Skip to content

Galego

¡Síguenos!

O PSOE de Ferrol esixe que as liquidacións do saneamento sebaseen nas lecturas reais dos caudalímetros

Rafael Fernández, concelleiro socialista: “Ferrol non pode pagar máis do que realmente depura”


Ferrol, 21 de abril de 2026.– O Grupo Municipal Socialista de Ferrol esixe ao goberno local que as liquidacións do servizo de saneamento ao Concello de Narón se realicen en base ás lecturas reais dos caudalímetros, e non mediante a aplicación automática de porcentaxes fixas.


Os socialistas lembran que o criterio de reparto do 60% para Ferrol e 40% para Narón deriva dunha sentenza xudicial, que é consecuencia do traballo impulsado polo anterior goberno socialista encabezado por Ángel Mato, que decidiu acudir aos tribunais para defender un reparto máis xusto dos custos do saneamento.


Así, explican que este criterio foi fixado nun contexto no que non existía un convenio actualizado entre ambos concellos, polo que a vía xudicial foi necesaria para corrixir un reparto claramente prexudicial para Ferrol.


Porén, desde o PSOE advirten de que non ten sentido aplicar de maneira automática ese criterio cando xa existen datos reais de funcionamento do sistema, que permiten coñecer con precisión o uso efectivo das instalacións por parte de cada concello.


Neste sentido, subliñan que na última liquidación aprobada a porcentaxe correspondente a Ferrol sitúase por debaixo do 60%, polo que aplicar mecanicamente o reparto fixado na sentenza implica que a cidade estea asumindo máis custos dos que lle corresponden.

“Ferrol non pode pagar máis do que realmente depura”, afirmou o concelleiro socialista Rafael Fernández, quen defendeu que “se existen sistemas de medición en funcionamento, o lóxico é que se utilicen os seus datos reais e non estimacións”.


O Grupo Socialista considera imprescindible instrumentalizar un convenio entre os concellos de Ferrol e Narón que permita adaptar as liquidacións á realidade dos caudais tratados, superando así un criterio xudicial que naceu nun contexto distinto e ante a falta
de acordo entre as partes.


Ademais, denuncian que ignorar as lecturas dos caudalímetros supón desaproveitar unha ferramenta clave para garantir un reparto xusto e transparente, evitando que a cidadanía de Ferrol asuma custos indebidos.


Por último, o PSOE insta ao goberno local a defender con firmeza os intereses económicos de Ferrol, impulsando unha solución acordada que substitúa as estimacións por datos reais.

Comparte esta noticia Twitter Facebook
Copiar Link
Email Imprimir

RRSS

Visítanos en nuestras redes