O socialista Iván Puentes quere combater a soidade non desexada nos maiores de 65 anos cun programa de atención integral coordinado co Sergas e con outros axentes sociais de Pontevedra
- No marco dunha visita institucional ao municipio asturiano de Avilés, que incluíu unha recepción da alcaldesa socialista Mariví Monteserín, os concelleiros do Grupo Municipal do PSOE achegáronse até o Centro de Maiores das Meanas para coñecer, da man do concelleiro de Participación avilesino, Pelayo García, o proxecto que este concello está a desenvolver para xerar un circuíto de captación e diagnóstico individual de persoas maiores que padecen soidade, con medidas concretas orientadas á sensibilización, prevención e intervención
- Nesta xornada de traballo, os edís socialistas tamén tiveron ocasión de visitar o edificio da Factoría Cultural de Avilés, un centro artístico multidisciplinar cunha filosofía de funcionamento moi semellante á Fábrica Cultural que o PSOE contemplara no seu programa electoral, «concibida como un espazo polivalente, cun pequeno auditorio, oficinas de empresas culturais, salas de ensaio para corais ou grupos teatrais…». «Ao igual que Avilés -sinala Puentes-, Pontevedra debe aspirar a contar cunha Factoría Cultural que se converta en motor de fomento da cultura»
Avilés, venres 14 de novembro de 2025.- O portavoz municipal do PSOE, Iván Puentes, pretende impulsar un programa de atención integral, coordinado co Servizo Galego de Saúde (Sergas) e con outros colectivos e axentes sociais de Pontevedra, co obxectivo de adoptar medidas que permitan combater a soidade non desexada nos maiores de 65 anos desde diferentes eidos. A partir dun estudo diagnóstico inicial, o Programa de Soidade Non Desexada permitiría xerar un circuíto e un protocolo de captación e avaliación individual daquelas persoas maiores que padecen esta situación, abordándoa con accións concretas de sensibilización/comunicación, prevención e intervención.
«Asociado a campañas publicitarias e de concienciación, o programa contemplaría liñas de financiamento para actividades destinadas a atrasar ou aminorar as situacións de dependencia e soidade non desexada en persoas maiores; para a posta en marcha dun servizo de acompañamento que fomente a participación social e comunitaria de maiores que presentan indicadores de risco de illamento, vencellándoos a persoas e recursos do seu contorno, creando redes de apoio; para dispoñer dunha estrutura de voluntarios que colaboren neste eido; para desenvolver un plan de detección da fraxilidade e a soidade; organizar actividades de exercicio físico adaptado (con monitores en parques ou camiñadas ‘ao teu ritmo’); e implicar ás comunidades veciñais, asociacións de veciños, entidades sociais e colectivos culturais na detección de casos de soidade non desexada», explica Puentes.
Esta proposta foi anunciada por Iván Puentes no marco dunha visita institucional dos concelleiros do Grupo Municipal do PSOE ao municipio asturiano de Avilés, un concello que dirixe a alcaldesa socialista Mariví Monteserín, cunhas características urbanas e poboacionais asimilables ás de Pontevedra (cuns 77.000 habitantes) e que está desenvolver exitosos programas, nomeadamente nos eidos da promoción económica, a cultura, os servizos sociais ou a vivenda. A xornada arrincou cunha recepción oficial que Monteserín lle brindou á comitiva pontevedresa, xunto co concelleiro de Desenvolvemento Urbano e Económico avilesino, Manuel Campa, e mailo responsable de Participación, Pelayo García. Puentes aproveitou a ocasión para intercambiar coa alcaldesa agasallos promocionais das respectivas cidades, entre eles un loro Ravachol de madeira elaborado por usuarios do Centro Méndez Núñez.





