O PSdeG-PSOE de Ferrol denuncia que o alcalde desinforma á cidadanía e oculta naXunta de Goberno a “xestión chapuceira” das obras públicas
O concelleiro Julián Reina acusa ao goberno local de tapar as paralizacións, os atrasos e os modificados de proxectos clave aprobados esta semana, cuxas consecuencias económicas e sociais acaban pagando todos os ferroláns.
Ferrol, 5 de xuño de 2026. O concelleiro do Grupo Municipal do PSdeG-PSOE no Concello
de Ferrol, Julián Reina, denunciou hoxe de maneira rotunda a estratexia de comunicación
do alcalde da cidade, acusándoo de utilizar as súas roldas de prensa posteriores á Xunta
de Goberno Local para “desinformar á cidadanía en lugar de informala”. Segundo o edil socialista, o rexedor comparece ante os medios cun guión propagandístico que oculta sistematicamente os asuntos máis espiñentos e as evidencias de que a xestión dos proxectos e obras públicas municipais se está a realizar de xeito “absolutamente chapuceiro, sen supervisión ningunha e sen o cariño e atención que merece a nosa cidade”.
“Esta mesma semana, na rolda de prensa teóricamente destinada a dar conta dos asuntos abordados e aprobados na Xunta de Goberno Local, o alcalde volveu ocultar de forma deliberada unha serie de puntos cruciais que demostran o caos técnico no que se atopan os proxectos do Concello”, suliñou Julián Reina. Desde o PSdeG-PSOE desveláronse hoxe os datos detallados dos expedientes aprobados nesa xunta que deixan ao descuberto importantes paralizacións, atrasos e modificados por mor da falta de previsión do executivo local:
A Xunta de Goberno ratificou a suspensión formal dos contratos das obras de rehabilitación de vivendas no barrio de Recimil para o Lote 4 (Rúa Narón 6, 1o dereita, con efectos desde o 21.04.2026) e para o Lote 3 (Rúa Narón 5, 2o esquerda, con efectos desde o 06.05.2026). O motivo desta parálise é que, unha vez iniciados os traballos, detectáronse gravesproblemas de carbonatación e oxidation nas estruturas de formigón que fan necesario reparar previamente as zonas afectadas para garantir a seguridade estrutural. “Isto demostra que se lanzan a adxudicar proxectos sen facer catas previas nin revisar o estado real dos edificios, unha chapuza que deixa as obras paralizadas a pé de rúa”, criticou o edil.
Tamén se tramitou de urxencia a autorización para redactar a modificación do proxecto de rehabilitación das vivendas do Lote 1 (Narón 1, 3o D e 3o Esq.) e Lote 2 (Narón 4, baixo esq. e 3o D). Nestes dous lotes repítese a mesma situación: ao picar detectáronse humidades e oxidación de armaduras non previstas. No caso do Lote 1, isto vai supoñer un incremento estimado do 6,12% sobre o orzamento de adxudicación inicial e unha prórroga automatizada de 17 días naturais. Ademais, a empresa xa advertiu que, de non aprobarse rápido o modificado definitivo, as obras terán que suspenderse por completo o vindeiro 8 de xuño.
O executivo local tivo que autorizar a redacción do modificado núm. 1 do proxecto de “Creación de Equipamento Social en Recimil. Espazos versátiles para usos comunitarios”. Neste caso, a falta de estudo previo volveu quedar en evidencia: ao limpar o local atopáronse varios murais ocultos atribuídos ao pintor José González Collado (1926-2018) sobre paramentos que o proxecto inicial prevía demoler. Tamén se descubriu unha interferencia cunha instalación de gas soterrada no punto onde ía a nova saída. Isto obriga agora a cambiar toda a distribución espacial e reformular o proxecto sobre a marcha.
Para rematar o escenario de descontrol, aprobouse unha ampliación de prazo de 18 días
naturais para as obras de rehabilitación da envolvente da rúa Neda 1-4. O máis alarmante deste expediente é que os informes internos revelan un ritmo de execución paupérrimo do contrato, situándose no 23,82% en meses pasados. O propio responsable do contrato alertou formalmente do serio risco de perda do financiamento europeo (NextGenerationEU / Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia) por mor deste atraso, motivado entre outras cousas polas choivas e pola falta de coordinación na retirada de cables eléctricos por parte de UFD.
Para o concelleiro Julián Reina, “estas frontes abertas, cheas de improvisación, informes
de alerta e emendas de erro sobre o terreo, son o reflexo dun goberno máis preocupado por vender titulares falsos de eficiencia que por xestionar con rigor”.
“O alcalde no lle está a dar a Ferrol o agarimo nin a dilixencia que precisa. Os proxectos deséñanse sen pisar a rúa, a supervisión municipal brilla pola súa ausencia e os prazos rebentan un tras outro poñendo en perigo millóns de euros de fondos europeos”, engadiu
o representante socialista, quen concluíu advertindo que “esta actitude propagandística do alcalde, que intenta disfrazar a realidade nas súas declaracións públicas mentres oculta os documentos que asinan os técnicos, supón unha falta de respecto intolerable. Non se pode xestionar unha cidade a base de parches, e o peor é que as consecuencias desta desidia e estas chapuzas as imos pagar todas e todos os ferroláns do noso peto”
Palabra clave
También te puede interesar...
RRSS