O PSOE proxecta unha reforma integral do edificio de Sor Lucía para crear unha Casa das Asociacións destinada a acoller entidades sen ánimo de lucro
- O concelleiro socialista Marcos Rey considera que «dada a elevada demanda de espazos para os colectivos sociocomunitarios, o Concello de Pontevedra debe tamén iniciar a busca de novos inmobles que se poidan adaptar a este uso, ampliando a oferta que xorda da rehabilitación da Casa Azul»
Pontevedra, martes 23 de setembro de 2025.- Os socialistas de Pontevedra queren impulsar unha reforma integral da deteriorada Casa Azul, situada no número 4 da rúa Sor Lucía, co obxectivo de crear unha Casa das Asociacións no centro da cidade, habilitando deste xeito un espazo de titularidade pública para destinalo ao uso compartido de entidades sen ánimo de lucro. A iniciativa plantexa dotar a este futuro fogar dos colectivos sociocomunitarios de recursos básicos necesarios, como salas de reunións, espazos de traballo compartido, conexión a internet, equipamento esencial e apoio técnico.
De cara a definir o modelo de xestión, os servizos e a organización desta sede, abriríase ademais un proceso participativo coas entidades sociais e asociativas de Pontevedra, estudándose fórmulas de coxestión, a través de convenios ou acordos coas propias entidades usuarias, garantindo unha xestión democrática, plural, eficiente e transparente. A proposta, para a que o PSOE buscará apoio de toda a Corporación municipal (xa foi rexistrada unha moción para debater no vindeiro Pleno), foi presentada esta mañá nunha comparecencia na que o concelleiro socialista Marcos Rey subliñou a importancia de que o proxecto da Casa das Asociacións «se integre na planificación estratéxica municipal, como unha ferramenta clave para o fomento da participación cidadá, o voluntariado e a cohesión social».
Non obstante, Rey considera que «dada a elevada demanda de espazos para as entidades sociocomunitarias, o Concello debe tamén iniciar a busca de novos inmobles que se podan adaptar a este uso, ampliando a oferta que xorda da rehabilitación da Casa Azul». Tal e como sinalou, «Pontevedra conta cun tecido asociativo vivo e diverso, formado por entidades culturais, veciñais, xuvenís, sociais, ambientais, deportivas e de todo tipo, que contribúen de forma esencial á participación cidadá, á cohesión social e á dinamización da vida comunitaria».
«Moitas delas -lamentou- carecen dun espazo físico axeitado onde desenvolver as súas actividades, reunirse ou colaborar con outras asociacións. Esta carencia limita a súa capacidade organizativa, a súa visibilidade e a continuidade dos seus proxectos».
Adquirida inicialmente para destinala a casa de acollida para vítimas de violencia machista
Segundo apuntou o socialista, «a necesidade de contar unha Casa das Asociacións non é algo novo». De feito, no ano 1997 o Concello de Pontevedra adquiriu, grazas aos fondos europeos do Plan Urban, varios edificios no centro histórico da cidade co obxectivo de destinalos a fins socioculturais: o Pazo de Mugartegui (hoxe cedido ao Consello Regulador da Denominación de Orixe Rías Baixas), a Casa das Campás (sede da Vicerreitoría do Campus de Pontevedra da Universidade de Vigo) e a Casa Azul, adquirido inicialmente coa intención de convertelo en casa de acollida para vítimas de violencia machista e, de acordo con este fin, a rehabilitación practicada xerou unha distribución a modo de pequenos apartamentos, con baños completos en cada planta o edificio, recunchos de complicado aproveitamento, etc.
«Ao desbotarse tempo despois a creación do centro de acollida -relatou Marcos Rey-, a Casa Azul quedou como unha especie de edificio anárquico, no que tivo cabida case todo: espazos para asociacións, para servizos sociais, para Xuventude, para drogodependencias, para cursos e talleres ocupacionais… e así segue a día de hoxe».
A esa dificultade inicial de deseño súmanse o feito de que as necesidades actuais do tecido sociocomunitario non son as mesmas que a finais do século XX e, tamén, o lamentable estado de mantemento e conservación do edificio da Casa Azul, pouco apropiado para prestar con calidade os servizos que alí ofrecen diversas entidades aos veciños e veciñas de Pontevedra (nestes momentos, 19 entidades), moitos deles e delas en situación de vulnerabilidade. En opinión do concelleiro socialista, «a reforma integral da Casa Azul, adaptándoa ao seu uso real coma Casa das Asociacións de Pontevedra, permitiría dar resposta a esa realidade, proporcionando un espazo común que sexa un referente sociocomunitario, con vida propia, que fomente a participación e o protagonismo da cidadanía, que consolide o tecido asociativo local e cree rede entre as entidades». «En definitiva -engadiu Rey-, que sexa un edificio accesible, público e dinamizador da participación cidadá, xestionado con criterios de transparencia e cooperación.




Palabra clave
También te puede interesar...
RRSS