Os socialistas acusan ao PP de «xerar ruído» arredor dos alagamentos que padece o CEIP A Xunqueira 1 e esíxenlle á Xunta «que execute con urxencia un plan de prevención de inundacións e unha reforma integral deste centro educativo»
- A través dunha moción plenaria impulsada por Iván Puentes e Manuel Fariña, o PSOE insta á Consellería de Educación «a consensuar coa comunidade educativa», en particular coa Anpa e a dirección, as obras necesarias para acabar cos recorrentes asolagamentos que se producen no patio, o pavillón e o comedor do colexio, así como coas súas deficiencias estruturais
- Acusan aos ‘populares’ de «espallar bulos e confusión para intentar tapar a deixazón de funcións da Xunta» e de querer «empaquetarlle ao Concello unha intervención de diáfana competencia autonómica»: «Coa Lei na man, a Consellería é a autoridade competente na construción, reforma e reparación dos centros educativos públicos»
Pontevedra, martes 25 de novembro de 2025.- O PSOE de Pontevedra considera «absolutamente deplorable» que o PP de Rafa Domínguez tentase «sacar tallada» do grave problema de inundacións que padece o CEIP A Xunqueira 1, «xerando ruído para tapar deixazón de funcións da Xunta, espallando bulos e confusión sobre as responsabilidades de cada administración e mesmo querendo empaquetarlle ao Concello unha intervención de diáfana competencia autonómica». Co obxectivo de que o Executivo que preside Alfonso Rueda «deixe de instrumentalizar aos concelleiros ‘populares’ para intentar embarrar e asuma de xeito urxente as obras que resolvan estes recorrentes alagamentos, os socialistas decidiron rexistrar unha iniciativa na que lle esixen á Consellería de Educación «que redacte e execute un proxecto de prevención de inundacións no patio, o pavillón e o comedor deste centro escolar».
Nesta proposta, impulsada polo portavoz municipal do partido, Iván Puentes, e mailo concelleiro Manuel Fariña, ínstase ao departamento da Xunta a elaborar e financiar unha reforma integral que lles dea solución ás múltiples deficiencias estruturais que presenta o CEIP A Xunqueira 1, un dos centros máis antigos do noso concello. Para o PSOE, a execución das diversas actuacións deberá estar consensuada coa comunidade educativa, en particular coa Asociación de Nais e Pais (Anpa) e a dirección do colexio.
A iniciativa foi presentada esta mañá nunha comparecencia conxunta na que Puentes e Fariña incidiron nos efectos que o cambio climático está a producir na frecuencia e o impacto dos asolagamentos que afectan aos equipamentos educativos e deportivos da Xunqueira do Lérez. «As inundacións foron recorrentes desde a construción do dique (nos anos 60) que deu paso ao recheo da Xunqueira, sobre todo naqueles momentos nos que as fortes choivas coinciden con mareas altas. Pero estes episodios veñen sendo aínda máis frecuentes nos últimos anos -sinalou Fariña-, pola subida do nivel do mar, que deriva nun ascenso do nivel freático e intensifica substancialmente os problemas que sofren estas instalacións, moi en particular as do CEIP A Xunqueira 1, no que as inundacións se dan dun xeito máis repetido e máis danoso».
O concelleiro socialista lembrou que «nesta última década, espazos deste centro educativo que resultan esenciais para o seu normal funcionamento, coma o comedor, o patio de recreo e o pavillón, quedaron asolagados en varias ocasións, a última o pasado día 14 de novembro de 2025». Ao seu xeito de entender, «resulta lamentable que, en lugar de colaborar coa comunidade educativa na solución do problema e esixirlle unha solución urxente e definitiva a quen as competencias, o PP de Pontevedra decidise enviar alí á concelleira Aroa Otero para escenificar un auténtico exercicio de cinismo e desinformación».
Segundo explicou Iván Puentes, «froito das imaxes que saíron publicadas nos medios, hai uns días puidemos ver o estado no que se atopa o comedor do colexio, que quedou absolutamente inutilizado», polo que «xa non estamos a falar só dun patio de xogos, senón dunha infraestrutura esencial na que os nenos e nenas deben pasar varias horas cada día, facendo algo tan importante como é a súa alimentación». Para o portavoz socialista, ante este problema, «non valen nin o escapismo nin as mentiras do Partido Popular; o que hai que facer é actuar: o Concello coas súas responsabilidades e a Xunta asumindo as súas, que son moi claras, coa Lei na man».

