O PSOE esixe a Rey Varela que dea a cara e solucione a “chapuza” perpetrada na Graña.
O concelleiro Julián Reina lembrou na comisión de obras que os socialistas xa advertiran en marzo do deficiente acabado do asfaltado na rúa Real Baixa.
Reina lamenta que Ferrol teña un “alcalde a tempo parcial” máis preocupado pola súa acta en Madrid que polas necesidades diarias dos veciños e veciñas.
Ferrol, 13 de maio de 2026. O concelleiro do Grupo Socialista, Julián Reina, instou hoxe ao alcalde, José Manuel Rey Varela, a que asuma a súa responsabilidade e solucione de inmediato a “chapuza” executada nas obras de pavimentación da rúa Real Baixa, na Graña.
Durante a comisión de obras celebrada esta mañá, Reina afeou ao goberno local que ignore as advertencias que o PSOE leva realizando dende hai meses sobre a execución deficiente destes traballos. “O que está a pasar na Graña é a consecuencia directa de ter un alcalde que só pisa os barrios para facerse a foto do ‘Plan de Barrios’ e logo marcha correndo para Madrid”, denunciou Reina.
Unha “chapuza” anunciada
O Grupo Socialista xa advertira o pasado mes de marzo —tras visitar a zona e recoller as queixas dos residentes— que o acabado do asfaltado era inaceptable. Naquel momento, os socialistas esixiron ao Concello que non recepcionase a obra debido ás graves irregularidades na súa execución, que comprometían a durabilidade e a seguridade da vía.
Porén, a resposta do goberno de Rey Varela foi, en palabras de Reina, “un insulto á intelixencia da veciñanza”. O concelleiro lamentou que o Executivo local tentase xustificar o inxustificable, tratando de “tomar á cidadanía por tonta” ao minimizar uns defectos que son evidentes para calquera que camiñe pola rúa Real Baixa.
Alcalde “a tempo parcial”.
Para os socialistas, este caso é o síntoma dun problema maior: a falta de xestión dun alcalde cuxas prioridades non están en Ferrol. “É imposible estar no día a día da cidade e
supervisar que as obras se fagan con rigor se o teu verdadeiro interese está no escano de Madrid”, sinalou o edil socialista.
Dende o PSOE subliñan que o abandono que sofre A Graña non se soluciona con propaganda nin con visitas fugaces para o álbum de fotos, senón con presenza constante e traballo real. “Os veciños e veciñas da Graña merecen un respecto e unha rúa en condicións, non un parche mal posto porque o alcalde ten a cabeza noutra parte”, concluíu Julián Reina, quen esixe que non se dea a obra por boa ata que todos os defectos sexan corrixidos de xeito profesional
Palabra clave
También te puede interesar...
RRSS