O PSOE de Ferrol denuncia que o “gran plan de asfaltado” de Rey Varela redúcese a 39 simples parches en dous meses
Julián Reina cualifica de “propaganda e fume” o anuncio do goberno local tras comprobar na Comisión de Obras que as actuacións non chegan a todos os barrios.
O documento oficial de “Rebacheo marzo-abril 2026” revela que as intervencións son menores e non responden ao proxecto integral prometido polo alcalde.
Ferrol, 23 de abril de 2026. O concelleiro socialista en Ferrol, Julián Reina, denunciou na mañá de hoxe, tras a celebración da Comisión de Obras, o que considera un novo exercicio de “propaganda baleira” por parte do alcalde, José Manuel Rey Varela. Segundo explicou o edil, o pomposamente anunciado “Plan de Asfaltado Integral” resultou ser, na práctica, unha listaxe de apenas 39 actuacións de emerxencia que non cobren as necesidades reais da cidade nin chegan a todos os barrios por igual.
Reina referiuse ao documento técnico de “Rebacheo marzo-abril 2026”, que detalla as obras realizadas nos últimos dous meses. “O alcalde falou dun plan extraordinario de aglomerados como nunca se vira en Ferrol, pero a realidade que hoxe vimos na comisión
é ben distinta: 39 baches en dous meses “, sinalou o concelleiro socialista.
Desde o Grupo Socialista critican que, malia os anuncios oficiais que puñan o foco en grandes arterias como a Estrada de Castela ou o bulevar das Pías, a listaxe de obras reflicte unha falta de planificación que deixa fóra a moitas zonas de Ferrol.
“Venden un contrato de mantemento de dous millóns de euros, pero o que lle presentan aos veciños son reparacións puntuais de baches de aglomerado que non solucionan o problema estrutural das nosas rúas “, afirmou Reina.
O edil socialista subliñou que o documento presentado hoxe confirma que a maioría das intervencións foron simples correccións de “baches aglomerado” en puntos moi localizados, lonxe da reforma integral da calzada que se prometera para este 2026.
A práctica totalidade das 39 obras rexistradas limítanse a tapar buratos.
Reina denunciou que a distribución das obras non é equitativa e que o plan non ten a capilaridade necesaria para chegar a todos os recunchos de Ferrol, centrándose en puntos moi específicos como a Estrada de Catabois, a zona da Malata ou algunhas rúas do Ensanche.
“Hoxe quedou demostrado que o goberno de Rey Varela vive do titular. Mentres eles falan de millóns e de grandes proxectos, os ferroláns seguen sufrindo unhas rúas en mal estado onde só se actúa de xeito superficial para salvar o expediente”, concluíu Julián Reina, esixindo ao goberno local que pase “da foto á xestión real” e execute un plan que de verdade atenda as necesidades de todos os barrios de Ferrol
Palabra clave
También te puede interesar...
RRSS