«As obras de construción e de mellora -afirmou Puentes- son de competencia autonómica no CEIP A Xunqueira 1 e no resto de centros do municipio e do resto de Galicia. Parécenos un insulto a visita que o PP de Rafa Domínguez fixo ao centro, dedicándose a pasear e mesmo a tentar ‘colarnos’ que as inundacións podían ser froito das raíces dunhas árbores que hai alí (xa que o mantemento das mesmas é municipal). Iso é ter un descoñecemento absoluta da zona, da cidade, da lexislación e das necesidades que teñen os pais, nais e alumn@s».
A este respecto, Manuel Fariña considera que «chegou o momento, coa Lei na man, de rematar con ese histórico e interesado debate en torno ás competencias que lle corresponden a cada administración no eido da execución de obras e actuacións nos centros educativos públicos». Tal e como apuntou, o artigo 25.2 da Lei 7/1985, de 2 de abril, Reguladora das Bases de Réxime Local (LRBRL), «dispón que o municipio exercerá como competencias propias a conservación, mantemento e vixilancia dos edificios de titularidade local destinados a centros públicos de Educación Infantil, de Educación Primaria ou de Educación Especial». «Sendo por tanto a Consellería de Educación da Xunta de Galicia -asegurou- a autoridade competente na construción, reforma e reparación destes edificios, segundo se recolle no artigo 7 do Decreto 138/2024, do 20 de maio, polo que se establece a estrutura orgánica deste departamento autonómico».
Iván Puentes pediulle ao PP «que se deixe de escapismos, bulos e mentiras, e faga o que ten que facer como concelleiros do Partido Popular en Pontevedra, que é esixirlle á Xunta e a Alfonso Rueda que actúen con urxencia para resolver un problema gravísimo». Non obstante, expresou o seu pesimismo, posto que «normalmente, Rafa Domínguez, cando se trata de pedirlle cousas ao PP de Galicia e á Xunta, opta por camuflarse, agocharse, escaparse ou, directamente, por mentir, como fixeron neste caso».
Partidas do PSOE para construír unha beirarrúa que permita conectar o edificio principal co pavillón e para executar un proxecto de drenaxe no patio de Infantil do CEIP Xunqueira 2
Iván Puentes indicou que, desde o Concello de Pontevedra, «tamén hai un traballo previo para atallar esta situación», xa que «nas modificacións de crédito e no acordo para aprobar o orzamento de 2025, o Partido Socialista incluíu unha partida que, segundo a información que temos dos servizos técnicos municipais, está próxima executarse, permitirá solventar unha das deficiencias que provocan as inundacións neste colexio: poder pasar sen mollar os pés e atravesar con seguridade o patio do centro, entre o edificio principal e o pavillón no que os rapaces practican educación física». «É unha obra que nos pediron os pais, como unha das máis urxentes, que podemos entender de conservación, porque é a construción dunha beirarrúa -aclarou-, e que agardamos que poida estar executándose nas vindeiras semanas».
Asemade, Puentes precisou que existe outro proxecto municipal en marcha, «que o PSOE leva reclamando moito tempo», para o CEIP Xunqueira 2 (a carón do Xunqueira 1), «que sistematicamente padece inundacións no seu patio de Infantil, o que fai que se converta nunha lameira e que durante moitos días de inverno os nenos e nenas non poidan xogar ao aire libre». Tal e como precisou, «o motivo é o mesmo e o que procede é executar alí unha obra de drenaxe dese patio, na que o Concello pode colaborar, asumindo competencias difusas coa Xunta de Galicia, xa que ten elaborado un plan de actuación desde o mandato anterior, que foi incluído no orzamento municipal».
Ademais de levala ao vindeiro Pleno da Corporación Municipal para o seu debate e aprobación, os socialistas, a través da deputada Paloma Castro, tamén elevarán a moción ao Parlamento de Galicia.

Palabra clave
También te puede interesar...
RRSS