Os socialistas elevan a presión contra a «deixazón de funcións» da Xunta coa Unidade de Atención á Drogodependencia e impulsan unha moción para que asuma «con urxencia» toda a súa xestión e financiamento
- O Grupo Municipal do PSOE, que levará a iniciativa ao Pleno deste mes, denuncia a «situación crítica» da UAD e esíxelle ao Goberno autonómico a asunción inmediata das competencias que lle corresponden en materia sanitaria, incluíndo todo o persoal da Unidade, de xeito que se garanta a continuidade e calidade do servizo prestado coas novas contratacións necesarias para cubrir as próximas baixas por xubilación
- Iván Puentes censurou a campaña de medo e aporofobia que o PP de Rafa Domínguez está a orquestrar, «relacionando dun xeito lamentable e condenable, como fan Vox ou Donald Trump, delincuencia con vulnerabilidade e atención social»: «Pedímoslles que deixen de estigmatizar á poboación máis vulnerable e lle esixan ao seu partido e a Alfonso Rueda que cumpran coa Lei de Sanidade»
Pontevedra, xoves 13 de marzo de 2025.- Os socialistas non están dispostos a aturar por máis tempo a «deixazón de funcións» da Xunta de Galicia coa Unidade de Atención á Drogodependencia (UAD) de Pontevedra, obviando por completo as competencias que lle corresponden en materia de Sanidade e poñendo en serio risco a cobertura deste indispensable servizo. Ante esta «situación crítica», o Grupo Municipal do PSOE vén de rexistrar unha proposición para que o Goberno autonómico inicie «con urxencia» os trámites para asumir a xestión e financiamento íntegros da UAD, incluíndo a todo o seu persoal, procedendo de xeito inmediato ás novas contratacións necesarias para cubrir as próximas baixas por xubilación e asegurando a continuidade e calidade do servizo prestado.
Segundo denuncian na súa iniciativa, que será levada este mes ao Pleno da Corporación Local para o seu debate e aprobación, o estado da Unidade de Drogodependencias de Pontevedra «é especialmente preocupante», xa que, entre outras cuestións, a falta de persoal que padece o centro pontevedrés «está a afectar gravemente aos programas de prevención e incorporación social». Nestes momentos, o centro situado na praza de Valentín García Escudero conta cun psicólogo pronto a xubilarse, unha enfermeira, unha auxiliar de enfermería e unha administrativa, todos eles a xornada completa (a Xunta envía dous días á semana a un médico psiquiatra e a un traballador social). Ademais, na unidade de día emprazada na Casa Azul traballan un psicólogo, ao que tamén lle queda pouco para xubilarse, e un informático.
A complicada situación pola que atravesa o servizo foi exposta polo portavoz municipal do PSOE, Iván Puentes, e mailo concelleiro Marcos Rey, nunha comparecencia que tivo lugar esta mañá na Sala de Prensa do Concello. Tal e como subliñou Puentes, «estamos a falar de persoal do Sergas e, con tal motivo, urximos á Xunta a que asuma de inmediato as súas competencias e efectúe unhas contratacións imprescindibles para cubrir as inminentes baixas por xubilación». «Trátase dun servizo -asegurou- fundamental para a comunidade, que conta cada vez con máis usuarios e resulta inadmisible que o PP volva amosar unha vez máis a súa absoluta falta de sensibilidade en materia de Sanidade e de Servizos Sociais».
O líder do PSOE lembrou que, no ano 2021, o Pleno do Parlamento autonómico aprobou unha proposición non de lei presentada polo Grupo Socialista na que se reclamaba un Plan Galego de Saúde Mental, que incluía, entre outras medidas, a asunción por parte da Xunta das unidades de Atención á Drogodependencia que aínda dependían dos concellos (en cumprimento da Lei Xeral de Sanidade, que establece que son os departamentos de saúde das comunidades autónomas, neste caso o Sergas, os que deben asumir en exclusiva as competencias na atención sanitaria das diferentes enfermidades). Asemade, tamén se aprobou por unanimidade unha segunda proposición non de lei que incidía na necesidade que o Sergas asumise esta competencia, centrándose especificamente na UAD de Pontevedra.

