O socialista Iván Puentes lamenta o ‘realismo máxico’ no que vive instalado o alcalde e asegura que Pontevedra «non pode seguir vivindo de mudar pavimentos»: «Somos a única cidade galega cun Goberno Local que non ten ningún proxecto ambicioso de cara aos vindeiros 15 ou 20 anos»
- O líder do PSOE agarda que, de cara á aprobación dos orzamentos de 2025, o BNG teña «unha actitude de diálogo como a que houbo nas últimas modificacións de crédito» e advírtelle a Fernández Lores que as contas deben ser «unha suma do quere facer o BNG e do que quere o Partido Socialista que sexa a nosa cidade». «O BNG -lembra- debe asumir que non ten maioría absoluta»
- En opinión de Puentes, «cando a maioría de pontevedreses e pontevedresas escoitamos as valoración que Lores fixo sobre o estado da cidade e o inicio do curso político, tivemos a sensación de que vive nunha cidade utópica, na que non existen problemas e non hai ningún reto por diante e na que practicamente todo está xa feito»
Pontevedra, 13 de setembro de 2024.- O portavoz municipal do PSOE, Iván Puentes, lamentou esta mañá, tras coñecer o balance que o propio Miguel Anxo Fernández Lores fixo sobre a súa xestión neste mandato, que tanto o alcalde como o BNG vivan instalados nunha especie de ‘realismo máxico’ e carezan de proxectos ambiciosos para a Pontevedra dos vindeiros 15 ou 25 anos «máis aló de seguir seleccionando as rúas ás que lle imos mudar o pavimento». Puentes agarda que, de cara á negociación dos novos orzamentos, «a nula intención de diálogo que houbo por parte do Goberno Local o ano pasado e que levou a unha situación límite para aprobalos pola porta de atrás, pola vía da cuestión de confianza, sexa substituída de verdade nesta ocasión por unha actitude de diálogo como a que houbo nas últimas modificacións de crédito que negociamos, e que poidamos chegar a un entendemento para aprobalos».
«Se nos chaman para negociar, pasarémoslles as nosas propostas e nós non temos ningún tipo de complexo á hora de votar a favor de propostas do Goberno Municipal se efectivamente xorden do diálogo, do consenso e de asumir que o BNG non ten maioría absoluta e necesita dos votos do PSOE para aprobar os orzamentos. Queremos -advertiulle a Lores- que os orzamentos que se leven a Pleno non só conteñan as intencións do BNG, como sucedeu o ano pasado, senón que sexan unha suma do que quere facer o BNG en Pontevedra e do que quere o PSOE que sexa a nosa cidade nos vindeiros anos».
En todo caso, avanzou que a postura do Partido Socialista para pactar as contas de 2025 «será a que mantivo desde o inicio deste mandato: lograr que se integren nel propostas que melloren a calidade de vida da xente (o noso ensino, a nosa sanidade, os nosos barrios, as nosas zonas verdes, a accesibilidade nos diferentes espazos públicos…); que evolucionen o modelo urbano cara a unha cidade verde e sostible, rexenerando toda a ribeira do Lérez e os espazos naturais que temos no contorno da cidade; que permitan darlles dereitos a quen máis necesidades teñen (usuarios dos servizos sociais e a área de Benestar Social, absolutamente desanxelada de recursos humanos e materiais); que traballen na defensa da xeración de emprego, actividade económica e futuro para Pontevedra; que palien o déficit en materia de vivenda, e que permitan trazar un modelo de cidade que saiba cara a onde quere ir, a que portas concretas ten que chamar para atraer investimentos e que proxectos quere implementar para que Pontevedra sexa unha capital con máis presenza e máis peso na economía galega e española».
Segundo sinalou Puentes, «aínda que un alcalde ten que vender obviamente a súa xestión, cando a maioría de pontevedreses e pontevedresas escoitamos as valoracións que o Lores fixo onte sobre o estado da cidade e o inicio do curso político, tivemos a sensación de que vive nunha cidade utópica, na que non existen problemas e non hai ningún reto por diante e na que practicamente todo está xa feito». «Lémbrame a cando lía no instituto a Gabriel García Márquez e nos explicaban aquilo do realismo máxico, porque parece que o alcalde e o Goberno Local viven instalados no realismo máxico, nunha cidade na que non queda nada por facer».
