O socialista Iván Puentes asegura que o acordo para os orzamentos de 2025 «é unha boa noticia para toda cidadanía de Pontevedra, excepto para o PP e para Rafa Domínguez»: «A verdadeira traizón é que, tendo capacidade de influenza e de facer realidade as promesas aos veciños, un renuncie a facelo por un cálculo electoral»
- O portavoz municipal do PSOE pídelle aos ‘populares’ que «mintan menos e traballen máis» e lamenta que aposten por unha política de «terra queimada», renunciando a incluír un só proxecto do seu programa nas contas municipais e tentando desgastar ao Goberno Local para «arrapañar uns votos» a costa do sufrimento da cidadanía pontevedresa
Pontevedra, 10 de febreiro de 2025.- O portavoz municipal do PSOE, Iván Puentes, asegurou esta mañá, trala celebración da sesión extraordinaria da Comisión de Facenda, que o pacto para a aprobación dos orzamentos de 2025, que repercutirá no beneficio dos veciños e veciñas e que vai resolver parte dos seus problemas, «é unha boa noticia para toda a cidadanía, menos para o PP e para Rafa Domínguez». Puentes lamentou que os ‘populares’ se atrevan a tildar de «traizón» este acordo orzamentario e respostou de xeito contundente: «Que é traizón? A crónica do seu ‘non’ anunciado e que con 11 concelleiros, e polo tanto unha tremenda capacidade de influenza nos orzamentos municipais, renuncien a incluír un só proxecto neses orzamentos, que a cidadanía pontevedresa sufra durante os vindeiros anos e non se acaden ningún dos obxectivos que prometeron no seu programa electoral, e simplemente voten que non para tentar desgastar ao Goberno, practicar unha política de terra queimada e, a costa diso, arrapañar uns votos máis nas próximas eleccións municipais… Iso é traizón ou non é traizón aos pontevedreses? Esa é a verdadeira traizón, que cando un ten capacidade de influenza e de facer realidade o que lles prometeu aos veciños e veciñas de Pontevedra, renuncie a facelo, simplemente por un cálculo electoral».
«Esta é a política de Rafa Domínguez -advertiu- e o que lle espera á cidade no caso de que poida ter capacidade de decisión real en Pontevedra». En contrapartida, segundo expresou, os socialistas «practicamos unha política totalmente diferente», xa que «cando se quere dialogar, chegar a acordos e traballar en beneficio da cidade, estivemos aí e imos continuar estando aí durante os vindeiros dous anos que quedan de mandato». Neste sentido, destacou avances tan relevantes como o logrado para Raíña Vitoria, «que se dependese do PP seguiría exactamente igual (porque simplemente votan que non ao orzamento), e que hoxe, grazas a unha achega do PSOE ás contas, dispón dun proxecto para estudar a mobilidade desa zona e reurbanizar o conxunto desta rúa e de San Roque».
Asemade, destacou que, se dependeran do voto do PP, «os funcionarios municipais seguirían exactamente igual que a día de hoxe», pero grazas ao Partido Socialista «dispoñemos por primeira vez dunha partida para comezar a traballar nunha carreira profesional que levan moitos anos reclamando, e duplicamos a partida de produtividade, para que vexan recoñecido todo ese sobreesforzo en horas extra que fan cada día». Por último, en relación á feira ambulante, Iván Puentes lembroulle a Rafa Domínguez que «o PSOE ten rexistrada unha iniciativa que será debatida ao longo deste ano, unha vez rematados os informes que deben emitir as diferentes administracións (entre elas o Servizo de Patrimonio do PP na Xunta), e a suposta maioría que existe no Pleno, porque o PP xa mudou de postura varias veces, poderá decidir que queremos facer co mercadillo na Alameda».
«Polo tanto, o que ten que facer o PP é mentir menos e traballar máis», sentenciou o líder socialista.
Un 30% dos investimentos levarán o selo socialista
Puentes lembrou que neste 2025 Pontevedra vai ter orzamentos municipais «grazas aos votos do PSOE e ao diálogo, a negociación e o pacto acadado co Goberno Local para facer realidade moitos dos proxectos que os socialistas comprometemos na última campaña electoral e polos cales recibimos un crecente apoio por parte da cidadanía». Un acordo que se traducirá «en máis dereitos para todas e todos, ao incrementarse por exemplo o plantel dos Servizos Sociais para atender ás persoas que máis o precisan»; na posibilidade de controlar o incremento dos prezos da vivenda a través da proposta socialista para declarar determinados puntos da cidade como zonas de mercado residencial tensionado; no aumento das subvencións que as entidades deportivas reciben do Concello, facilitando que «os nosos fillos e fillas poidan practicar deporte en mellores condicións e con máis recursos»; nun novo contrato de limpeza que permita ter unha cidade máis limpa…
«Unha cidade máis verde e natural, que loita mellor contra os efectos do cambio climático -subliñou o portavoz do PSOE-, porque proxectos con selo socialista, como a apertura e restauración do río dos Gafos, a renaturalización das ribeiras do Lérez e outras actuacións no conxunto dos espazos naturais do concello de Pontevedra, tamén teñen financiamento nestes orzamentos municipais; vai ser tamén unha cidade que saiba tratar mellor ao rural, xa que as contas contemplan un notable incremento para o mantemento de vías e dos servizos básicos de auga e sumidoiros; e unha cidade que vai apostar por manter mellor os seus colexios públicos, porque aumentamos a partida de mantemento grazas ás peticións do Partido Socialista».
Tal e como afirmou, trátase duns orzamentos que «suman máis de catro millóns de euros con selo do PSOE», o que significa en torno a un 30% do capítulo real de investimentos do Concello de Pontevedra para 2025. «Iso é para nós, e para o conxunto da cidadanía de Pontevedra, unha boa noticia. É unha boa noticia que a cidade funcione con normalidade durante 2025, que poida haber unha maioría de votos que suman dous partidos políticos para entenderse, chegar a acordos e pactar un documento que repercuta no beneficio dos veciños e veciñas e que vai resolver parte dos problemas que nos piden que resolvamos… É unha boa noticia para todos, menos para o PP e para Rafa Domínguez».
Palabra clave
También te puede interesar...
RRSS