Skip to content

Galego

¡Síguenos!

O PSOE denuncia que, malia custar case o dobre, as festas esqueceron os barrios, non ofreceron unha programación para todos os públicos e remataron cun caos

O portavoz do Grupo Municipal Socialista, Ángel Mato, defendeu que gastar máis dun millón de euros, como vén de facer Rey Varela, “debera ter servido, cando menos, para levar espectáculos e actividades a toda a cidade”

Lamentou as numerosas queixas que se produciron durante o peche das celebracións, cando moitas das persoas non puideron chegar aos shows que tiñan lugar no porto debido á falta de previsión do goberno local

Ferrol, 2 de setembro de 2026. O Grupo Municipal Socialista fixo hoxe balance dunhas festas de Ferrol que, pese a sumar un custo superior ao millón de euros, case o dobre que o ano pasado, non contaron cunha programación suficientemente variada para todos os públicos e aínda menos tiveron impacto nos barrios.

Trátase dunha cifra provisional e aínda non oficial, polo que o PSOE reclámalle ao alcalde que facilite todas as facturas en detalle, incluídos os contratos técnicos, organizativos e artísticos.

O voceiro socialista, Ángel Mato, sinalou que, “cunha boa organización, que acadase un retorno para a maioría da xente e para todas as zonas da cidade, ese gasto tan elevado incluso podería chegar a considerarse un investimento, pero no caso contrario, é un despilfarro”.

“Debera ter servido, cando menos, para levar espectáculos e actividades a toda a cidade, pero non foi así”, engadiu.

Para o PSOE, unha boa mostra da desorganización foi o peche das celebracións, “cun caos de tráfico e incontables queixas de persoas que non podían acceder aos espectáculos do porto”, apuntou o portavoz, que lembrou que os festexos xa naceron con numerosos problemas de tramitación administrativa que obrigaron ao goberno local do PP a volver licitar contratos de moi elevado importe relacionados coa montaxe dos concertos.

“Precísase unha programación mellor, máis variada, máis completa, que se espalle por máis espazos e máis horas do día, e non só espectáculos concentrados practicamente nun único punto do centro da cidade e en horario nocturno”, afirmou Mato.

O voceiro socialista insistiu en que o debate non está en se Ferrol debe investir nas súas festas, senón en como se administran os recursos públicos. “Claro que todos queremos unhas festas ambiciosas e capaces de atraer público, pero gastar o dobre obriga a ofrecer unha mellora equivalente. E esa diferenza non se percibiu este ano”, asegurou. En 2022, o o goberno municipal socialista organizou unhas festas que recibiron unha boa valoración cun orzamento inferior aos 400.000 euros.

A programación desenvolveuse durante doce días e incluíu, ademais de grandes concertos, rondallas, grupos locais, actividades infantís, cine, teatro, maxia, xogos tradicionais e propostas para públicos de distintas idades. Nese senso, o Grupo Municipal socialista defende que, cando o orzamento se incrementa, os e as ferroláns deberían percibir unhas festas claramente mellores, con máis actividades, maior diversidade e unha organización á altura dese esforzo económico.

Recordan tamén que o programa debera contar unha maior presenza de propostas culturais, populares e participativas, ademais de oportunidades para os artistas e grupos locais.

O PSOE defende que as próximas festas se planifiquen con maior antelación, cun orzamento equilibrado e transparente e cun programa que combine concertos, cultura local, actividades infantís, espectáculos de rúa e propostas para os barrios. “Ferrol merece unhas boas festas, pero tamén merece que cada euro público se utilice con responsabilidade. A boa xestión non se mide polo que se gasta, senón polo resultado que se consegue”, concluíu Ángel Mato.

Comparte esta noticia Twitter Facebook
Copiar Link
Email Imprimir

RRSS

Visítanos en nuestras redes