Saltar al contenido

¡Síguenos!

Os socialistas de Pontevedra alzan a voz para «deter o xenocidio que Israel está a perpetrar na Franxa de Gaza»

  • A través dunha moción que defenderá no Pleno da vindeira semana, o portavoz do PSOE, Iván Puentes, insta «a tódolos grupos políticos desta Corporación a esixir, de xeito contundente e sen paliativos, o cesamento inmediato da masacre do pobo palestino e o apoio ás medidas de presión e solidariedade adoptadas polo Goberno de España»
  • «Agardamos que o PP do señor Domínguez amose máis humanidade e talla moral que o de Feijóo, condene un xenocidio ratificado por investigadores da ONU e rexeite as provocacións e barbaridades que lles escoitamos a Ayuso, Almeida, Tellado ou Muñoz», sostén Puentes 

Pontevedra, mércores 17 de setembro de 2025.- O Grupo Municipal do PSOE quere que o Concello de Pontevedra dea un paso adiante para «deter o xenocidio que Israel está a perpetrar na Franxa de Gaza» e manifestar o seu compromiso coa legalidade internacional, a defensa dos dereitos humanos e a paz, así como a súa solidariedade co pobo palestino. Unha voz que atopará o seu altofalante a través dunha moción que o seu portavoz, Iván Puentes, defenderá no Pleno que se vai celebrar o luns da vindeira semana e coa que se insta «a tódolos grupos políticos desta Corporación a esixir, de xeito contundente e sen paliativos, o cesamento inmediato da masacre do pobo palestino e o apoio ás medidas de presión e solidariedade adoptadas polo Goberno de Pedro Sánchez».

A proposta de acordo foi anunciada esta mañá polo propio Puentes nunha comparecencia na que censurou «os bandazos dun PP que se atreveu a negar o xenocidio, que ten a Feijóo atrincheirado na equidistancia e o silencio cómplice e que comprou o argumentario sionista de Netanyahu, a pesar de que, segundo o último barómetro do Instituto Elcano, un 82% dos españois e un 62% dos votantes de dereitas consideran que Israel está a cometer un xenocidio en Gaza». Para o líder dos socialistas, «o bombardeo sistemático de hospitais e o emprego da fame como arma para matar a nenos e nenas inocentes, nuns ataques que, en base aos datos das autoridades gazatíes, xa deixaron na Franxa uns 65.000 asasinados, uns 20.000 nenos e nenas (a relatora especial da ONU, Francesca Albanese, fala dunha cifra real dez veces maior, de 680.000 mortos), viola tódalas leis do Dereito Humanitario e supón a aniquilación dun pobo indefenso».

En opinión de Puentes, «nós e a maioría da poboación española, con independencia do partido político ao que voten, consideramos que se está a producirse un xenocidio atroz ante o que debemos alzar a nosa voz e, igual de fácil que o tivemos no seu día para condenar a invasión rusa en Ucraína e para adoptar todo tipo de sancións e medidas internacionais contra Rusia, deberiamos telo agora para condenar tamén estes actos de Israel tan sumamente graves e perseguidos mesmo pola Corte Penal Internacional en forma de imputación do seu propio presidente, Benjamín Netanyahu».

O portavoz do PSOE amosou a súa «perplexidade» ante a postura do PP no conxunto do Estado: «Aqueles mesmos que condenaron sen ningún tipo de paliativo o ataque ruso a Ucraína, hoxe, ou non falan, ou amosan equidistancia, ou directamente branquean e xustifican o xenocidio de Israel contra os nenos e nenas e contra a poboación civil de Palestina; desde a presidenta da Comunidade de Madrid, Isabel Díaz Ayuso, que ve un holocausto e persecución de xudeus en Madrid, pero non o ve en Gaza a mans de Israel, pasando pola voceira do PP no Congreso, Ester Muñoz, que cuestiona a legalidade e a capacidade a ONU para determinar se o que está a acontecer en Gaza é un xenocidio ou non, ou polas declaracións incendiarias de Miguel Tellado insultando a tódalas vítimas do terrorismo e dicindo que o que pasou en Madrid no final de La Vuelta Ciclista a España foi kale borroka«.

