Skip to content

Galego

¡Síguenos!

Rey Varela tapa cos aforros municipais uns orzamentos malplanificados

Rafael Fernández: “Os aforros municipais deberían servir para transformar Ferrol, non para corrixir uns orzamentos mal feitos.”


Ferrol, 29 de xuño de 2026.- O Grupo Municipal Socialista poñerá de manifesto o mañá martes na Comisión de Facenda que o suplemento de crédito de 3,63 millóns de euros promovido polo Goberno de José Manuel Rey Varela é unha mostra da deficiente planificación dos Orzamentos Municipais de 2026 e da incapacidade do executivo para executar as súas propias contas.


Para o concelleiro socialista Rafael Fernández, “este expediente é a confirmación de que o PP elaborou uns orzamentos afastados da realidade. Se apenas uns meses despois da súa aprobación teñen que incorporar 3,6 millóns de euros para cubrir gastos perfectamente previsibles, queda claro que o problema non é económico, senón unha pésima planificación orzamentaria”.


O suplemento de crédito destina máis de 1,12 millóns de euros a Recursos Humanos, dos que 500.000 euros corresponden a gratificacións por servizos extraordinarios, ademais de reforzar partidas de salarios e produtividade. Tamén incorpora 500.000 euros para facer fronte á sentenza do Servizo de Axuda no Fogar, 1,25 millóns para pavimentación de viais, 230.000 euros para actuacións de promoción da cidade, 150.000 euros para a achega á Mancomunidade e outras partidas que, segundo os socialistas, xa deberían estar correctamente previstas no orzamento aprobado polo PP. “O máis grave é que o Goberno volve recorrer aos aforros municipais para corrixir os seus propios erros. Uns orzamentos serios non necesitan modificaciónsmillonarias aos poucos meses da súa aprobación para atender gastos que xa eran coñecidos”, afirmou Rafael Fernández.
Os remanentes non son un éxito; son a consecuencia de non executar os orzamentos O PSOE rexeita a mensaxe do Goberno municipal de presentar os remanentes como un exemplo dunha boa situación económica.


“Os remanentes non son un éxito de xestión; son o reflexo da incapacidade do Goberno para executar os orzamentos. Cando ano tras ano quedan sen investir decenas de millóns de euros, o que existe non é aforro, senón unha cidade que deixa de recibir as actuacións que necesita”, asegurou Rafael Fernández. Os socialistas lembran que o Concello leva varios exercicios presentando porcentaxes de execución do capítulo de investimentos moi inferiores ás previstas, deixando sen executar boa parte dos proxectos anunciados. “Rey Varela volve demostrar que é capaz de aprobar orzamentos cheos de grandes anuncios, pero non de executalos. Agora, en lugar de destinar os remanentes a novos investimentos que compensen esa falta de execución, utilízaos para corrixir partidas que xa deberían estar previstas desde o inicio. Esa non é unha boa xestión económica; é a consecuencia dunha mala planificación e dunha incapacidade
manifesta para executar o que se aproba.”


Unha oportunidade perdida para investir en Ferrol
Para o Grupo Municipal Socialista, este expediente supón unha nova oportunidade perdida para impulsar investimentos que melloren a cidade. “Os aforros municipais deberían servir para acelerar proxectos estratéxicos, mellorar os barrios, renovar instalacións deportivas, rehabilitar espazos públicos ou impulsar novas actuacións de futuro. Pola contra, o Goberno do PP destínaos a tapar os buratos dun orzamento que xa naceu insuficiente”, explicou Rafael Fernández.


O PSOE considera que esta forma de actuar confirma a ausencia dunha planificación económica rigorosa e dunha estratexia de cidade.


Improvisación tamén na tramitación
Os socialistas tamén cuestionarán na Comisión de Facenda a forma na que o Goberno municipal está a tramitar este expediente. Mañá celebrarase a Comisión de Facenda na que se ditaminará o suplemento de crédito. Porén, o Goberno municipal convocou inicialmente unha Comisión Ordinaria na que este asunto xa figuraba incluído na orde do día e, horas despois, remitiu unha nova convocatoria para celebrar, apenas quince minutos antes, unha Comisión Extraordinaria e Urxente co único obxecto de tratar exactamente o mesmo expediente.


“Se o expediente xa estaba incluído na Comisión Ordinaria, o Goberno terá que explicar que circunstancia sobrevida xustifica agora a urxencia. Todo apunta a unha nova mostra da improvisación coa que está gobernando Rey Varela e á intención de acelerar a súa tramitación para levalo a un Pleno cuxa convocatoria aínda descoñecen os grupos municipais”, sinalou Rafael Fernández.


O concelleiro socialista concluíu afirmando que “este expediente resume perfectamente a forma de gobernar do PP. Primeiro elaboran uns orzamentos que aos poucos meses xa precisan 3,6 millóns de euros adicionais para funcionar; despois recorren aos remanentes porque non son capaces de executar os investimentos comprometidos; e finalmente improvisan tamén a tramitación administrativa.

Ferrol necesita un Goberno que planifique con rigor, execute os seus propios orzamentos e utilice os recursos públicos para transformar a cidade, non para corrixir os seus propios erros.”

Comparte esta noticia Twitter Facebook
Copiar Link
Email Imprimir

RRSS

Visítanos en nuestras redes