foi solicitado polo centro educativo sen obter resposta».

Lorenzo subliñou que, grazas á insistencia da Anpa e da dirección centro educativo, «recentemente logramos eliminar a cheminea, que afectaba á seguridade do patio», se ben «baixo o noso punto de vista, os traballos non se fixeron do xeito correcto, ao desenvolverse mentres o alumnado entraba no colexio». Segundo expresou, «tanto o director do centro como eu mesma solicitamos que se paralizasen durante os períodos nos que as nenas e nenos estaban no patio, unha situación que xerou unha fonda indignación entre as familias».
«En calquera caso, logramos eliminar un elemento perigoso, pero non o problema. Retirar a cheminea non é suficiente, porque o problema é o inmoble na súa totalidade: unha construción en estado ruinoso, sen ningún tipo de mantemento desde hai anos, que pode derrubarse en calquera momento e que fai que as nais e pais esteamos moi preocupados pola seguridade do noso alumnado», asegurou.
Unhas 450 sinaturas recollidas en apenas dúas semanas
O apoio político e institucional do PSOE prodúcese nun contexto no que as familias do Álvarez Limeses decidiron organizarse e iniciar unha recollida de sinaturas (que xa colleitou uns 500 apoios en apenas dúas semanas e só en horario de mañá) co obxectivo de denunciar este enquistado problema ante a Consellería de Educación e o Concello. Unhas sinaturas que foron presentadas o pasado 29 de maio por rexistro e dirixidas á Consellería de Educación, á Xefatura Territorial e ao Concello de Pontevedra, dos que aínda agardan por unha resposta.
«Son demasiados anos de preocupación e non podemos continuar así por máis tempo. Gustaríanos ter canto antes unha reunión coa Xefatura Territorial de Educación, coa Consellería e co Goberno Local para poñer en marcha actuacións reais e definitivas. Unhas actuacións -sinalou a presidenta da Anpa- que deben pasar, en primeiro lugar, por unha inspección técnica urxente e completa do edificio; e a continuación, por unha limpeza e adecuación integral do inmoble e do seu contorno, executando obras de xeito inmediato para eliminar os riscos estruturais e sanitarios e recuperar o edificio para o centro educativo, dotándoo de máis espazo para a comunidade escolar do Álvarez Limeses».
Asemade, Joanna Lorenzo pediu que nesta ocasión, ao contrario co que aconteceu para eliminar a cheminea, tódalas actuacións se efectúen «fóra do horario escolar», e que se traslade «información transparente ás familias e ao centro educativo sobre os prazos e as medidas previstas». «Reclamamos unha contorna escolar segura e saudable para os nosos nenos e nenas e para toda a comunidade educativa do CEIP Álvarez Limeses, e isto non admite máis demora», aseverou.
Deixazón de funcións de Xunta e Concello
En opinión de Iván Puentes, a situación do Álvarez Limeses exemplifica «as dúas realidades que hai nos centros educativos públicos de Pontevedra, nos que por unha banda temos colexios cun nivel educativo absolutamente excepcional e nos que os mestres e mestras se esforzan cada día por acadar os mellores estándares de calidade (neste eido, aproveitou para felicitar ao Álvarez Limeses polo galardón que recibiu dentro do proxecto Polos Creativos da Xunta grazas ao podcast elaborado para poder seguir dun xeito inclusivo o eclipse previsto para o mes de agosto); e en contraste, unha infraestrutura que deixa moito que desexar na meirande parte dos centros de ensino». «Froito da deixazón de Xunta e Concello no mantemento do Álvarez Limeses, atopámonos precisamente cun nivel educativo excelente, en infraestruturas claramente deficientes das que a comunidade educativa traslada constantes demandas, queixas e advertencias de riscos», denunciou.
Puentes incidiu en que a proposición rexistrada polos socialistas «non se pode considerar illadamente, senón que se inserta nunha liña de traballo que o PSOE vén mantendo ao longo deste mandato e que pretende situar o mantemento dos centros educativos como un dos focos prioritarios de actuación do Concello». A este respecto, lembrou que, froito da negociación do orzamento do ano pasado e a proposta do Partido Socialista, o Concello duplicou a partida destinada ao mantemento dos centros escolares públicos (que deberá saír a concurso proximamente), «e tamén, a través dos nosos deputados no Parlamento Galego, levamos máis de dous anos para lograr que se acometan obras de mellora en diversos colexios, as máis inmediatas no CEIP A Xunqueira 1 (para resolver o problema do tránsito entre o pavillón e o centro e das inundacións do comedor), no patio de Infantil do CEIP Xunqueira 2 (tamén para acabar coas inundacións) e diversas actuacións en Ponte Sampaio ou no Froebel».
«É certo que a competencia fundamental é da Xunta, pero tamén que o Concello de Pontevedra debería facer moito máis polo mantemento dos seus centros educativos, dunha infraestrutura básica na que día a día moitas familias confían para que os seus nenos e nenas pasen a maior parte da súa xornada», sentenciou.

Palabra clave
También te puede interesar...
RRSS