O PSOE de Ferrol esixe a Rey Varela que “non masacre” o arborado na reforma da Avenida de Compostela e critica a súa “falta de respecto” institucional
O concelleiro socialista Julián Reina lamenta que o alcalde oculte información á corporación mentres a filtra aos medios de comunicación
Reina denuncia unha “política de arboricidio” nas últimas obras da cidade e pide que se respecte o patrimonio verde na intervención prevista.
Ferrol, 19 de maio de 2026. O concelleiro do Grupo Municipal do PsdeG-PSOE de Ferrol, Julián Reina, instou hoxe formalmente ao alcalde, José Manuel Rey Varela, a que actúe con sensibilidade ambiental na futura obra de reparación e mellora das aceras da Avenida de Compostela.
Tras coñecerse o investimento de preto de 50.000 euros para reurbanizar esta vía, o edil socialista esixiu un compromiso firme de que “non se volva masacrar o arborado como xa se fixo na maioría das últimas actuacións executadas por este goberno na cidade”.
Para os socialistas ferroláns, o mantemento e a protección do patrimonio verde deben ser unha prioridade en calquera obra pública, algo que, a xuízo de Reina, o Partido Popular está a ignorar de xeito sistemático. “Pedimos que se busquen alternativas técnicas que fagan compatibles a accesibilidade e a seguridade das aceras coa permanencia e coidado das árbores existentes”, sinalou o edil.
Ademais da preocupación ambiental, Julián Reina afeou duramente a actitude do alcalde polo que considera unha “falta de respecto intolerable” cara aos membros da corporación municipal.
O concelleiro socialista denunciou que, a pesar de ter solicitado informacióndetallada sobre este proxecto nas comisións correspondentes, o Goberno local optou polapolítica de feitos consumados e pola propaganda. “É unha burla á institución que os concelleiros teñamos que decatarnos dos detalles dos proxectos pola prensa mentres se nos nega a documentación nas comisións informativas”, censurou Reina.
O representante socialista cualificou de “indecente” que o Executivo de Rey Varela filtre datos técnicos e orzamentarios aos medios de comunicación mentres eses mesmos informes seguen sen estar dispoñibles nos portales de transparencia municipais aos que ten dereito a oposición e a propia cidadanía.
Desde o Grupo Socialista esixen un xiro radical na xestión de Rey Varela, reclamando tanto o fin da “política do motoserra” nas rúas de Ferrol como o respecto debido á lealdade institucional e ao dereito á información dos grupos da oposición.
Palabra clave
También te puede interesar...
RRSS