Saltar al contenido

¡Síguenos!

Os socialistas de Pontevedra, a UGT e a Fundación Luis Tilve conmemorarán o 95 aniversario da II República cunha homenaxe ao papel que xogaron os médicos a través do caso da familia Zbarsky Kuper

  • Os actos organizados para o luns 13 de abril consistirán nunha ofrenda floral no Cemiterio de San Amaro e unha palestra na que intervirán David Simón Lorda, doutor en Medicina e investigador; Roxelio Pérez Poza, secretario da Fundación Luis Tilve; e Iván Puentes, secretario da Agrupación Socialista de Pontevedra

Pontevedra, xoves 9 de abril de 2026.- A participación política dos médicos na II República e as súas consecuencias, cunha lembranza do caso pontevedrés da familia Zbarsky Kuper, serán o eixo das actividades organizadas pola Fundación Luis Tilve, a UGT e Agrupación Municipal Socialista para o luns 13 de abril con motivo do 95 aniversario da II República. Ademais dunha ofrenda floral que terá lugar no Cemiterio de San Amaro ás 18:00 horas, os actos conmemorativos incluirán unha palestra centrada nos Zbarsky que se desenvolverá no paraninfo do IES Valle-Inclán a partir das 19:30 horas e na que intervirán David Simón Lorda, doutor en Medicina e investigador; Roxelio Pérez Poza, secretario da Fundación Luis Tilve; e Iván Puentes, secretario xeral do PSOE de Pontevedra.

No díptico informativo que a Fundación e os socialistas distribuirán no marco desta efeméride destácase a importancia transcendental da proclamación da República, o 14 de abril de 1931, na historia de España, que trouxo consigo unha democracia e unha Constitución progresista que recoñecía o Estado social de dereito. Tal e como relata Roxelio Pérez Poza, «en Pontevedra, inicialmente, Bibiano Fernández Osorio y Tafall se puxo á fronte do Concello e Amancio Caamaño, presidente do Centro Republicano, á fronte da Deputación Provincial», e neste contexto, a Agrupación Socialista de Pontevedra, creada en 1896, «tomou pulo e inicio un proceso de afiliación desde o primeiro momento». «Entre os que participaron sumándose ao novo proxecto da que se denominou Agrupación ‘La Internacional’ -explica- estaba Abraham Zbarsky, xunto con socialistas históricos, ocupando o número 20 dos inscritos».

Nado en Lodz, Abraham Zbarsky Geller instalárase en Pontevedra, procedente da URSS, cara ao ano 1925. Era dentista e pertencía a unha familia de médicos e odontólogos. Casado con Sofía Kuper (tamén provinte da URSS), tiñan dous fillos, Elías e Jacobo, que exercerían igualmente a odontoloxía, como a súa nai, en Vigo e Ferrol, xunto co seu tío Simeón Kuper, socialdemócrata fuxido da represión zarista de 1905 e dun destino siberiano (instalado primeiro en Ourense e, posteriormente, en 1914, en Vigo, abrindo camiño ao resto da familia).

Abraham Zbarsky pertenceu á Sociedade Filharmónica de Pontevedra, da que foi directivo, colaborou como socio nas actividades do Seminario de Estudos Galegos e formou parte da Executiva da Agrupación do Partido Socialista de Pontevedra. Asemade, participou como delegado no Congreso extraordinario de 1931 e o seu nome aparece nunha lista previa de candidatos ó Congreso dos Deputados.

O fillo de Abraham, Jacobo, nado igualmente en Lodz, estudou a carreira de Medicina en Santiago entre os anos 1931 e 1934 e graduouse en 1935 na Universidade de Madrid. Inscrito no Colexio de Odontólogos de Pontevedra e Ourense, iniciou a actividade profesional co seu tío, Simeón Kuper. Licenciado como brigada de complemento, o 20 de xullo de 1936 foi convocado polo gobernador civil, Gonzalo Acosta Pan, para presentarse co uniforme militar a fin de prestar o seu servizo á defensa da República. O 21 de xullo foi detido.

Foi procesado baixo a acusación de terse oposto á declaración do estado de guerra, de actuar como xefe da resistencia, de ameazar cunha pistola ó gobernador para evitar se rendera, de «traición a España» e de disparar contra o hidroavión que voou sobre Pontevedra, procedente de Marín, coa intención de amedrentar ós participantes na posible resistencia. Segundo precisa o director da Fundación Luis Tilve, «o consello de guerra sumarísimo contra Jacobo celebrouse o 7 de agosto e concluíu coa condena a pena de morte, que foi executada inmediatamente, o 10 de agosto de 1936, no Polígono de Tiro do Exército».

Asasinado a sangue frío á altura da Fracha

Abraham, o seu fillo Elías, e os seus cuñados, Simeón Kuper e Elisa Kuper, foron tamén detidos e os tres primeiros confinados na Illa de San Simón. Aínda que se presentaron cargos contra eles, tódalas causas quedaron sobresaídas, con carácter provisorio, e Elisa Kuper foi absolta. A pesar disto, permaneceron detidos e o 29 de decembro de 1936, co suposto motivo de conducilo ao cárcere de Ponte Caldelas, ao parecer á altura da Fracha, foi asasinado a sangue frío, xunto co socialista Ángel Agra Mondragón e con Emilio Vilas Davila.

Simeón Kuper e Elías Zbarsky foron liberados en agosto de 1938 por medio dun intercambio de prisioneiros propiciado polo Comité Internacional da Cruz Vermella, e expulsados de España por Irún. Con eles tamén saíron Sofía e Elisa Kuper. 

Comparte esta noticia Twitter Facebook
Copiar Link
Email Imprimir

RRSS

Visítanos en nuestras redes