Saltar al contenido

¡Síguenos!

Os socialistas reivindican a restauración do nome de Pablo Iglesias Posse no rueiro municipal coincidindo co 175 aniversario do seu nacemento e o centenario do seu falecemento

  • A iniciativa impulsada por Iván Puentes con motivo das efemérides conmemoradas a finais de 2025 demanda que se lle dea o nome do fundador do PSOE e a UGT a unha rúa ou espazo público da nosa cidade, como «exercicio de reparación, xustiza, recoñecemento e agradecemento á loita dun galego imprescindible para entender a historia política e democrática de España»

Pontevedra, martes 13 de xaneiro de 2026.- Os socialistas pecharon o 2025 conmemorando os 50 anos de España en liberdade, así como o 175 aniversario do nacemento (18 de outubro de 1850) e o centenario do falecemento (9 de decembro de 1925) de Pablo Iglesias Posse, fundador do Partido Socialista Obreiro Español (PSOE) e a Unión Xeral de Traballadores (UGT). Aproveitando estas efemérides, Iván Puentes decidiu impulsar unha iniciativa para solicitarlle ao Concello que restaure o seu nome no rueiro municipal de Pontevedra, dándollo a unha rúa ou espazo público da nosa cidade acordado entre os grupos políticos da Corporación.

A proposición, rexistrada polo portavoz municipal do PSOE co obxectivo de acadar aprobación plenaria, considera que a recuperación da figura de Pablo Iglesias no noso rueiro suporía un «exercicio de reparación, xustiza, recoñecemento e agradecemento público á loita dun galego imprescindible para entender a historia política e democrática de España». Tal e como subliña, as adversidades que Iglesias atravesou durante unha infancia marcada pola pobreza e polo seu paso por un hospicio de Madrid «forxarían ao líder obreiro, que chegaría a ser un dos galegos máis influíntes non só da historia política, democrática e sindical de España, considerado por todo iso o pai do socialismo e do movemento obreiro democrático no noso país, senón tamén recoñecido no ámbito internacional, sendo un dos asinantes da convocatoria ao congreso constituínte da II Internacional (París, 1889)».

Para Iván Puentes, «a importancia transcendental da súa figura queda patente, ademais de na multitude de eventos que protagonizou en vida, tamén na multitudinaria despedida e honras que recibiu con motivo do seu falecemento, o 9 de decembro de 1925, hai agora cen anos, sendo arroupado por milleiros de persoas chegadas de todos os puntos de España que velaron o seu corpo durante varios días». «Recoñecemento -sinala o portavoz do PSOE- que proseguiu nos anos posteriores, dedicándolle monumentos e dándolle o seu nome a rúas e a diversos espazos públicos de multitude de cidades e pobos de España; a inmensa maioría eliminados dos rueiros deses concellos tralo golpe de estado de 1936 e a posterior ditadura franquista, que no seu intento por falsear a historia de España, pretendeu borrar tamén o extraordinario legado social e político de Pablo Iglesias».

Segundo constata Puentes, «ese foi o caso da cidade de Pontevedra e a súa corporación municipal, que en sesión supletoria do día 31 de xullo de 1931, acordou aprobar o cambio de denominación de varias rúas, entre elas a de que a Praza de San José se pasase a chamar Praza de Pablo Iglesias Posse». Cambio que sería ratificado polo Gobernador Civil, de tal xeito que tanto as autoridades municipais como a provincial formalizaron dita modificación, que se fixo efectiva nos primeiros meses de 1932. «A xestora municipal nomeada polos franquistas tralo golpe de Estado de 1936 -lamenta- cambiou de novo o nome desta praza, que pasou a denominarse Plaza de Calvo Sotelo».

A Praza de San Xosé recuperou o seu nome anterior, pero Pontevedra perpetuou a decisión franquista de excluír a Pablo Iglesias do noso espazo público

A moción que os socialistas levarán a Pleno apunta que «trala restauración da democracia en 1978, moitos deses concellos recuperaron ou incorporaron o nome de Pablo Iglesias ao seu rueiro municipal, pero en moitos outros aínda segue pendente este exercicio de memoria democrática e de xustiza cun dos políticos e pensadores máis relevantes da historia de España». Unha situación na que se atopa Pontevedra, onde a Praza de San Xosé recuperou o seu nome anterior, pero non se lle dedicou a Pablo Iglesias Posse ningunha outra praza ou rúa. «Perpetuando ata os nosos días a malévola e antidemocrática intención franquista de excluír a Pablo Iglesias do espazo público da nosa cidade», sostén o portavoz do PSOE pontevedrés.

Puentes considera que as datas de efemérides que vimos de celebrar en 2025 resultan especialmente acaídas «para que o noso concello salve esa débeda histórica cun dos pais da política democrática deste país e lle dea o seu nome a unha rúa ou espazo público».

Comparte esta noticia Twitter Facebook
Copiar Link
Email Imprimir

RRSS

Visítanos en nuestras redes