Saltar al contenido

¡Síguenos!

PSOE e BNG sentan as bases da negociación do novo orzamento coa revisión dos compromisos que xa estaban pactados

  • O primeiro encontro formal entre nacionalistas e socialistas, que tivo lugar esta mañá no Concello de Pontevedra, serviu para analizar o grao de cumprimento dos acordos recollidos en anteriores orzamentos e modificacións de crédito
  • O socialista Iván Puentes, para o que «partir do acordado previamente é o paso necesario para poder consensuar novas actuacións», cualifica a reunión de «frutífera» e avanza que ámbolos partidos seguirán «traballando nas vindeiras semanas coa vontade do que entendemos que é mellor para a cidade, que é que, como aconteceu en 2025, Pontevedra poida ter tamén en 2026 un orzamento que sexa froito do acordo e da visión de BNG e PSOE»
  • En opinión do concelleiro de Facenda, Raimundo González Carballo, o encontro serviu «para dar o pistoletazo de saída aos orzamentos para o 2026, que entendemos que van ser moi positivos para o Concello e para o conxunto dos cidadáns de Pontevedra». «As negociacións están abertas», afirma

Pontevedra, mércores 12 de novembro de 2025.- Os grupos municipais do PSOE e o BNG mantiveron esta mañá, na Sala de Xuntas do Concello, a primeira reunión formal convocada co obxectivo de lograr que Pontevedra teña uns orzamentos consensuados para o ano 2026. O encontro serviu para sentar as bases dunha negociación que se iniciou coa revisión do grao de cumprimento dos compromisos que nacionalistas e socialistas acadaron para a aprobación de anteriores orzamentos e modificacións de crédito.

Á mesa sentaron os concelleiros Raimundo González Carballo, Anabel Gulías e María Xosé Abilleira, por parte do Goberno Local, e o portavoz socialista, Iván Puentes, e mailos edís Yoya Blanco e Manuel Fariña, pola do Grupo do PSOE. Nunha reunión inaugural caracterizada pola mesma discreción coa que se levaron a cabo anteriores negociacións e pola análise técnica dos proxectos e iniciativas xa executados, os que están en marcha ou se atopan en tramitación e aqueles aínda pendentes, ámbalas partes puxeron os mimbres para que a nosa cidade conte o vindeiro ano cos mellores orzamentos posibles, froito do consenso e de medidas achegadas polos dous partidos.

Así o expresou tralo encontro Iván Puentes, quen sinalou que, tal e como se lle fixera constar ao concelleiro de Facenda en resposta á súa invitación para negociar as contas de 2026, «o Grupo Socialista quería partir esta negociación desde a análise dos acordos acadados previamente nestes máis de dous anos que van de mandato municipal, tanto para a aprobación das modificacións de crédito como do último orzamento do ano 2025». «Chequear, de todas esas actuacións que se negociaron no pasado, cales están xa feitas, que son unha boa parte delas, cales están en proceso de execución neste momento e cales están pendentes; e sobre todo -subliñou-, nas que están pendentes, analizar as causas polas que aínda non foron executadas e tamén fixar prazos e un itinerario para que poidan ser realizadas».

Puentes considera que «partir do acordado previamente é o paso necesario para poder consensuar novas actuacións que se inclúan no orzamento do ano 2026». En calquera caso, cualificou a xuntanza como «frutífera» e avanzou que «seguiremos traballando nas vindeiras semanas coa vontade do que entendemos que é mellor para a cidade, que é que Pontevedra poida ter en 2026, como aconteceu en 2025, un orzamento que sexa froito do acordo, da negociación e da visión que tanto o BNG como o PSOE temos para Pontevedra, coincidente nuns puntos e diverxente noutros, nos que temos que discutir, poñernos de acordo e chegar a ese entendemento polo ben dos pontevedreses e pontevedresas».

Do mesmo xeito, Raimundo González Carballo aseverou que a reunión entre o equipo de Goberno e o Partido Socialista serviu «para dar o pistoletazo de saída aos orzamentos para o 2026, que entendemos que van ser moi positivos para o Concello e para o conxunto dos cidadáns de Pontevedra». «As negociacións están abertas -declarou o concelleiro responsable de Facenda- e, a partir de aquí, iremos chegando a acordos concretos que faremos constar nos propios orzamentos que se sometan a debate e aprobación no Pleno».

Comparte esta noticia Twitter Facebook
Copiar Link
Email Imprimir

RRSS

Visítanos en nuestras redes