Skip to content

Galego

¡Síguenos!

O PSOE de Ferrol presenta alegacións contra a subida de atao 99 % dos nichos municipais e reclama eliminar a súalicitación económica

Os socialistas esixen a retirada dos incrementos desproporcionados, tarifas adaptadas á situación económica das familias e garantías para impedir que as empresas poidan acaparar concesións.


Rafael Fernández Beceiro: «Rey Varela prometeu baixar os impostos, pero agora pretende que as familias paguen case o dobre por un nicho municipal».

Ferrol, 20 de outubro de 2026.– O Grupo Municipal Socialista de Ferrol formulou alegacións contra a modificación da ordenanza fiscal reguladora da taxa do cemiterio municipal, aprobada provisionalmente polo Goberno de José Manuel Rey Varela, ao considerar que introduce incrementos desproporcionados de ata o 99 %, carece de medidas suficientes de protección social e abre a porta á licitación económica das concesións sen establecer garantías para evitar a súa concentración en mans de empresas ou particulares.


O concelleiro socialista Rafael Fernández Beceiro explicou que as alegacións buscan impedir que a construción dunha cuarta ringleira de nichos se utilice como xustificación para encarecer drasticamente as tres existentes.


«O Goberno municipal podía limitarse a establecer a tarifa da nova cuarta ringleira, pero decidiu aproveitar esta ampliación para aplicar unha subida que, nalgúns casos, practicamente duplica o prezo actual. Non existe unha xustificación suficiente para semellante incremento», sinalou.


Subidas de ata o 99 % sen unha xustificación económica suficiente
A proposta municipal eleva o prezo da primeira ringleira de 551,47 a 936,77 euros, un 69,87 % máis; o da segunda, de 610,47 a 978,93 euros, un 60,36 % máis; e o daterceira, de 492,07 a 978,93 euros, cun incremento próximo ao 99 %. A nova cuarta ringleira terá unha tarifa de 852,46 euros.
Os socialistas reclaman que se eliminen estes incrementos e se substitúan por unha actualización moderada, gradual e debidamente xustificada, que non supere a evolución real dos custos do servizo ou do IPC.
Así mesmo, solicitan unha nova memoria económico-financeira que explique de maneira clara e individualizada os custos reais do servizo e os criterios empregados para establecer as tarifas.
«Non estamos falando dun servizo de luxo nin dunha actividade comercial. Estamos falando dunha necesidade que as familias deben afrontar nun dos momentos máis difíciles das súas vidas. O Concello non pode aproveitar esa circunstancia para incrementar a recadación sen unha xustificación rigorosa», afirmou Fernández Beceiro.


Protección para as familias con rendas medias e baixas
Outra das alegacións reclama incorporar tarifas reducidas, bonificacións e criterios sociais que teñan en conta a capacidade económica das familias.
A ordenanza só contempla exencións para situacións extremas de precariedade acreditadas polos Servizos Sociais, deixando sen protección a numerosas familias que, sen atoparse nunha situación de exclusión, poden ter dificultades para afrontar un pagamento próximo aos 1.000 euros.

«Entre unha familia con recursos elevados e outra en situación de pobreza extrema hai moitos fogares de Ferrol que tamén necesitan protección. O PP non pode aplicar a mesma carga económica a todas as familias sen ter en conta as súas circunstancias», advertiu o edil socialista.

Impedir que os nichos municipais se convertan nun negocio
As alegacións tamén solicitan suprimir a previsión que permite outorgar concesións mediante convocatoria pública e licitación económica, na que o importe pode quedar determinado pola oferta adxudicataria.
O PSOE considera especialmente preocupante que a nova regulación non estableza límites ao número de nichos que pode obter unha mesma persoa ou empresa, non prohiba as adxudicacións en grandes lotes nin exclúa expresamente as empresas funerarias das concesións destinadas ao uso familiar ordinario.
«Non estamos afirmando que mañá unha funeraria vaia adquirir cen nichos. O que denunciamos é que a ordenanza que propón o PP non establece garantías suficientes para impedilo. E iso é algo que o Goberno municipal debe corrixir antes de aprobar definitivamente a modificación», explicou Fernández Beceiro.


Por este motivo, os socialistas reclaman que, se excepcionalmente se mantivese algún procedemento de convocatoria pública, a ordenanza estableza a adxudicación individual, un límite máximo dun nicho por persoa ou unidade familiar, a prohibición dos grandes lotes e a exclusión das empresas funerarias e doutras entidades con fins lucrativos das concesións familiares ordinarias.


«Nun cemiterio municipal non pode ter máis dereitos quen máis cartos ofreza. Deben prevalecer a necesidade familiar, a igualdade de acceso e o interese público», insistiu.
«Prometeron baixar impostos e non deixan de subir os recibos»


Fernández Beceiro enmarcou esta modificación na política fiscal do Goberno de Rey Varela, lembrando o incremento do IBI, a subida do 40 % da auga e o saneamento e o encarecemento dos comedores escolares.


«Rey Varela chegou á Alcaldía prometendo baixar os impostos aos ferroláns. A realidade é que subiu o IBI, encareceu a auga e os comedores escolares e agora pretende subir ata un 99 % os nichos municipais. As rebaixas quedan nas promesas electorais e as subidas chegan aos recibos», manifestou.

O Grupo Municipal Socialista reclama que o Goberno local acepte as alegacións presentadas e rectifique unha modificación que considera inxusta, desproporcionada e carente das garantías sociais necesarias.


«O cemiterio municipal é un servizo público, non un mercado. Rey Varela non pode converter unha necesidade das familias nunha oportunidade para cobrar máis nin abrir a porta a que os nichos acaben concentrados en mans de quen máis pode pagar. Xa está ben de prometer baixadas de impostos e gobernar a golpe de tarifazo. En Ferrol, co PP, pagamos máis pola vivenda, pola auga e agora ata polos nichos», concluíu Rafael Fernández Beceiro.

Comparte esta noticia Twitter Facebook
Copiar Link
Email Imprimir

RRSS

Visítanos en nuestras redes