Os grupos municipais da oposición solicitan no Concello que se busque unha solución parapoder celebrar o “Quilómetro do Terror” de Catabois
PSdeG-PSOE, Ferrol en Común e BNG defenderon na comisión desta mañá a importancia de atopar vías de colaboración para manter un dos eventos máis queridos do outono ferrolán.
Os grupos lembran que é un encontro plenamente asentado, con máis de 15 anos de traxectoria e un gran apoio veciñal, clave para a dinamización do barrio.
Destacan a necesidade de arroupar ao pequeno comercio e á hostalaría local promovendo iniciativas que enchen de vida as rúas de Catabois.
Ferrol, 22 de outubro de 2026. Os grupos municipais do PSdeG-PSOE, Ferrol en Común e BNG presentaron na comisión celebrada esta mesma mañá unha proposta conxunta para pedirlle ao goberno municipal que reconsidere a decisión de non levar a cabo o tradicional “Quilómetro do Terror” no barrio de Catabois e traballe de xeito conxunto para facer posible a súa edición deste ano.
A iniciativa xorde despois de coñecerse que, ante a dificultade técnica para canalizar a
actividade a través da liña de subvencións prevista pola Concellería de Promoción Económica, a opción contemplada era a súa suspensión. Ante esta situación, as tres formacións da oposición trasladaron na comisión a necesidade de sumar esforzos e explorar de xeito construtivo alternativas administrativas ou económicas que permitan salvar o evento.
Dende a oposición faise fincapé en que o Quilómetro do Terror é unha cita moi consolidada na cidade, con máis de 15 anos de historia, que ano tras ano conta co agarimo e a participación masiva da cidadanía. Tal e como se puxo de manifesto na última edición, onde o barrio de Catabois volveu rexistrar un éxito de asistencia, trátase dunha data sinalada no calendario que vai máis alá do lúdico, sendo un motor fundamental para a vida do barrio.
Os representantes políticos subliñaron na comisión que momentos coma este son unha oportunidade para demostrar un apoio pechado e achegado ao comercio de proximidade. O pequeno comercio e a hostalaría dos barrios son o corazón da vida urbana de Ferrol, e iniciativas coma esta axudan a xerar actividade, atraen visitantes e fortalecen o tecido local.
Por iso, PSdeG-PSOE, Ferrol en Común e BNG tenden a man para colaborar e animan ao
goberno municipal a buscar de forma conxunta as fórmulas necesarias para que un evento
tan positivo para Catabois e para todo Ferrol poida seguir celebrándose.
Palabra clave
También te puede interesar...
RRSS