Puentes lánzase á «carreira definitiva» para liderar a Alcaldía de Pontevedra: «Hai unhas gañas irrefrenables de cambio nesta cidade e a única garantía dese cambio é votarlle ao PSOE»
- O novo secretario xeral da Agrupación Socialista diagnostica que «a caída do BNG é hoxe imparable» e asegura que «hai xente á que lle entran calafríos ao pensar que Rafa Domínguez poder ser alcalde da nosa cidade». «As enquisas sitúano lonxísimo da maioría absoluta. O cambio só pode chegar en 2027 da man do Partido Socialista», sostén
- José Ramón Gómez Besteiro defendeu que «Pontevedra precisa dun novo impulso», xa que «non se pode vivir da inercia e da inacción», e ese pulo «ten un nome, que é o de Iván Puentes, unha magnífica persoa e socialista, con ideas e con equipo»
Pontevedra, sábado 21 de xuño de 2025.- «Estou contento porque hoxe se inicia o camiño, a carreira definitiva, para que o Partido Socialista lidere a Alcaldía de Pontevedra. Hai unha sensación e unhas gañas irrefrenables de cambio nesta cidade. As enquisas sitúan a Rafa Domínguez lonxísimo da maioría absoluta e só existe unha opción para cambiar Pontevedra, que é o PSOE». Con estas conviccións emprendeu hoxe o novo secretario xeral da Agrupación Socialista de Pontevedra, Iván Puentes, a senda coa que pretende darlle forzas renovadas a esta cidade, tomando o relevo dun alcalde «que fixo cousas boas, pero que a día de hoxe está esgotado e sen pulo para gobernar nos vindeiros anos».
Para Puentes, «a caída do BNG en Pontevedra é hoxe imparable», algo que reflicten a rúa, as enquisas e as urnas, cunha perda progresiva de votos dos nacionalistas nas últimas eleccións, polo que a única decisión que temos que adoptar os cidadáns de Pontevedra é «cando se vai producir o cambio». Segundo ironizou, «hai xente á que lle entran calafríos ao pensar que Rafa Domínguez pode ser alcalde da nosa cidade», máxime despois de coñecer como xestiona como vicepresidente da Deputación, onde «non lle resolveu nada a ningún veciño nin impulsou un só proxecto nestes dous anos». «Os cidadáns xa lle dixeron que non o queren de alcalde», sentenciou.
Tal e como subliñou, «a única garantía de cambio en Pontevedra é votar ao Partido Socialista, que os veciños e veciñas confíen no partido que, cando goberna, capta máis investimentos, a cidade funciona mellor, escoita aos cidadáns e sabe entender Pontevedra». «Que sabe que en Pontevedra hai que falar de rúas -apuntou- pero tamén de empresas e chan industrial, de vivenda… Estamos preparados, queremos escoitarvos, queremos saír á rúa e recoller ideas, propostas e soños para poder mellorar Pontevedra: un soño, unha necesidade, un desexo para Pontevedra, un voto. O PSOE é a vosa casa, eu quero ser o voso alcalde e estou seguro de que, se nos esforzamos e traballamos durante estes dous anos, ese cambio e ese soño van chegar da man do Partido Socialista en 2027».
Nun acto celebrado esta mañá na Sala Zennet e no que estivo arroupado por uns 250 militantes, simpatizantes, veciños e voceiros de diversos colectivos, así como polo secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro; a presidenta do partido, Carmela Silva; o secretario provincial, David Regades, e o subdelegado do Goberno, Abel Losada, o líder do PSOE de Pontevedra agradeceu á secretaria xeral saínte, Maica Larriba, o labor desempeñado durante estes anos. «Por permitirme acompañala como secretario de Organización -sinalou-, pero sobre todo por saber facer esta transición tranquila e por poñer, por enriba de todo, a unidade, a tranquilidade e a paz do partido. Mal que lles pese a algúns, o Partido Socialista é hoxe un partido vivo, unido, que vive en paz, que sabe discutir e confrontar, pero sempre desde a lealdade».

Puentes amosouse «especialmente ilusionado» co equipo de 30 persoas que o acompañarán a partir de agora na dirección do PSOE pontevedrés: «Se xa estaba enchufado, se xa estaba cada día pola mañá co cronómetro posto pensando en maio do ano 2027, se cada cousa que facemos me fai estar tremendamente ilusionado con poder ser alcalde de Pontevedra… Compartir estes dous anos que quedan con esta marabillosa xente, é un privilexio».
Besteiro: «Hai que xerar novas esperanzas e expectativas empresariais e establecer unha alianza produtiva co medio ambiente»
Neste mesmo sentido, José Ramón Gómez Besteiro defendeu que «Pontevedra precisa dun novo impulso», xa que «non se pode vivir da inercia, da inacción e de mellorar, exclusivamente, os espazos públicos». Ao seu xeito de entender, «hai que facer máis, xerar novas esperanzas e expectativas empresariais, xerar novos desenvolvementos e novos obxectivos de futuro, establecer esa alianza produtiva co medio ambiente…».
«Todo isto -asegurou Besteiro- ten un nome aquí, en Pontevedra, que é o de Iván Puentes, unha magnífica persoa e socialista, con ideas e con equipo».
Na que foi a súa despedida como secretaria xeral do PSOE local, Maica Larriba dixo que, nestes complicados momentos que atravesa o partido, «ningún de nós ten que agochar a cabeza», posto que «os que teñen que avergoñarse son aqueles que non foron leais e tiveron unha conduta vergoñenta». Larriba deu as grazas a unha Executiva saínte «que logrou manter a unidade da Agrupación e que decidiu apostar polo futuro, por Iván Puentes, que estivo ao meu lado na Secretaría de Organización». «Logramos facer unha transición tranquila, ordenada e da que todos e todas nos sentimos satisfeitos», engadiu.
Fin á persecución xudicial que padeceu Besteiro
Na súa intervención, Iván Puentes referiuse «á xente indigna de militar no PSOE», afirmando que «o importante é como reaccionemos uns e outros ante eses feitos» e poñendo en valor a resposta dun presidente do Goberno que «automaticamente, sen sentenza, sen sequera xuízo celebrado, pon á xente na rúa cando pasan estas cousas». A este respecto, Puentes tamén aludiu ás «forzas que, neste país, están a poñer todo o seu empeño en imputar inxustamente e en facer pasar por calvarios de anos a xente que non fixo absolutamente nada e cuxo único pecado é ser socialista».
«Un dos que tivo que pasar esa peregrinaxe foi o noso secretario xeral José Ramón Gómez Besteiro -lembrou-, que foi vítima do compadreo dalgún partido político con algunha xuíza que non exercía ben o seu traballo e que acabou sancionada posteriormente por iso. Esta semana despexouse a última dúbida que podía quedar co arquivo da derradeira peciña de toda esta infamia á que lle someteron e que ten nome e apelidos: unha señora que se chama Elenia Candia, presidenta do PP de Lugo, que mandou anónimos ao Xulgado acusando ao noso secretario xeral de todo tipo de falsidades e infamias».

Palabra clave
También te puede interesar...
RRSS