Skip to content

Galego

¡Síguenos!

O PSOE de Ferrol denuncia que o “colapso administrativo” provocado por Rey Varela obriga a pagar facturas de obras executadas sen contrato vixente

O concelleiro socialista advirte de que o “desmantelamento” das áreas de Obras e Servizos, debido a unha RPT “chapuceira de copia e pega”, ten ao persoal municipal nunha situación límite de sobrecarga.

O alcalde ocultou que non se concedeu a prórroga do cemiterio de Catabois polas eivas do propio Goberno , e agora levanta o reparo de Intervención para que os ferroláns paguen igual unha factura de máis de 71.000 euros.

Ferrol, 29 de maio de 2026. O grupo municipal do Partido Socialista en Ferrol, a través do
seu concelleiro, denunciou hoxe a “situación límite” á que o Goberno do alcalde do PP, José Manuel Rey Varela, está a levar ao Concello de Ferrol. Un colapso institucional que, segundo os socialistas, ten o seu último exemplo no decreto de alcaldía polo que se resolve unha discrepancia para pagar as obras de ampliación do cemiterio de Catabois (Fase I) que se executaron sen a correspondente prórroga do contrato en vigor.

O concelleiro socialista explicou que un informe técnico oficial do expediente destapa as vergoñas da xestión do PP. O documento recoñece textualmente que dende a Área de Servizos “non se tramitou a proposta favorable de ampliación de prazo de execución” debido á “acumulación de tarefas existentes que desembocou na omisión deste trámite”. Para o PSOE, este feito demostra o “desmantelamento” total das áreas de Obras e Servizos, responsables do día a día da cidade, provocado por unha Relación de Postos de Traballo (RPT) “chapuceira, propia dun copia e pega”, que cargou ao persoal municipal ata o extremo.

Dende o grupo socialista lémbrase que xa advertiran publicamente dos problemas de atrasos que se estaban a xerar nesta obra. Nese momento, o Goberno local de Rey Varela respondeu con soberbia, asegurando de cara á galería que non concedería ningunha prórroga á empresa.

“O que o alcalde ocultou deliberadamente á cidadanía, e que agora demostra este informe, é que a prórroga non se concedeu polo colapso administrativo que el mesmo provocou no Concello”, denuncia o edil socialista. “Non foi unha decisión política de firmeza ante a empresa; foi pura incapacidade de xestión e omisión de trámites por ter os departamentos saturados”.

Ante esta flagrante omisión de procedemento, a Intervención Municipal emitiu un informe de reparo con efectos suspensivos. O propio informe do órgano xestor admite que “se está incumprindo de xeito reiterado a Lei de Contratos do Sector Público, omitindo absolutamente o procedemento establecido para a realización deste gasto”.

Porén, ante o risco de incorrer nun enriquecemento inxusto e ter que asumir xuros adicionais , o alcalde asinou un decreto o pasado 21 de maio para levantar o reparo de Intervención. Deste xeito, ordénase o pago á empresa do importe de 71.044,61 euros por uns traballos realizados fóra de prazo legal.

“A receita de Rey Varela para as súas propias chapuzas é que os ferroláns paguen igual”,
lamenta o concelleiro do PSOE. Os socialistas esixen ao alcalde que “deixe de botar as culpas fóra, asuma o fracaso do seu modelo de RPT e dote de medios de inmediato ás áreas que teñen que sacar adiante os servizos básicos e as obras da cidade, antes de que o afundimento administrativo sexa irreversible”

Comparte esta noticia Twitter Facebook
Copiar Link
Email Imprimir

RRSS

Visítanos en nuestras redes