O PSOE DE FERROL DENUNCIA A “NEFASTA XESTIÓN” DE REY VARELA QUE PONEN RISCO 1,1 MILLÓNS DE EUROS NO CASTELO DE SAN FELIPE
Ángel Mato advirte que o proxecto, financiado con fondos europeos NextGenerationEU, apenas supera o 44% de execución na data na que debería estar rematado.
Ferrol, 9 de abril de 2026. O voceiro do Grupo Municipal Socialista en Ferrol, Ángel Mato, denunciou esta mañá a “incapacidade manifesta” do goberno de José Manuel Rey Varela
para xestionar as obras de rehabilitación do Castelo de San Felipe. Tras analizar a proposta de ampliación de prazo presentada pola Xunta de Goberno, o voceiro socialista cualificou de “alarmante” que o alcalde poña en serio risco o financiamento europeo por unha falta total de control sobre os traballos.
Mato sinalou que, segundo os informes técnicos municipais, as obras deberían estar rematadas hoxe mesmo, 8 de abril de 2026. Porén, a realidade da execución mostra un escenario de parálise:
Retraso crítico: A data de 1 de marzo de 2026, a obra presentaba un retraso acumulado do 45,99%.
Execución mínima: No momento no que o proxecto debería estar finalizado, o nivel de execución non chega sequera ao 45%.
Advertencias ignoradas: A Dirección Facultativa instou reiteradamente á empresa a executar a cuberta durante o verán de 2025, unha orde que foi “ignorada”, provocando que as chuvias do inverno impedisen avanzar nos interiores.
“O que estamos a ver en San Felipe é o exemplo perfecto da xestión de Rey Varela: moito
anuncio e moita foto, pero unha xestión técnica inexistente que nos leva ao desastre”, afirmou Ángel Mato.
O voceiro socialista fixo especial fincapé en que esta actuación, solicitada polo anterior goberno, conta cunha subvención de 957.943,34 € procedentes do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia (NextGenerationEU). “Non estamos a falar só de que o Castelo siga en obras; estamos a falar de que Ferrol pode perder case un millón de euros por non facer o seguimento que un contrato desta importancia esixe”.
Mato criticou que o goberno local permitise unha “inestabilidade técnica” con ata tres xefes de obra diferentes e falta de persoal especializado, sen tomar medidas ata que o prazo xa expirara. “Rey Varela non só non é capaz de xestionar as obras, senón que a súa desidia pon en risco os fondos que as financian. Presentar unha ampliación de prazo o mesmo día que remata o contrato é unha falta de respecto á administración e á cidadanía”.
Dende o Grupo Socialista subliñan que os informes técnicos rexeitaron a pretensión da empresa de suspender as obras e de ampliar o prazo catro meses pola climatoloxía, reducindo esa prórroga a tan só 38 días naturais por “prudencia técnica”. O novo prazo fíxase agora no 16 de maio de 2026, unha data que Mato considera “un parche ante o incumprimento flagrante do cronograma”.
“Esiximos ao alcalde que deixe de botarlle as culpas ao tempo ou á burocracia e asuma a súa responsabilidade. Ferrol non pode permitirse perder o tren de Europa pola falta de xestión do Partido Popular”, concluíu o voceiro socialista.
Palabra clave
También te puede interesar...
RRSS