O socialista Iván Puentes critica que o PP propoña «deixar nun caixón» os cartos que se aforren ao paralizar o trazado da A-57 por Bora e Xeve e aposta por investilos en executar os treitos pendentes entre Vilaboa e O Confurco: «Conectaríamos esta infraestrutura coa autovía das Rías Baixas mediante unha estrada de alta capacidade libre de peaxe»
- As emendas presentadas polo PSOE á moción dos ‘populares’ para que se arquive a continuación da A-57 cara ao norte, aprobadas en Comisión de Mobilidade e Infraestruturas co apoio do BNG, plantexan que sexa a Xunta, e non o Goberno de España, a que asuma a conexión co polígono do Campiño-A Reigosa: «É un despropósito e unha caradura absoluta que se lle pida ao Goberno de España que execute a conexión cun polígono industrial autonómico a través dunha estrada de titularidade autonómica»
- Para Puentes, a moción presentada polo PP «amosa cero proxecto de cidade e reflicte a incapacidade de Rafa Domínguez para poder liderar Pontevedra», xa que «non son capaces de sinalar unha soa proposta para a cidade á que queiran que se destinen os cartos detraídos da parálise da prolongación da A-57 cara ao norte»
Pontevedra, martes 11 de novembro de 2025.- O socialista Iván Puentes considera que o texto da proposta que o PP pretendía levar a Pleno para solicitarlle formalmente ao Goberno de España o arquivo do proxecto da «mal chamada circunvalación de Pontevedra», a autovía A-57, peca tanto de «amnesia selectiva» como de «peticións sorprendentes, estreitez de miras e ausencia de ambición e de proxecto de cidade». Por estes motivos, o portavoz municipal do PSOE rexistrou unha serie de emendas de modificación e adición destinadas «a mellorar as aspiracións» deste texto, entre elas «que os cartos que suporía a continuidade da A-57 cara ao norte, non se deixen nun caixón, para executar outras actuacións indeterminadas», como pide o ‘popular’ Rafa Domínguez, senón que este custe aforrado «se destine ao remate desta infraestrutura polo sur, é dicir, á execución dos 28 quilómetros proxectados entre Vilaboa e O Confurco (Ponteareas), enlazándoa coa A-52 (autovía das Rías Baixas) e permitindo así a conexión directa de Pontevedra con Ourense, a meseta e Portugal mediante unha autovía libre de peaxe».
No transcurso dunha comparecencia na que estivo acompañado pola concelleira Yoya Blanco e que tivo lugar despois de tratar este asunto na Comisión de Mobilidade e Infraestruturas, Puentes subliñou «a sorpresa e perplexidade» que lle provocaron algunhas afirmacións que o Partido Popular fai na súa moción, «como que o trazado é absurdo, que non se sostén nin desde o punto de vista ambiental, nin desde o punto de vista social ou que non responde á realidade de Pontevedra». «Parecería que veu un extraterrestre a facer este trazado da A-57 por Bora e por Xeve, cando foi precisamente o Goberno do PP -lembrou-, con Mariano Rajoy de presidente do Goberno e con Ana Pastor como ministra de Fomento, quen fixo este trazado tan lesivo para as nosas parroquias. Esta amnesia selectiva do PP con respecto ao pasado non deixa de producirme perplexidade».
Iván Puentes tamén considera «sorprendente» que os ‘populares’ lle soliciten ao Goberno de España «que destine este custe que suporía prolongar a A-57 por Bora e por Xeve a executar outras actuacións en Pontevedra», unha frase que «engloba en si mesma a idea que Rafa Domínguez e o Partido Popular de Pontevedra teñen sobre o futuro que queren para esta cidade: ningunha». «Non son capaces de sinalar na súa moción unha soa proposta para Pontevedra á que queiran que se destinen estes cartos que aforraría o Goberno de España arquivando o proxecto da A-57 cara ao norte. Eu non sei se Rafa Domínguez, despois de dous anos e medio, aprendeu o que significa xestionar unha administración, pero hai que lembrarlle que é presidente da Deputación Provincial, nin máis nin menos, e xa debería saber que unha administración non pode coller uns cartos e metelos nun caixón sen máis. Digámoslle ao Goberno de España -afirmou Puentes- en que queremos investir eses cartos que se detraerían da prolongación da A-57. Esta moción, como tantas outras das elaboradas polo PP, está cero traballada, con cero idea, con cero proxecto de cidade, e reflicte a incapacidade de Rafa Domínguez para poder liderar Pontevedra».

