- O secretario de Políticas Migratorias e Refuxiados do PSOE, a deputada Marica Adrio e o portavoz socialista Iván Puentes manteñen un encontro con diversos colectivos sociais que traballan con persoas migrantes na nosa cidade
- Ademais de abordar aspectos relativos ao novo Regulamento de Estranxeiría, Diouf tamén centrou a súa intervención «nunha realidade sumamente importante que afecta a Galicia nos eidos da pesca e da agricultura, como é a da inmigración circular», apostando por favorecer «a sinatura de convenios cos países de África Occidental e América Latina dos que proceden os temporeiros»
Pontevedra, venres 24 de outubro de 2025.- Ante acontecementos como o de Murcia (Torre Pacheco) ou o recente ataque ao centro de acollida de menores migrantes de Monforte, «non sabemos por quen, pero probablemente por individuos próximos á extrema dereita», o deputado Luc André Diouf, secretario de Políticas Migratorias e Refuxiados do PSOE, considera que «non podemos permitir cacerías de persoas migrantes nin que se queimen centros, pero a resposta ten que ser unha mensaxe positiva: falemos da contribución dos inmigrantes ao desenvolvemento económico deste país».
«Dos 9,7 millóns que hai en España, 3,5 están cotizando á Seguridade Social, nun país que padece un inverno demográfico e que de verdade precisa de traballadores para manter o benestar social do que desfrutamos. Os nacementos son baixos, os mozos están abandonando moitos territorios (o fenómeno da España baleirada) e quen pode achegar toda esa man de obra que está detrás do noso crecemento económico, referente a nivel europeo, son persoas migrantes. O Goberno traballa para favorecer unha inmigración legal, ordenada e segura, aproveitando a migración circular (temporeiros) e, tamén, para que aqueles que xa están vivindo con nós durante cando menos dous anos poidan, a través dunha oferta de emprego, obter unha autorización de residencia e de traballo».
Este diagnóstico do papel que os cidadáns procedentes doutras latitudes xogan no noso país foi trazado esta tarde por Luc André Diouf no marco dun encontro con representantes de diversos colectivos sociais da cidade que traballan con persoas migrantes. Entre as entidades e asociacións asistentes estiveron Boa Vida, Asovedra, Amiga, Diversidades Acolle, Mans Unidas e as comunidade de senegaleses e de marroquíes de Pontevedra. Baixo a epígrafe ‘Inmigración, cidadanía e dereitos’, a charla-xuntanza protagonizada por Diouf tivo lugar na sede da Agrupación Socialista de Pontevedra e contou coas intervencións da tamén deputada Marica Adrio e mailo portavoz municipal do PSdeG, Iván Puentes, permitindo plantexar algunhas das necesidades concretas das entidades.
Ademais de abordar cuestións relacionadas cos reais decretos aprobados para regular a protección dos menores migrantes non acompañados e de explicar o alcance do novo Regulamento de Estranxeiría que entrou en vigor este ano (trala aprobación do Decreto 1155/2024) a nivel de dereitos laborais e garantías para os empregadores, o deputado tamén centrou o seu coloquio nunha serie de políticas transversais impulsadas polo Goberno de Pedro Sánchez. Segundo apuntou, algunhas delas, como a implementación do Salario Mínimo Interprofesional (SMI) ou o incremento das bolsas, «teñen que ver directamente cos inmigrantes e cos seus fillos, que naceron en Galicia ou que levan tempo vivindo cos seus pais en Galicia».

Luc André Diouf incidiu nun asunto que considera «sumamente importante e que afecta a Galicia nos eidos da pesca e da agricultura, que é a realidade da inmigración circular: poder asinar convenios con certos países dos que procede a inmigración». «Falo de África Occidental e tamén de determinados países latinoamericanos dos que cada ano proceden os temporeiros que veñen a traballar», sinalou.
A quenda de preguntas e intervencións aberta aos compañeiros e compañeiras dos colectivos asistentes serviu para arroxar luz sobre algúns trámites que se atopan con dificultades na nosa comunidade autónoma, como a renovación do permiso de residencia e de traballo ou a demora na resolución das solicitudes de nacionalidade. Diouf tamén fixo fincapé na Iniciativa Lexislativa Popular (ILP) «que moitos compañeiros e compañeiras están agardando, sobre todo aqueles que solicitaron asilo ou protección internacional e non se poden acoller á reforma do Regulamento de Estranxeiría».

Palabra clave
También te puede interesar...
RRSS