«Estamos intrigados por saber que pensan Rafa Domínguez e Pepa Pardo: están de acordo coa inmensa maioría da veciñanza de Pontevedra ou van perpetuar o camiño que Ayuso e Feijóo iniciaron cara á ultradereita?»

«A verdade é que estamos intrigados por saber que pensa o PP de Pontevedra. Por saber se Rafa Domínguez e Pepa Pardo están de acordo con Ayuso, Feijóo e Tellado, ou están de acordo coa veciñanza de Pontevedra, que nunha inmensa maioría teñen clarísimo, con independencia do partido político ao que voten, que o que acontece en Gaza é un xenocidio e que Israel está a asasinar poboación civil tódolos días. Aínda que ata o de agora permanece parapetado no máis absoluto mutismo, agardamos que o señor Domínguez e os demais concelleiros do PP de Pontevedra amosen máis humanidade e talla moral que Feijóo, condenen un xenocidio ratificado polos principais expertos internacionais e por investigadores da ONU e rexeite as provocacións e barbaridades que lles escoitamos a Ayuso, Almeida, Tellado ou Ester Muñoz… Veremos se seguen a ser unha dereita moderada e democrática, ou se pola contra, perpetúan o camiño que Ayuso e Feijóo iniciaron cara á ultradereita, cara a Vox e cara ao fascismo», sostén Iván Puentes.

Ademais de esixir o respecto estrito ao Dereito Internacional Humanitario e a protección da poboación civil, con especial atención á infancia, a moción do PSOE reclama «o acceso completo, seguro e sen restricións da axuda humanitaria á poboación palestina», rexeitando o uso desta asistencia como instrumento de guerra. Os socialistas tamén inciden no apoio «ao rotundo posicionamento» amosado polo Goberno de España, defendendo o recoñecemento do Estado de Palestina, a solución de dous estados como única vía posible para unha paz duradeira, a imposición de sancións individuais aos responsables de crimes de guerra e a suspensión do Acordo de Asociación da UE no cumio internacional celebrado en Madrid o 25 de maio de 2025; impulsando medidas como a aprobación dun Real Decreto Lei que consolida o embargo de armas a Israel; solicitando que o estado agresor sexa expulsado das competicións deportivas mentres non cese a barbarie contra os palestinos; ou mesmo anunciando a súa retirada de Eurovisión 2026.

Segundo se apunta na moción, «a intensidade e prolongación dos ataques aéreos e terrestres provocou o colapso total do sistema sanitario, a destrución de vivendas, escolas, universidades, hospitais, infraestruturas eléctricas e de saneamento, e a devastación de centros xestionados por organismos humanitarios». Entre as vítimas cóntanse máis de 150 traballadores de Nacións Unidas, o que converte esta ofensiva na máis letal rexistrada para o persoal da ONU desde a súa creación. Asemade, polo menos 220 xornalistas foron asasinados, a maioría deles palestinos, mentres cubrían os efectos do conflito sobre a poboación civil.

«Alzar a voz desde o ámbito local é unha obriga de orde moral»

Tal e como denuncia o PSOE, «diversas organizacións internacionais, xuristas e expertos en dereitos humanos alertaron de que en Gaza poderían estarse cometendo crimes de guerra e actos de xenocidio, conforme ao establecido na Convención para a Prevención e a Sanción do Delito de Xenocidio de 1948». A relatora especial da ONU para os Territorios Palestinos Ocupados, Francesca Albanese, sinalou que existen motivos razoables para considerar que Israel está a levar a cabo actos tipificados na devandita Convención. Organizacións como Human Rights Watch, Amnistía Internacional e Médicos Sen Fronteiras coincidiron en denunciar «a existencia de prácticas sistemáticas de exterminio, desprazamento forzoso, e privación deliberada de alimentos e servizos esenciais».

En opinión de Iván Puentes, «a defensa da dignidade humana, o rexeitamento da violencia indiscriminada e o respecto ao Dereito Internacional Humanitario forman parte dos valores que definen o noso compromiso democrático», polo que «os concellos, como institucións máis próximas á cidadanía, non poden manterse á marxe ante este xenocidio». «Alzar a voz desde o ámbito local é non só lexítimo, senón unha obriga de orde moral», asegurou Puentes.

Comparte esta noticia Twitter Facebook
Copiar Link
Email Imprimir

RRSS

Visítanos en nuestras redes