“Rey Varela apenas executa o 0,76 % dos investimentos no primeiro trimestre: só 517.000 euros de máis de 68 millóns previstos”
Rafael Fernández denuncia a “falta de traballo e de xestión dun goberno municipal incapaz de transformar os recursos en feitos para Ferrol”
Ferrol, 19 de maio de 2026.- O concelleiro do Grupo Municipal Socialista, Rafael Fernández, denunciou hoxe a “gravísima falta de traballo e de xestión” do goberno de José Manuel Rey Varela tras coñecerse os datos da execución orzamentaria do primeiro trimestre de 2026, que deixan unha conclusión “demoledora”: o Concello apenas executa o 0,76 % das inversións previstas.
Segundo os datos oficiais do propio Concello, Rey Varela conta con máis de 68 millóns de euros previstos para investimentos en 2026, pero ao peche do primeiro trimestre apenas executa 517.217 euros, o que supón só un 0,76 % de execución. “Estamos falando de que, de cada 100 euros que o goberno municipal anuncia para mellorar Ferrol, apenas executa 76 céntimos. Isto non é unha cuestión de cartos: é unha cuestión de falta de traballo”, criticou Fernández.
“Este goberno non pode escudarse en excusas administrativas. Ten maioría absoluta, máis asesores, máis estrutura e máis recursos ca nunca. O problema non é a falta de medios: o problema é que non están traballando ao ritmo que necesita a cidade”, afirmou o edil socialista.
Fernández puxo ademais o foco na comparación co mesmo período do ano pasado, que evidencia “o deterioro da capacidade de xestión do executivo local”. No primeiro trimestre de 2025, a execución do Capítulo 6 situábase no 4,76 %, fronte ao 0,76 % actual, o que supón unha execución seis veces menor malia contar con máis recursos económicos. En termos absolutos, no mesmo período de 2025 xa seexecutaban máis de 2 millóns de euros en investimentos, fronte aos pouco máis de 517.000 euros actuais.
O concelleiro socialista advertiu ademais de que esta situación non afecta só aos investimentos, senón ao conxunto da xestión municipal. A execución xeral do gasto no primeiro trimestre de 2026 sitúase no 8 %, fronte ao 14 % do mesmo período de 2025, o que confirma, ao seu xuízo, “un goberno máis lento, máis ausente e menos eficaz”.
“Ferrol non está parada por falta de cartos. Está parada por falta de traballo político”, insistiu Fernández. “Hai proxectos anunciados que non avanzan, investimentos bloqueados e barrios que seguen esperando mentres o alcalde reparte titulares”.
“Mentres os veciños pagan máis impostos e soportan subas de servizos, o Concello non é capaz de devolver eses recursos en melloras reais”, denunciou. “Hai cartos, pero non hai traballo nin xestión”.
“Ferrol non precisa máis propaganda nin máis anuncios”, concluíu Rafael Fernández. “Ferrol precisa un goberno que traballe. Porque gobernar non é prometer: gobernar é cumprir. E hoxe os datos demostran que Rey Varela non está cumprindo”.
Palabra clave
También te puede interesar...
RRSS