O PSOE urxe ao Goberno Local a convocar antes do 10 de decembro o Pleno extraordinario que ratificará a integración da Unidade de Atención ás Drogodependencias (UAD) de Pontevedra dentro do Sergas
- O portavoz socialista, Iván Puentes, considera inexplicable que, despois de case 20 anos reivindicando que a Xunta de Galicia asuma a xestión da UAD, o Concello capitalino aínda non puxera data para esta sesión extraordinaria: «Grazas a esta cesión, poremos fin ás numerosas deficiencias e necesidades insatisfeitas que desde hai décadas levan padecendo as familias e os usuarios»
Pontevedra, 1 de decembro de 2025.- Despois de case 20 anos reivindicando que a Xunta de Galicia asuma a xestión da Unidade de Atención ás Drogodependencias (UAD) de Pontevedra, por fin, a Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp) e o Goberno autonómico veñen de asinar un acordo para fixar os criterios de integración destas unidades asistenciais no Servizo Galego de Saúde (Sergas). Unha asunción efectiva de competencias que require, por parte de tódolos concellos afectados, a convocatoria, antes do próximo 10 de decembro, dun Pleno extraordinario para formalizar o devandito acordo.
Uns «deberes» que, como denuncia o portavoz municipal do PSOE, Iván Puentes, «xa fixeron outros concellos da comarca e do resto de Galicia, coa convocatoria de sesións específicas para abordar este asunto», pero que, inexplicablemente, «o de Pontevedra segue aínda sen facelo». Por este motivo, os socialistas urxen ao Goberno Local «a que poña canto antes a data de celebración deste Pleno extraordinario (antes do 10 de decembro)», de xeito que «poidamos conseguir dunha vez por todas esa ansiada cesión da UAD á Xunta de Galicia».
«E sobre todo -subliña Puentes-, que grazas a esa cesión se poña fin ás numerosas deficiencias e necesidades insatisfeitas que desde hai décadas, por deixazón da Xunta, pero tamén pola do Goberno Local, levan padecendo as familias e os usuarios desta Unidade de Atención ás Drogodependencias situada na Praza de Valentín García Escudero».
En marzo deste mesmo ano, o Grupo Municipal do PSOE impulsou unha iniciativa plenaria na que cargaba contra a deixazón de funcións da Xunta de Galicia coa UAD de Pontevedra, ao obviar por completo as competencias que lle corresponden en materia de Sanidade e poñendo en serio risco a cobertura deste indispensable servizo. Ante esta situación crítica, a moción levada a Pleno polos socialistas esixíalle ao Goberno autonómico que iniciase de maneira urxente os trámites para asumir a xestión e financiamento íntegros da unidade asistencial, incluíndo a todo o seu persoal, procedendo de xeito inmediato ás novas contratacións necesarias para cubrir as baixas por xubilación e asegurando a continuidade e calidade do servizo prestado.
Segundo apuntaban, o estado da Unidade de Drogodependencias de Pontevedra é especialmente preocupante, xa que, entre outras cuestións, a falta de persoal que padece o centro pontevedrés afecta gravemente aos programas de prevención e incorporación social.
Palabra clave
También te puede interesar...
RRSS