O PSOE demanda unha atención digna para as persoas sen fogar de Pontevedra: impulsa a creación dun Albergue Municipal e a activación do innovador programa Housing First
- Os socialistas Iván Puentes e Marcos Rey promoven unha iniciativa plenaria para que se inicien «canto antes» os trámites para a xestión e posta en funcionamento dun centro de acollida, en colaboración con entidades sociais e co cofinanciamento doutras administracións públicas como a Xunta de Galicia ou a Deputación Provincial
- Puentes agarda que o PP «abandone a súa deriva populista» e deixe de comprarlle o «discurso aporofóbico á ultradereita e a Vox»: «Cunha man piden máis atención social e coa outra criminalizan ás persoas sen fogar. Non é un problema de inseguridade, senón de aporofobia e de discriminación das persoas pobres»
Pontevedra, martes 24 de febreiro de 2026.- A pesar de contar coas 27 prazas do albergue de San Javier (7 delas para mulleres), xestionado por unha entidade do terceiro sector como Cáritas, a ausencia dun albergue municipal está a limitar substancialmente a capacidade de resposta do Concello de Pontevedra ante situacións de emerxencia social, especialmente en épocas de frío e choivas ou de cara a atender a chegada de persoas sen recursos á nosa cidade. Segundo os datos achegados por Cruz Vermella, a principal entidade de atención nas rúas que opera no municipio, unhas 253 persoas sen fogar foron atendidas ao longo de 2024 (con máis de 2.500 intervencións sociais, é dicir, entre 25 e 30 persoas ao día), mentres que a media diaria do centro administrado por Cáritas situouse en 2025 nun 96,3%, cunha estancia máxima de 21 días consecutivos e aplicándose a limitación de dous meses sen poder pernoctar novamente.
Un contexto de ‘senfogarismo’ que, en opinión do Grupo Municipal do PSOE, pon de manifesto a importancia de iniciar, «canto antes», os trámites para crear un Albergue Municipal en Pontevedra, establecendo para a súa xestión e funcionamento os correspondentes convenios de colaboración con entidades sociais e solicitando a cooperación e cofinanciamento de Xunta de Galicia, Deputación Provincial e outras administracións públicas. Esta proposta, que os socialistas levarán ao vindeiro Pleno da Corporación, foi presentada hoxe nunha comparecencia conxunta do portavoz do partido, Iván Puentes, e mailo concelleiro Marcos Rey, que incidiron na necesidade de presentar un plan de implantación e funcionamento «no prazo máis breve posible» e de que se dote orzamentariamente este centro de acollida nos vindeiros exercicios económicos.
Ademais, Puentes e Rey solicítanlle ao Concello de Pontevedra que, como complemento ao Albergue Municipal, «estude tamén a progresiva implantación do innovador programa Housing First, destinado a intervir naqueles casos de persoas en situación de ‘senfogarismo’ crónico «mediante a posta a disposición de vivendas normalizadas, con acompañamento social intensivo». Segundo explicou Marcos Rey, «trátase dun modelo xa testado con éxito noutras cidades como A Coruña, Pamplona ou Santa Cruz de Tenerife, que está a ser recomendado por institucións e entidades da UE e a ONU e que se contempla na Estratexia Nacional contra o Senfogarismo».
«Un programa que podemos desenvolver en colaboración con entidades especializadas e co apoio da Xunta de Galicia -indicou o edil socialista- e que ofrece a posibilidade de acceder a fondos europeos ou estatais destinados a políticas de inclusión social e loita contra a pobreza».
Tal e como subliñou Iván Puentes, «a atención de persoas sen fogar constitúe unha responsabilidade social e pública de primeira orde» e os datos que remiten as entidades do sector «evidencian que a demanda está a superar de xeito continuado a capacidade que temos cos recursos actuais, xerando problemáticas nas que persoas en situación de extrema vulnerabilidade quedan sen acceso a un teito e a unha atención básica». «O resultado é que non dispoñen doutra opción máis que durmir nas rúas e prazas da nosa cidade, ás veces en condicións meteorolóxicas tan adversas como as que padecemos no inicio de 2026», lamentou.
Pontevedra, sinalou o portavoz do PSOE, contou historicamente con varios centros de acollemento noturno e atención básica, «como o albergue Calor e Café (12-15 prazas) e o de San Javier en Monte Porreiro (20 prazas e xestionado por Cáritas), que durante anos desempeñaron unha función esencial ofrecendo noites de estadía, alimentación e acompañamento social a persoas en situación de alta vulnerabilidade». Ao seu xeito de entender, «o peche do albergue Calor e Café en 2022 supuxo unha diminución significativa na rede de atención social coa que contaba Pontevedra».
«O que plantexamos a través desta proposta -asegurou Puentes- é a recuperación dun Albergue Municipal como recurso público esencial de atención social e garantía dunha atención integral e digna de persoas sen fogar. Consideramos esencial que se reforce a coordinación entre o Concello de Pontevedra, as entidades do terceiro sector e outras administración para avanzar cara a un modelo baseado na inclusión e a dignidade de tódolos cidadáns».