Para o concelleiro socialista Marcos Rey , «é unha verdadeira tomadura de pelo que, varios anos despois, a transferencia de competencias non se teña materializado». «Por suposto, a responsabilidade desta demora non a teñen os 13 concellos afectados nin a Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp), senón unha Xunta que non para de poñer escusas e paus nas rodas. O último destes pretextos é que se está a elaborar un estudo sobre a viabilidade xurídica da transferencia, cuxo avance -afirmou- está a resultar dunha lentitude realmente exasperante. Chama moito a atención esta deixazón de funcións do PP nunha competencia tan relevante como a sanitaria, cando, ao mesmo tempo, negocian de xeito frenético co Estado o traspaso dunhas competencias do litoral que non reclamaron en 15 anos… En pleno escándalo polo ‘privilexiado’ chalé de Feijóo».
Rey indicou que o servizo contaba hai uns dez anos cun equipo de 12 persoas «e agora mesmo hai uns 8 traballando no mesmo», nun contexto no que o Sergas lle deriva á UAD a persoas con problemas de drogodependencias, senón tamén con outras adiccións como o alcoholismo». «A Xunta, que ten a competencia exclusiva en materia sanitaria, está a cometer unha clara deixazón de funcións e botando balóns fóra», denunciou o concelleiro do PSOE.
«A UAD de Pontevedra leva anos languidecendo e o consumo de substancias adictivas está a vivir un repunte»
Iván Puentes fixo fincapé na importancia de dispoñer unha Unidade de Drogodependencias que dea cobertura á cidade e ao seu contorno, ao tratarse dun servizo esencial «para poder axudar a unha poboación especialmente vulnerable: a que padece algún tipo de adicción e que precisa do sistema sanitario público para poder superala e ter un seguimento e un tratamento axeitados». Segundo sinalou, «a UAD de Pontevedra leva anos languidecendo, uns anos nos que a Xunta non executa esa incorporación definitiva ao Sergas nin cubre as baixas do persoal sanitario e administrativo, o que fai que a atención aos usuarios se resinta e os traballadores que quedan teñan unha carga laboral excesiva». «Os concellos -lamentou- estamos desesperados ante a inacción da Xunta. Neste 2025, estamos pendentes de dúas novas xubilacións na UAD de Pontevedra, o que fará que a situación sexa aínda máis precaria».
Tal e como apuntou, «ogallá puidesemos dicir que as adiccións e as drogodependencias son unha cousa do pasado, algo que nos rememora aos anos 80, pero desgraciadamente iso non é así e estamos a ver como o consumo de substancias adictivas e, en xeral, de drogas ilegais, está vivindo un preocupante repunte no conxunto do Estado, de Galicia e do concello de Pontevedra».
O portavoz socialista tamén censurou a campaña de medo e aporofobia que o PP de Rafa Domínguez está a realizar na nosa cidade, «que dun xeito absolutamente lamentable e condenable relacionou delincuencia con vulnerabilidade e atención social». Neste sentido, pediulles aos ‘populares’ que, «se de verdade están preocupados pola atención social que merecen moitos veciños e veciñas de Pontevedra, deixen de estigmatizar á poboación máis vulnerable e fagan o que non fan nunca, que é esixirlles ao seu partido e a Alfonso Rueda que cumpran coa Lei de Sanidade e coas obrigas e competencias que ten a Xunta, asumindo e xestionando de verdade a UAD».
«Iso é o que lles ten que preocupar -engadiu- e non intentar vencellar, como fan Vox ou como fai Donald Trump, delincuencia con pobreza, vulnerabilidade social ou cos sectores da poboación que merecen máis apoio por parte dos poderes públicos; porque hai xente que ten problemas de adicción a drogas ilegais que visten de traxe, que teñen moitos e que contan con aceptación social que tamén precisan de axuda, e moita outra xente que recibe atención da UAD e non ten ningún problema de delincuencia ou de comportamentos sociais incívicos».


Palabra clave
También te puede interesar...
RRSS