Segundo explicou o líder do PSOE, unha das catro emendas rexistradas «ten que ver con entronque do treito en funcionamento da A-57 coa autoestrada AP-9», unha proposta coa que os socialistas están «absolutamente de acordo», pero na que o PP tamén lle solicitaba ao Goberno de España que asumise a súa conexión co polígono industrial do Campiño. Puentes sinalou que o seu partido leva anos denunciando «que debe existir esa conexión por alta capacidade entre o polígono do Campiño-Reigosa e a A-57, máxime cando estamos a falar unicamente de 3,4 quilómetros (os que separan a rotonda de Marcón coa entrada do parque empresarial)», pero o que lles parece «un despropósito e unha caradura absoluta» é que se lle pida ao Goberno de España «que execute a conexión da A-57 cun polígono industrial autonómico, a través dunha estrada como a PO-532, que vai de Pontevedra a Ponte Caldelas e que tamén é de titularidade autonómica».
«Nós estamos a favor de que se realice esa conexión -matizou-, pero cae de caixón que quen debe facer ese entronque entre o polígono do Campiño e a autovía A-57 é a Xunta de Galicia, desdobrando a estrada PO-532, como toda a lóxica máis elemental apunta».
Un apoio rotundo ás reivindicacións dos veciños
En total afinidade co posicionamento expresado polo subdelegado do Goberno en Pontevedra, Abel Losada, os socialistas tamén defenden «que se paralice a prolongación da A-57 que estaba prevista cara ao norte (a través de Bora, Xeve e Verducido)», pero non comparten co PP «que directamente haxa que paralizar todo o que ten que ver coa A-57, xa que Pontevedra ten unha obra pendente e que para nós é absolutamente vital: a prolongación e remate da autovía cara ao sur». «Construír dunha vez por todas eses arredor de 28 quilómetros que separan Vilaboa do Confurco (Ponteareas) e que nos permitirían conectar directamente Pontevedra coa autovía das Rías Baixas e, polo tanto, con Portugal, con Ourense e coa meseta, a través dunha vía de alta capacidade libre de peaxes. É un proxecto xa impulsou o Goberno de José Luis Rodríguez Zapatero, que foi deseñado e que estivo a exposición pública, e que o Goberno de Rajoy e Ana Pastor deixou caducar metido nun caixón. Hoxe habería que reiniciar tódolos trámites, fundamentalmente os ambientais, pero nós si cremos que hai que traballar na A-57 cara ao sur e non cara ao norte», sentenciou.
Para Puentes, o máis importante é que, en todo caso, «apoiemos tódalas peticións dos veciños e veciñas de Bora, Xeve e Verducido en relación con este asunto, polo que levan tantos anos loitando e que agardo que poidamos ver pronto a luz ao final do túnel, preservando a vida que teñen actualmente nestas tres parroquias». Tal e como apuntou, as emendas debatidas na Comisión de Mobilidade e Infraestruturas «foron aprobadas co apoio do BNG», o que significa que a proposición que será levada ao Pleno do vindeiro luns «incluirá xa as modificacións propostas polo PSOE, que creo que reflicten claramente o que queren os veciños de Bora e de Xeve, pero tamén o que precisamos o conxunto dos cidadáns de Pontevedra, que son investimentos e infraestruturas concretas, como a conexión coa autovía das Rías Baixas por alta capacidade, que nos permitan ter unha cidade máis competitiva e con máis posibilidades de desenvolvemento e de futuro». «O PP simplemente votou en contra», engadiu.

Palabra clave
También te puede interesar...
RRSS