Iván Puentes amósase «optimista» sobre a posibilidade de chegar a un acordo para aprobar os orzamentos de 2025 ao ver «unha vontade máis construtiva e dialogante» por parte do BNG: «O único ingrediente necesario é que haxa vontade de acordo por ámbalas partes»
- O portavoz do PSOE considera que os nacionalistas comezan a asumir «que non teñen maioría, que están nunha situación máis precaria e que o noso partido é único fiable, confiable e co que se pode falar e negociar en positivo»
- «Era necesario chegar ao extremo ao que chegamos coa cuestión de confianza? Eu creo sinceramente que non», sostén Puentes
Pontevedra, 11 de decembro de 2024.- O portavoz do PSOE, Iván Puentes, amosouse esta mañá «optimista» sobre a posibilidade de chegar a un acordo co BNG para aprobación dos orzamentos municipais de 2025, asegurando que «a día de hoxe hai unha vontade e unha posición máis construtiva e dialogante» que a exhibida hai un ano «por parte do Goberno Local, tanto do alcalde como do concelleiro de Facenda». Na súa opinión, os nacionalistas «asumiron que non teñen maioría e están nunha situación máis precaria da que estaban no mandato anterior, cun goberno en minoría e dous concelleiros menos, e que o PSOE é o único partido da oposición fiable, confiable e co que se pode falar e negociar en positivo», xa que co PP limítase a «votar a todo que non, buscar o mal-peor e desgastar ao Goberno para tentar gañar unhas eleccións pola vía de impedirlle facer as cousas». «Quen paga iso -matizou,- non é o BNG, senón os veciños e veciñas de Pontevedra, que non ven solucionados os seus problemas».
Puentes aclarou que as negociacións se atopan aínda nunha fase moi incipiente, na que estamos intercambiando proxectos e discutindo contías, polo que o tempo dirá se a actitude do BNG «se transforma non só nunha vontade, senón nunha realidade, e podemos ter ese orzamento pactado e negociado». «Por nós non vai quedar, sempre e cando -advertiu- haxa efectivamente vontade de acordo e todos asumamos que hai outros axentes que teñen propostas que deben ser escoitadas e negociadas. Mesmo naquelas cuestións nas que temos puntos de vista diferentes e posicións que non compartimos, seguro que, se hai vontade, existen vías intermedias para poder chegar a entendemento».
Segundo indicou, as propostas que o PSOE está a poñer sobre a mesa «están relacionadas con cuestións que fomos presentando a través de diferentes mocións ao longo destes case dous anos de mandato municipal, que foron tratadas e acordadas en modificacións de crédito, que os veciños e veciñas nos foron trasladando neste tempo e que teñen que ver coa vivenda, o emprego, a creación e asentamento de empresas en Pontevedra, a mellora dos Servizos Sociais e a atención ás entidades, a escola pública… E que en xeral forman parte das preocupacións fundamentais da cidadanía».
Puentes afirmou que, ao igual que o ano pasado, o seu partido «non ten liñas vermellas, está aberto ao diálogo e é favorable a que haxa un entendemento», xa que «o mellor que lles pode pasar aos veciños e veciñas de Pontevedra é que a cidade teña un orzamento pola vía ordinaria en 2025, cunha maioría plenaria que se poña de acordo para aprobalo». «O único ingrediente necesario para que isto sexa posible -puntualizou-, é que haxa vontade de acordo e diálogo por ámbalas partes, algo que o BNG non tivo para os orzamentos de 2024».
O portavoz socialista sostén que as contas que se aproben para 2025 deben ser «de síntese entre as propostas do BNG e do PSOE, coincidentes en moitos casos, diverxentes noutros, pero eu coido que con capacidade de entendernos e de chegar a un acordo polo ben da cidadanía». Iván Puentes tamén fixo fincapé nos numerosos proxectos que inicialmente os nacionalistas rexeitaron á hora de negociar os orzamentos deste ano e que, co paso dos meses, si quixeron executar, como aconteceu coas balsas de inundación de Valdecorvos, o incremento de cartos para o mantemento dos colexios públicos, o aumento de persoal para os Servizos Sociais, duplicar as subvencións para os clubs deportivos municipais, o plan de mantemento de camiños rurais…
«Se hoxe collemos o decálogo que o PSOE presentou hai un ano para aprobar o orzamento, practicamente todo, salvo o que ten que ver coa negociación colectiva dos traballadores do Concello, foi incorporado despois, dun xeito ou doutro, pola vía das modificacións de crédito, cando non había mocións de confianza e os votos socialistas eran necesarios. Era necesario chegar ao extremo ao que chegamos coa cuestión de confianza? Eu creo sinceramente que non».
Palabra clave
También te puede interesar...
RRSS