Iván Puentes asume o liderado do PSOE de Pontevedra ao relevar a Maica Larriba á fronte da Secretaría Xeral do partido
- Guillerme ‘Yeyo’ Pérez Agulla será o responsable dunha Secretaría de Organización que contará co apoio de tres áreas de traballo adxuntas: unha Secretaría de Acción Electoral, en mans de Manuel Fariña; unha de Administración, que levará Lucía Iglesias, e outra de Xustiza e Asesoramenteo Xurídico, a cargo de Pedro Hermida
- Nunha Executiva na que, por primeira vez, haberá máis mulleres que homes (un 55% dos membros), Paloma Castro será vicesecretaria xeral e secretaria de Igualdade, mentres que Yoya Blanco ocuparase doutra das secretarías clave, a de Estratexia Política
- Tal e como subliña Puentes, trátase dunha dirección «con moito protagonismo feminino», cunha idade media de 46 anos, na que «están representadas as diferentes sensibilidades do partido» e que marida «unha certa continuidade» cunha «profunda renovación», xa que «practicamente a metade dos seus membros incorpórase por primeira vez a este órgano de dirección»
Pontevedra, sábado 21 de xuño de 2025.- O portavoz municipal do PSOE, Iván Puentes, asumiu hoxe o liderado orgánico da Agrupación Socialista de Pontevedra, ao relevar a Maica Larriba á fronte da Secretaría Xeral do partido. A súa candidatura (a única presentada) foi ratificada esta mañá por aclamación nunha asemblea que serviu de preámbulo do acto de presentación da nova Comisión Executiva Municipal, celebrado na Sala Zennet ante uns 250 militantes e simpatizantes e coa presenza, entre outros cargos, do secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro; a súa presidenta, a senadora Carmela Silva; o secretario provincial, David Regades, delegado da Zona Franca de Vigo, e o subdelegado do Goberno, Abel Losada.
O coordinador comarcal do PSOE, Guillerme ‘Yeyo’ Pérez Agulla (vicesecretario 1º e secretario de Formación na anterior Executiva), será o substituto de Puentes como responsable dunha Secretaría de Organización que artellará a súa xestión co apoio de tres áreas de traballo adxuntas: unha Secretaría de Acción Electoral, en mans do concelleiro Manuel Fariña; unha de Administración, que levará a xefa de Gabinete do Grupo Municipal, Lucía Iglesias, e outra de Xustiza e Asesoramenteo Xurídico, a cargo do avogado Pedro Hermida.
Nunha dirección con moito protagonismo feminino, na que haberá 17 mulleres e 14 homes (supoñen o 55% dos membros), a deputada autonómica Paloma Castro será vicesecretaria xeral e secretaria de Igualdade, mentres que a concelleira Yoya Blanco (recentemente nomeada vicesecretaria da Executiva Provincial) ocuparase doutra das secretarías clave de cara ás eleccións de 2027, a de Estratexia Política.

A nova Executiva, que seguirá presidindo Benito Gama, terá a Patricia Vilán como secretaria de Política Municipal; a Alicia Rodríguez Esteban como secretaria de Militancia, Mobilización e Participación; a Fernando Baena como secretario de Urbanismo e Vivenda; a Roxelio Pérez Poza como secretario de Memoria Democrática; e aos concelleiros Marcos Rey e Carmen Hermo como secretarios do Medio Rural e Barrios e de Educación e Universidades, respectivamente, incorporando a Sara Díez á área de Estratexia Electoral, a María Abollado á de Política Social e ao médico David Ferreira á de Sanidade.
Tal e como subliña Puentes, trátase dunha Executiva cunha idade media de 46 anos (o maior, Benito Gama, ten 84 anos, e máis mozo, David Fraga, secretario de Deportes, tan só 21), na que «están representadas as diferentes sensibilidades do partido» e que marida «unha certa continuidade da anterior» cunha «profunda renovación», xa que «practicamente a metade dos seus membros incorpórase por primeira vez a este órgano de dirección»: 17 repiten e 14 estréanse na Executiva (destas novas incorporacións, 10 son mulleres e 4 homes).
Palabra clave
También te puede interesar...
RRSS