Uns orzamentos que deben reflectir retos propios dunha gran cidade e capital de provincia
En opinión do líder socialista, «os orzamentos son o documento, o instrumento, no que se reflicte a visión que temos da cidade: se hai retos por diante que precisan de investimentos para poder ser executados no vindeiro ano ou non… Polo tanto, se xa non hai ningún reto, o que debemos facer é un copia e pega do orzamento dos últimos 25 anos e volver a aprobalo». Se ben admitiu que Pontevedra é unha cidade que avanzou moito neste período, especialmente no eido urbanístico, Iván Puentes considera que «aínda temos por diante retos moi importantes para os que non se están a plantexar solucións e dos que practicamente non se fala nin discute».
Entre estas cuestións pendentes, o Goberno Municipal debería abordar e contarlles aos pontevedreses «cales son as súas propostas concretas para xerar chan industrial e actividade económica; para que os máis novos poidan atopar traballo na súa cidade, non teñan que marchar a outros sitios e non teñan que estar collendo o tren ou o autobús tódolos días para ir traballar fóra de Pontevedra».
«Gustaríame tamén que os orzamentos do ano que vén recollan medidas concretas para paliar un problema tan grave como o do acceso á vivenda -subliñou-, que afecta ao conxunto da cidadanía, pero en especial aos máis mozos. Quero saber como imos facer para poñer máis vivenda no mercado, para abaratar un prezo de alugueiro ou de compra que é absolutamente escandaloso: estamos entre as cidades nas que máis se incrementou incluso a nivel estatal. Gustaríame saber como imos mellorar o estado dos nosos colexios agora que comeza o curso escolar, xa que hai centros con importantes deficiencias, moitas delas atribuíbles á Xunta, pero moitas outras á falta de mantemento. Gustaríame saber que proxectos teñen o BNG e o alcalde para os vindeiros anos nesta cidade, máis aló de seguir mudándolle o pavimento ás rúas».
Así, Puentes pregúntalle ao rexedor nacionalista: «Que imos facer co río? Que imos facer co desenvolvemento sostible? Como imos evolucionar a cidade cara unha urbe que sexa sostible, non só a nivel urbanístico, senón que loite de verdade contra o cambio climático máis aló eliminar coches? Como imos recuperar as ribeiras do río Lérez e a integrar tódalas zonas verdes que temos na cidade e no seu contorno? Que infraestruturas e investimentos concretos imos loitar por traer para Pontevedra durante os vindeiros anos?». «Eu non escoitei ao alcalde falar de nada disto», afirmou.
Planificar o desenvolvemento futuro
Tal e como indicou, «somos a única cidade galega cun Goberno Local que non ten ningún reto ambicioso de cara aos próximos anos». «Eu escoito falar da Coruña e tódolos grupos políticos están a debater que facer coa integración do Porto dentro da cidade e como reurbanizar esa zona, como xerar máis emprego e asentar novas industrias alí; escoito a Vigo e están a falar constantemente do asentamento de grandes empresas que xeran milleiros de postos de traballo; escoito a Santiago e Ourense e falan do Ave e da conexión de tren con Portugal… Pontevedra ten un porto ás portas da cidade -lembrou-, que pode e debe ser un motor económico fundamental de desenvolvemento, e sen embargo o Goberno Municipal non plantexa nada e non hai un debate público sobre como podemos potenciar ese Porto durante os vindeiros anos».
Para o portavoz do PSOE, «o que ten que ir reflectido nese orzamento para 2025 é que proxecto teñen Miguel Anxo Fernández Lores e o BNG para a Pontevedra dos próximos 15 ou 20 anos, iso é o que fan as grandes cidades e as grandes capitais de provincia: planificar o seu desenvolvemento futuro». Neste sentido, lamentou que «a día de hoxe non hai nada, máis que seguir seleccionando as rúas ás que lle imos mudar o pavimento», xa que «Pontevedra non pode vivir diso durante os vindeiros 15 ou 20 anos».
Palabra clave
También te puede interesar...
RRSS