- O portavoz socialista, Iván Puentes, reclámalles ás administracións competentes «unha maior empatía e dilixencia para restablecer canto antes os espazos e servizos afectados (comedor escolar, ximnasio, salón de actos e patios exteriores), en condicións de seguridade e dignidade para alumnos e profesores», ao tempo que solicita unha revisión das obras efectuadas pola Consellería para a instalación do ascensor co obxectivo de coñecer os erros de execución que levaron á caída do falso teito
Pontevedra, venres 30 de xaneiro de 2026.- Os socialistas de Pontevedra consideran «absolutamente vergoñenta e insostible a grave situación de deterioración que padecen as instalacións do CEIP A Xunqueira 1», afectadas por recorrentes asolagamentos que inutilizaron espazos esenciais como o comedor escolar e o salón de actos e, máis recentemente, polo derrubamento dun falso teito nunha zona reformada para instalar un ascensor no centro. O portavoz municipal do PSOE, Iván Puentes, aféalles a Xunta de Galicia e Concello que non coordinen as súas actuacións a fin de solucionar estes persistentes problemas estruturais e esíxelles «que escoiten dunha vez o SOS que lles enviou a Anpa (a través dun escrito), inicien de xeito inmediato os estudos técnicos necesarios para determinar as causas dos alagamentos e que, unha vez delimitadas, executen con urxencia as obras precisas para poñerlles fin a estas inundacións e aos desperfectos estruturais que se repiten ano tras ano».
Puentes reclámalles «unha maior empatía e dilixencia para restablecer canto antes todos os espazos e servizos afectados, garantindo o normal funcionamento, en condicións de seguridade e dignidade para a comunidade educativa, o comedor escolar, o ximnasio, o salón de actos e os patios exteriores». Ademais, pídelle á Consellería de Educación unha revisión das obras realizadas para a instalación do ascensor, «a fin de establecer cales foron os erros de execución que levaron á caída do falso teito e de corrixilos para que este tipo de incidente non volva acontecer».
Tal e como sinala, o CEIP A Xunqueira 1 «vén sufrindo desde hai anos unha situación continuada de deterioración das súas instalacións, agravada de maneira especialmente crítica nos últimos meses, sen que ata o momento as administracións competentes teñan dado unha resposta axeitada e eficaz». «Desde o pasado 14 de novembro -denuncia-, este centro educativo pontevedrés ten inutilizados o comedor escolar e o salón de actos como consecuencia dos asolagamentos. A constante presenza de auga obriga a empregar bombas de achique no patio do colexio a diario, evidenciando un problema estrutural grave e persistente; e desde esa data, o servizo de comedor préstase, de maneira provisional, nun espazo que carece de auga corrente e das instalacións necesarias, sen garantir as condicións mínimas de seguridade, hixiene e calidade que debe ter un servizo tan esencial para o alumnado».
Unha situación que se viu aínda máis agravada o pasado 26 de xaneiro co colapso dun falso teito recentemente reformada a raíz das actuacións efectuadas pola Xunta de Galicia para a instalación dun ascensor: o incidente provocou a inundación da planta baixa do colexio, deixando esa zona inhabilitada e impedindo o acceso dos alumnos e alumnas a outro espazo tan fundamental como o ximnasio como (o que levou á suspensión das aulas de Educación Física). Para Iván Puentes, «a pasividade e a falta de coordinación da Xunta e o Concello resulta aínda máis incomprensible se temos en conta que a dirección do centro venlles comunicando estas incidencias en repetidas ocasións, sen obter ata agora ningunha resposta nin solución efectiva».
Cómpre lembrar que, sendo o CEIP A Xunqueira 1 un centro educativo público da Comunidade Autónoma de Galicia, ao Concello de Pontevedra correspóndelle o mantemento ordinario das súas instalacións e á Xunta a execución das obras maiores que resulten necesarias. «A falta de coordinación e de actuacións por parte de ámbalas administracións -asegura Puentes- está a derivar nunha situación de abandono institucional que afecta directamente ao dereito do alumnado a recibir unha educación pública de calidade en condicións dignas e seguras».
Unha situación insostible xa denunciada no Pleno do Concello e que agora chegará ao Parlamento galego
Os socialistas de Pontevedra xa impulsaron no mes de novembro unha iniciativa plenaria na que lle esixían á Xunta a execución urxente dun plan de prevención de inundacións e unha reforma integral do centro educativo. A moción, presentada polo propio Iván Puentes e mailo concelleiro Manuel Fariña, instaba á Consellería de Educación a consensuar coa comunidade educativa, e máis particularmente coa Anpa e a dirección do CEIP A Xunqueira 1, as obras necesarias para acabar cos recorrentes asolagamentos no patio, o pavillón e o comedor do colexio, así como coas súas deficiencias estruturais.
Neste sentido, o Grupo Municipal do PSOE lamenta que, en lugar de arrimar o ombreiro, Rafa Domínguez e os concelleiros do PP centraran os seus esforzos en espallar bulos e confusión para tapar a deixazón de funcións de Rueda e da Xunta e intentar «endosarlle ao Concello de Pontevedra unha intervención que, coa Lei na man, é de clara competencia autonómica (a Consellería é competente na construción, reforma e reparación dos centros educativos públicos)».
Co obxectivo de manter apoiar as reivindicacións da Anpa e de manter a presión para acadar unha intervención urxente, os socialistas decidiron elevar estas demandas ao Parlamento autonómico a través dunha iniciativa rexistrada pola deputada Paloma Castro. Entre outras cuestións, Castro pretende coñecer se a Xunta de Galicia ten previsto executar obras de carácter estrutural no centro educativo para poñer fin, de xeito definitivo, aos reiterados asolagamentos e desperfectos, censurando que a Consellería de Educación «non se avergoñe de manter un comedor escolar funcionando sen auga corrente e unhas instalacións en lamentables condicións de hixiene e inseguridade».
A parlamentaria do PSOE tamén interrogará ao goberno de Rueda sobre as medidas que se adoptaron tras o derrubamento do falso teito, tentando coñecer se as obras recentemente realizadas no CEIP A Xunqueira 1 contaban con tódalas garantías técnicas e de seguridade esixibles. «Vaise abrir algún procedemento de revisión ou depuración de responsabilidades polo acontecido?», pregúntase Paloma Castro, quen considera que a Consellería de Educación debe informar con transparencia sobre as previsións que manexa para a reapertura do ximnasio, o comedor, o salón de actos e os patios exteriores, actualmente inutilizados, así como para o restablecemento das sesións de Educación Física.
Palabra clave
También te puede interesar...
RRSS