O PSOE eloxia o labor de tutela e asesoramento que Asovedra está a efectuar en Pontevedra no proceso de regularización de inmigrantes aberto polo Goberno de España
- Nunha visita á Casa Azul para seguir de preto as tarefas de orientación que o equipo da asociación está a efectuar, o concelleiro socialista Marcos Rey quixo poñer en valor un servizo que está a atender cada semana a unhas 350 persoas procedentes doutros países
- O presidente de Asovedra, Manuel Osorio, expresou que «están sumamente contentos e orgullosos de participar neste momento histórico»: «A medida do Goberno foi xusta e necesaria»
Pontevedra, mércores 6 de maio de 2026.- Desde primeira hora da mañá, o equipo humano coordinado pola Asociación de Venezolanos e Iberoamericanos en Pontevedra (Asovedra) atendeu a un ordenado pero incesante goteo de persoas procedentes de países como Senegal, Marrocos, Colombia ou a propia Venezuela. Un traxín de ‘papeleo’ e asesoramento individualizado ao que asistiu o concelleiro socialista Marcos Rey, acompañado polo presidente do colectivo, Manuel Osorio, ao que eloxiou persoalmente «polo magnífico labor de tutela que esta asociación está a desenvolver na Casa Azul para ofrecer tranquilidade a tódalas persoas migrantes que desexan acollerse ao proceso de regularización extraordinario aberto polo Goberno de España». «Trátase dun servizo de orientación, e mesmo de xestión, xa que se encargan incluso de ‘subir’ a documentación requirida, que está a atender a un ritmo de entre 50 e 60 persoas ao día, é dicir, de entre 350 e 420 persoas á semana».
Como «un multicolor de nacionalidades» definiu Osorio o ambiente que se está a vivir nestas axetreadas xornadas, nas que Asovedra atende a unha maioría de migrantes afincados na nosa cidade, pero tamén de diferentes puntos da comarca de Pontevedra e da do Salnés. Tal e como explicou, as tarefas comezan «coa revisión da documentación, verificando se a teñen ‘ao día’, posto que moitos están á espera da carta de antecedentes». «A moitos dicímoslle que lles é preferible agardar un pouco máis, de xeito que poidan introducir toda a documentación e evitar que lles fagan o requirimento. Tamén lles axudamos co informe de vulnerabilidade se o precisan. Principalmente, para os cidadáns que veñen desde África, a carta de antecedentes é o trámite que está a atopar máis dificultades», apuntou.
Marcos Rey aproveitou a ocasión para enxalzar «a traxectoria que Asovedra leva na nosa cidade, apostando sempre por algo tan necesario como a integración das persoas migrantes», ao tempo que lembrou que «no caso de España, hai estudos que establecen a necesidade de incorporar uns 200.000 inmigrantes por ano para poder seguir mantendo o estado do benestar». O edil precisou que «o traballo de Asovedra permite axudar á regularización de xente que, en moitos casos, xa leva anos traballando en Pontevedra, de xeito que poidan mellorar a súa calidade de vida e optar a algúns oficios que carecen de man de obra».
Manuel Osorio asegurou que os membros de Asovedra «están sumamente contentos e orgullosos de participar neste momento histórico, e tamén agradecidos de que se produxese un proceso tan necesario». Na súa opinión, a migración «non debe empregarse nin á dereita nin á esquerda», xa que «realmente precisamos desta man de obra e que se integren neste país todos os que están para xerar riqueza». «Non podemos ter a máis de 500.000 persoas somerxidas nunha economía informal, que non paga impostos e que é propensa a unha violación dos dereitos. A medida do Goberno foi xusta e necesaria», subliñou.
Ata a data, a asociación que preside leva atendidas nas dependencias da Casa Azul a máis de 800 persoas (hai xa en lista outras 180 citadas con expedientes en marcha), sendo Venezuela, Marrocos, Colombia, Perú e Brasil os principais países de procedencia das persoas atendidas. Un traballo de tutela que resulta posible grazas a un equipo que conforman 7 voluntarios en Pontevedra, 4 en Vigo e 2 en Vilagarcía.
Todos aqueles que desexen beneficiarse da axuda de Asovedra neste proceso de regularización deben poñerse en contacto coa asociación a través do email asovedra@gmail.com ou do número de whatsapp 675 36 57 06.

Palabra clave
También te puede interesar...
RRSS