Skip to content

Galego

¡Síguenos!

O PSOE esixe ao Goberno de Rey Varela transparencia sobre a convocatoria de axudas da Axenda 2030

Rafael Fernández Beceiro denuncia que nas comisións municipais non se facilita información sobre se o Concello presentou algún proxecto para optar a ata 250.000 euros

O prazo para solicitar as subvencións rematou o pasado 10 de agosto

Os socialistas reclaman coñecer se Ferrol concorreu, o proxecto presentado, as actuacións incluídas e a contía solicitada


Ferrol, 8 de setembro de 2026. O concelleiro do Grupo Municipal Socialista, Rafael Fernández Beceiro, esixe ao Goberno de José Manuel Rey Varela que informe con transparencia sobre a participación do Concello de Ferrol na convocatoria estatal de subvencións para o impulso da Axenda 2030 nas entidades locais.


Fernández Beceiro denuncia que, malia as preguntas formuladas nas comisións municipais, o Goberno local non ofrece unha resposta clara sobre se o Concello presentou ou non algunha solicitude a esta convocatoria, cuxo prazo rematou o pasado 10 de agosto. “Preguntamos nas comisións e non se nos facilita información. A día de hoxe descoñecemos se Ferrol concorreu á convocatoria, que proxecto presentou, que actuacións incluíu e que cantidade solicitou”, afirma o concelleiro socialista.


A convocatoria do Ministerio de Dereitos Sociais, Consumo e Axenda 2030 contaba cun orzamento global de 5.977.299 euros. Para as entidades locais cunha poboación superior aos 5.000 habitantes e inferior aos 100.000, tramo no que se encadra Ferrol, reservábanse 2.950.000 euros.Cada entidade local podía presentar un único proxecto e solicitar unha subvención de entre 20.000 e 250.000 euros.


Proxectos directamente aplicables en Ferrol
As axudas estaban destinadas a financiar a elaboración de plans de implementación da Axenda 2030, a adaptación das estratexias municipais aos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible e a execución de actuacións previstas noutros plans estratéxicos xa existentes.


A convocatoria tamén permitía presentar proxectos de sensibilización cidadá e iniciativas destinadas a facer realidade os Obxectivos de Desenvolvemento Sostible no ámbito local. “Estamos falando dunha convocatoria ampla, que ofrecía múltiples posibilidades para presentar un proxecto adaptado ás necesidades de Ferrol. O Goberno debe explicar se aproveitou esta oportunidade para captar financiamento ou se deixou rematar o prazo sen presentar ningunha proposta”, sinala Fernández Beceiro.


Entre as actuacións que podían encaixar nesta liña de financiamento atópanse proxectos relacionados coa sustentabilidade, a adaptación ao cambio climático, a resiliencia urbana, a renaturalización, a mobilidade sostible, a economía circular, a cohesión social ou a participación cidadá.


O PSOE lembra que o Pleno municipal aprobara unha moción socialista para crear unha Rede Municipal de Refuxios Climáticos e elaborar un Plan Municipal de Renaturalización e Resiliencia Climática. Estas medidas podían formar parte dun proxecto máis amplo aliñado cos obxectivos da Axenda 2030.

O Concello xa tiña unha planificación
Rafael Fernández Beceiro subliña que o Concello non tiña que partir de cero, posto que xa dispón dun Plan de Acción Local da Axenda Urbana de Ferrol, elaborado precisamente para definir os investimentos prioritarios da cidade ata 2030 e facilitar a captación de fondos públicos.


Este documento municipal inclúe proxectos como o Plan Director de Infraestruturas Verdes e Azuis, a recuperación e renaturalización das zonas costeiras, a adaptación da cidade ao cambio climático, a mobilidade sostible, a eficiencia enerxética, a economía circular ou diferentes programas de sensibilización e participación cidadá. “Ferrol conta cunha Axenda Urbana, cun diagnóstico realizado e cunha relación de actuacións concretas. Había planificación suficiente para preparar un proxecto competitivo e optar a unha axuda de ata 250.000 euros”, sostén o concelleiro socialista.


O Grupo Municipal Socialista xa advertira publicamente o 4 de agosto, cando o prazo permanecía aberto, da existencia desta convocatoria e da necesidade de que o Goberno municipal actuase con rapidez. “Non poden alegar descoñecemento. Advertimos da convocatoria, das contías dispoñibles e da proximidade do prazo. Agora só pedimos unha resposta clara sobre as xestións realizadas polo Concello”, indica Fernández Beceiro.


Unha resposta concreta e documentada
O concelleiro socialista reclama ao Goberno municipal que comunique se Ferrol presentou algunha solicitude e, en caso afirmativo, que identifique o proxecto, a contía solicitada, o seu orzamento total, as actuacións previstas e o departamento responsable da súa preparación.

Se o Concello non concorreu á convocatoria, o PSOE esixe coñecer os motivos polos que non se presentou ningún proxecto para optar a estes fondos. “A transparencia non consiste en contestar con evasivas nin en ocultar información nas comisións. Se a axuda foi solicitada, queremos coñecer o proxecto; e, se non foi solicitada, o Goberno debe explicar por que deixou pasar unha convocatoria que podía achegar ata 250.000 euros á cidade”, reclama Fernández Beceiro.


“O Goberno de Rey Varela ten a obriga de informar aos grupos municipais e á cidadanía. Ferrol debe saber se o seu Concello está traballando para captar recursos ou se está deixando escapar oportunidades de financiamento”, conclúe o concelleiro do Grupo Municipal Socialista.

Comparte esta noticia Twitter Facebook
Copiar Link
Email Imprimir

RRSS

Visítanos en nuestras redes