O PSOE de Ferrol cualifica de “oportunidade perdida” a licitación da nova caseta de Doniños e critica o “desgoverno” de Rey Varela nas praias
Julián Reina lembra que o alcalde anunciou unha homoxeneización dos areais e rematará o mandato cun “caos de modelos diferentes” en cada praia.
Os socialistas lamentan a falta de ambición do goberno local, que non contempla o mantemento nin a limpeza, e advirten que se disfraza de “desmontable” unha instalación permanente que se deteriorará en dez anos.
Ferrol, 9 de xullo de 2026. O concelleiro do Grupo Municipal Socialista no Concello de Ferrol, Julián Reina, cualificou hoxe de “oportunidade perdida” a recente aprobación da licitación para a nova caseta de socorrismo da praia de Doniños. Para o edil socialista, este proxecto de máis de 141.000 euros é unha mostra máis do “desgoberno e a improvisación” que caracterizan a xestión do alcalde, José Manuel Rey Varela.
Reina criticou que o alcalde xa anunciara a principios do ano pasado que habería novas casetas modulares para as distintas praias co obxectivo de acadar unha homoxeneización visual e funcional de todos os areais. Porén, a realidade da xestión de Rey Varela vai en dirección oposta: “O alcalde rematará o seu mandato cun modelo de caseta en Doniños — no caso de que sexan capaces de cumprir os prazos do contrato—, outro totalmente distinto para Santa Comba, Ponzos ou Esmelle, e outro diferente para a praia de Penencia”.
Segundo o concelleiro socialista, esta falta de criterio unificado supón un engano á cidadanía e rompe calquera pretensión de ofrecer unha imaxe ordenada da costa ferrolá.
Aposta insuficiente e falta de ambición
O concelleiro do PSOE tamén cualificou o proxecto de “oportunidade perdida” ao comparalo coa estratexia que están a seguir outros municipios costeiros do noso contorno. Mentres que noutras localidades se realizan investimentos ambiciosos para dotar as praias de modernos locais fixos de apoio para deportes acuáticos que dinamizan o litoral durante todo o ano, en Ferrol o goberno local conformase cunha proposta totalmente insuficiente.
“En lugar de modernizar de verdade as infraestruturas dos nosos areais con visión de futuro, Rey Varela aposta por un modelo precario onde nin sequera se contempla o mantemento nin a limpeza das instalacións”, denunciou Reina.
Unha instalación permanente disfrazada de “desmontable”
Por último, o edil socialista alertou sobre as características técnicas do proxecto licitado polo goberno do PP. Julián Reina criticou que o executivo local “disfraza de instalación desmontable o que en realidade vai funcionar como unha instalación permanente”.
O PSOE advirte que, co actual sistema de retirada integral fóra da tempada estival, o Concello ten a oportunidade de mellorar e poñer a punto as instalacións cada ano. Polo contrario, ao deixar estas novas estruturas expostas de xeito continuo ás inclemencias do tempo a pé de praia, “o único que conseguirá o goberno local é que dentro de dez anos as casetas estean completamente deterioradas e inservibles”, concluíu Reina.
Palabra clave
También te puede interesar...
RRSS