Tras este encontro, os edís socialistas trasladáronse até o Centro de Maiores das Meanas, onde puideron coñecer precisamente, da man do concelleiro Pelayo García, as diversas liñas de acción que abrangue o ambicioso programa de Soidade Non Desexada promovido polo Ayuntamiento de Avilés. Ademais de partidas específicas para reducir o impacto da soidade non desexada en maiores dependentes e acadar a súa integración comunitaria, de dispoñer de importantes achegas para entidades que realicen proxectos con voluntariado e contar con iniciativas de actividade física como ‘Por tu salud muévete’, o concello asturiano está a traballar na implantación do programa ‘Radar Avilés’, que trata de implicar ás comunidades de veciños e aos colectivos veciñais, sociais e culturais na detección de casos de soidade non desexada. Unha iniciativa que, en opinión de Iván Puentes, «permitiría que, na nosa cidade, en colaboración co voluntariado e coa cidadanía máis próxima e comprometida, poidamos detectar situacións de persoas en risco de padecer esta situación, sexa por vivir soas, por carecer de apoio familiar ou por outro tipo de realidades».
A organización de excursións especificamente dirixidas a maiores en colaboración con asociacións veciñais, encontros entre mozos e maiores que comparten inquedanzas, actividades interxeracionais de aprendizaxe de servizos entre estudantes de FP e centros de persoas maiores; a participación en festexos e actividades de lecer-cultura; e a formación en competencias tecnolóxicas (orientadas a reducir a fenda dixital) son outras das liñas polas que está a apostar, con éxito, o Ayuntamiento de Avilés. «Nun contexto de envellecemento poboacional e incremento da esperanza de vida -subliña Puentes-, trátase de xerar unha rede sensible e respectuosa que permita a prevención, detección e intervención no ámbito da soidade non desexada».

A Factoría Cultural de Avilés, un espello da que Puentes proxecta para Pontevedra
A axenda programada para a xornada de hoxe levou aos socialistas de Pontevedra a visitar a Factoría Cultural de Avilés, un centro artístico multidisciplinar situado no edificio da antiga fábrica de camisas Confecciones Camino (construído en 1950). Baixo o paraugas da Fundación Municipal de Cultura do Ayuntamiento de Avilés, a Factoría abriu as súas portas en 2010, ocupa unha superficie de 4.500 m2 e consta de cinco andares ocupados por salas de exposicións, sala de fornos cerámicos, catro salas de ensaio para músicos, sala escénica con capacidade para 120 persoas e bancada retráctil, sala de danza, taller de gravado, catro talleres para artistas plásticos (residencias artísticas), sala de pintura, pantalla para proxeccións de vídeo-arte na súa fachada exterior (La Ventana de la Factoría), FabLab con impresoras 3D, cortador láser, cortador de vinilos, máquina de risografía e biblioteca.
Tal e como sinala Iván Puentes, proxectada para fomentar a cultura de xeito activo, promover o ensino e formación cultural e facilitar novos espazos de promoción e exposición cultural, esta Factoría Cultural de Avilés «ten unha filosofía de funcionamento moi semellante á Fábrica Cultural que os socialistas deseñamos para Pontevedra no noso programa para as eleccións de 2023: concibida como un espazo polivalente, cun pequeno auditorio, oficinas de empresas culturais, salas de ensaio para corais ou grupos teatrais…». «Ao igual que Avilés -sinala Puentes-, Pontevedra debe aspirar a contar cunha Factoría Cultural que se converta en motor de fomento da cultura».
Segundo apuntou o portavoz do PSOE, ademais de ser un centro formativo no que se desenvolven múltiples obradoiros artísticos e culturais (o edificio acolle a Escola Municipal de Cerámica), «a Factoría Cultural converteuse nun viveiro de emprendementos relacionados coa creación artística en tódalas súas disciplinas, saíndo ás rúas e facéndose visible á cidadanía a través de actividades como as Noites Brancas (Beltaine) e as Noites Negras (Samaín), impulsando a música co ciclo de concertos Factoría Sound, un certame de pintura rápida para nenos e adultos, unha feira de cerámica coa presenza de artistas nacionais e internacionais, programas destinadas aos centros educativos e, desde 2015, outorgando oito axudas económicas coa finalidade de apoiar e estimular a produción artística no eido das artes plásticas, gráficas e escénicas».







Palabra clave
También te puede interesar...
RRSS