Unha atención básica (pernoita, hixiene, alimentación e acompañamento), baixo a coordinación dos Servizos Sociais do Concello
O concelleiro socialista Marcos Rey explicou que este Albergue Municipal deberá contar cunha atención básica (pernoita, hixiene, alimentación e acompañamento social), «facilitando o acceso a persoas en situación de exclusión severa e sendo coordinado polos Servizos Sociais municipais». Segundo precisou, «a xestión e funcionamento artellarase mediante convenios de colaboración con entidades que teñan experiencia contrastada no ámbito social, tales como Cáritas, Cruz Vermella e outros colectivos locais». «Ditas entidades -engadiu o edil- poderán participar na xestión diaria do centro de acollida, na intervención social e no acompañamento personalizado, así como colaborar con outros recursos sociais e sanitarios».
Rey incidiu na necesidade de que o Concello fomente a colaboración con outras administracións públicas, en especial a Xunta e a Deputación, «a través de convenios de cofinanciamento, acceso a programas de inclusión social, e coordinación cos servizos sociais autonómicos e sanitarios». Así mesmo, explorarase a posibilidade de acceder a fondos europeos ou estatais destinados a políticas de inclusión social e loita contra a pobreza.
Iván Puentes agarda que, cando vaia a Pleno, a proposta goce de apoio unánime de tódolos grupos políticos (nacionalistas e ‘populares’ abstivéronse na Comisión de Benestar), «do BNG porque decida sensibilizarse con este asunto e do PP porque, efectivamente, cunha man pide sempre máis cartos para políticas sociais, pero cando os socialistas introducimos medidas como o incremento das axudas ás entidades que traballan neste eido, vota en contra dos orzamentos». Neste sentido, criticou «a contradicción que supón por parte do Partido Popular que, cunha man, pidan máis atención social e culpen á mala xestión dos Servizos Sociais municipais da presenza de tanta xente na rúa, e ao mesmo tempo estar coa outra man tódolos días criminalizando ás persoas que viven na rúa en Pontevedra, acusándoas de inseguridade, de delincuencia e diso que se inventou Rafa Domínguez de que vivimos nunha cidade absolutamente insegura».
«Lembremos que o señor Domínguez chegou a dicir que Pontevedra era unha cidade na que a un se lle acoitelaba cando paseaba pola rúa cos seus fillos polas tardes. Chegamos a ese extremo, cando os datos din todo o contrario -aseverou Puentes-, que a inseguridade en Pontevedra se ten reducido. E desde logo, se un vai ver os delictos do último ano, non son precisamente as persoas que viven na rúa as que protagonicen, nin de lonxe, a maioría dos delictos que se cometen nesta cidade. Todo o contrario».
«Agardamos que o PP lle faga polo caso, xa non ao que pide o PSOE, senón a organizacións que traballan neste eido como Cáritas»
O líder do PSOE ten moi claro que se trata de «persoas que están en situación de vulnerabilidade, vítimas de adiccións a substancias en moitos casos, e en torno ás cales, precisamente por falta de recursos, se xeran problemas de convivencia con veciños, comerciantes ou outras persoas sen fogar». Para Iván Puentes, a creación dun Albergue Municipal sería un dos xeitos «para atallar eses problemas de convivencia», xa que «cando un pernocta nun albergue debe acceder sen estar baixo os efectos das drogas ou do alcol, ten que someterse a unha rutina de aseo, de deitarse e levantarse a unha hora determinada…». «Todo iso vai axudando pouco a pouco a que ás persoas, se queren, voluntariamente, se lles poida prestar axudar para saír desa situación de rúa. Pero non ten nada que ver coa inseguridade e coa violencia, e desde logo non son as persoas sen teito de Pontevedra as protagonistas da meirande parte dos delitos que se cometen en Pontevedra ao longo do ano», insistiu.
Puentes espera que o PP «abandone esa deriva populista e de verdade practique ese ‘buenismo’ que ás veces quere practicar falando de política social, aínda que logo sempre lle sale a vea ultradereitista rapidamente e lle compra o discurso a Vox». Tal e como sinalou, «non é un problema de inseguridade, senón de aporofobia e de discriminación das persoas pobres, que teñen menos recursos e que están en situación de vulnerabilidade, ás que basicamente culpan de tódolos males que acontecen na cidade».
«Agardamos que o PP lle faga polo menos caso, xa non ao que pide o PSOE, senón a organizacións relixiosas como Cáritas, que traballan neste eido e que teñen claro que hai que darlle atención a estas persoas e que un albergue axudaría a paliar a situación destas máis de 250 persoas que Cruz Vermella detectou que habitan na rúa en Pontevedra», engadiu.
Palabra clave
También te puede interesar...
RRSS