As Xuventudes Socialistas abren este sábado en Pontevedra o programa conmemorativo polo 14 de abril co foro sobre memoria democrática e republicanismo ‘Rosario Hernández, A Calesa’
- Entre os relatores desta xornada, que terá lugar este sábado a partir das 12:00 horas na sede local do PSOE, estarán Iván Puentes, secretario de Memoria Democrática da Executiva do PSdeG; Paloma Castro, deputada autonómica e responsable socialista da área de Memoria no Parlamento; e Guillerme ‘Yeyo’ Pérez Agulla, director da Fundación Luis Tilve
Pontevedra, xoves 10 de abril de 2025.- Coincidindo coa inminente conmemoración do vindeiro 14 de abril, Día da República, as Xuventudes Socialistas de Galicia (XSG) celebrarán este sábado 12 de abril en Pontevedra o ‘Foro Rosario Hernández, A Calesa’, sobre memoria democrática e republicanismo. Entre os relatores que protagonizarán esta xornada, na que se achegarán diferentes perspectivas sobre a memoria democrática, o labor desempeñado polos socialistas a prol da súa recuperación, o papel do galeguismo ou a aplicación dos valores democráticos na Galicia actual, estarán Iván Puentes, secretario de Memoria Democrática da Executiva do PSdeG; Paloma Castro, deputada autonómica e responsable socialista da área de Memoria no Parlamento Galego; e Guillerme ‘Yeyo’ Pérez Agulla, director da Fundación Luis Tilve.
O foro desenvolverase a partir das 12:00 horas na sede local do PSdeG de Pontevedra (rúa Irmáns Nodales, 6) e tamén contará coas intervencións de Celia Inés Feijóo, presidenta do Comité de Memoria Histórica da Comarca de Celanova, e de Brais González, historiador e militante das XSG. Ademais, participarán nos actos de apertura e de clausura David Fraga, secretario xeral das XSG de Pontevedra; Alberto Ledo, coordinador provincial das XSG; Xurxo Doval, secretario xeral das XSG; David Regades, secretario provincial do PSdeG; e Carmela Silva, presidenta do partido.
No transcurso deste foro presentarase a campaña deseñada polas XSG co gallo do 14 de abril, que recollerá o recoñecemento a compañeiros e compañeiras das Juventudes Socialistas e das Juventudes Socialistas Unificadas (JSU), así como a militantes ou simpatizantes mozos e mozas do PSOE en Galicia, que sofreron a represión do franquismo trala sublevación, pola defensa dos seus principios ideolóxicos socialistas, obreiros e republicanos. O nome do foro, ‘Rosario Hernández, A Calesa’, proponse tamén como recoñecemento á militante da UGT e simpatizante do PSOE de 20 anos que foi torturada e asasinada pola Falanxe en 1936 (e que neste 2025 será incluída na campaña do Día da República).



Palabra clave
También te puede interesar...
RRSS