Saltar al contenido

¡Síguenos!

Besteiro volve apostar por Iván Puentes para a Executiva do PSdeG ao confiarlle unha das secretarías de nova creación: será o responsable de Memoria Democrática

  • Nun Comité Nacional que reduciu o seu número de membros elixidos polo Congreso á metade (duns 200 a uns 100), a Agrupación Socialista de Pontevedra gañou peso específico ao lograr introducir a cinco membros: Yoya Blanco, Manuel Fariña, Yeyo Pérez, Marica Adrio e Juan Carlos Pérez Santiago
  • Ademais, a parlamentaria Paloma Castro formará parte do Comité Federal, onde Pontevedra non tiña ata agora ningún membro da ‘cota’ que lle corresponde a Galicia

Santiago de Compostela, 9 de marzo de 2025.- O líder dos socialistas galegos, José Ramón Gómez Besteiro, volve apostar polo portavoz municipal do PSdeG, Iván Puentes, ao confiarlle unha das secretarías estratéxicas e de nova creación na Executiva Nacional conformada no conclave desta fin de semana. Así, Puentes, que ata a data se ocupaba da área de Análise e Prospectiva, será a partir de agora responsable da Secretaría de Memoria Democrática e Laicidade (unha aposta persoal de Besteiro).

Esta é a terceira ocasión na que Besteiro expresa a súa confianza por Puentes e a sexta na que o portavoz do PSOE pontevedrés asume un cargo no máximo órgano de dirección dos socialistas a nivel galego (tamén o fixo con Emilio Pérez Touriño, Gonzalo Caballero e Valentín González Formoso).

Asemade, nun Comité Nacional que reduciu á metade o número de membros elixidos polo Congreso (pasando duns 200 a uns 100), a Agrupación Socialista de Pontevedra logra manter cinco dos seis membros que tiña e, polo tanto, gañar en peso específico. Os cinco nomes que entran son os de Yoya Blanco e Manuel Fariña, concelleiros do Grupo Municipal do PSOE; Marica Adrio, deputada no Congreso; Yeyo Pérez, secretario comarcal do PSdeG e vicesecretario da Executiva Municipal, e Juan Carlos Pérez Santiago.

Besteiro tamén fortalece a súa confianza nunha das políticas cun papel máis activo no Parlamento Galego, a deputada Paloma Castro, vicesecretaria e secretaria de Igualdade da Executiva Municipal, que pasará a formar parte do Comité Federal do partido, onde os socialistas de Pontevedra non tiñan ata agora ningún membro da ‘cota’ que lle corresponde a Galicia.

Deste xeito, as aspiracións do PSOE pontevedrés saen reforzadas do XV Congreso Galego, tanto no que atinxe á presenza do Grupo Municipal nos órganos de dirección (Iván Puentes, Yoya Blanco e Manuel Fariña), como no que se refire ao conxunto da Agrupación Local (coas súas deputadas por Pontevedra, Paloma Castro e Marica Adrio).

Puentes: «É un claro respaldo do secretario xeral ao noso traballo; busca reforzarnos aínda máis de cara a acadar unha Alcaldía socialista en Pontevedra en 2027»

Tal e como expresou o propio Iván Puentes, «Pontevedra sae contenta e reforzada deste Congreso dos socialistas de Galicia, en primeiro lugar porque participamos activa e directamente, da man do secretario xeral, José Ramón Gómez Besteiro, no proceso de renovación profunda que o PSdeG inicia neste Congreso, tanto de cargos orgánicos como, sobre todo, de proposta política que ofrecerlle á cidadanía». 

«E en segundo lugar, en clave xa puramente local, a Agrupación Socialista de Pontevedra aumenta considerablemente o seu peso e a súa representación nos diferentes órganos do partido, tanto en áreas de nova creación, como a Secretaría de Memoria Democrática e Laicidade, que é unha aposta persoal do secretario xeral e que lle confía a Pontevedra a súa dirección, como no que se refire ao Comité Nacional e á delegación de Galicia no Comité Federal do PSOE», subliñou.

Un papel que Puentes recibe como «un claro respaldo do secretario xeral e da dirección dos socialistas de Galicia ao traballo que está a facer a Agrupación Socialista de Pontevedra e que ten como obxectivo, evidentemente, reforzarnos aínda máis, acadar máis apoio e confianza da cidadanía e que, no ano 2027, a cidade poida ter por primeira vez unha Alcaldía socialista e poida vir a renovación en Pontevedra da man do PSOE».

Comparte esta noticia Twitter Facebook
Copiar Link
Email Imprimir

RRSS

Visítanos en nuestras redes