Skip to content

Galego

¡Síguenos!

O PSdeG-PSOE de Ferrol denuncia a paralización total e o “caos absoluto” nas obras do Castelo de San Felipe por mor da desidia de Rey Varela

O concelleiro socialista Julián Reina acusa ao alcalde de Ferrol de non facer seguimento dos traballos, non pagar as facturas e pór en serio risco un millón de euros de fondos europeos por priorizar a súa proxección política en Madrid.

A documentación oficial destapa a resolución do contrato da directora de execución pola extensión dos prazos ao dobre do previsto e o non pagamento de honorarios, o que obrigou a decretar a suspensión formal das obras.

FERROL, 27 de maio de 2026. O grupo municipal do PSdeG-PSOE de Ferrol, a través do seu concelleiro Julián Reina, denunciou publicamente a situación de “caos absoluto” e o desastre sen paliativos no que se atopan as obras de restauración do Castelo de San Felipe. Unha parálise que os socialistas atribúen á “absoluta desidia, falta de xestión e nulo seguimento” por parte do goberno do alcalde, José Manuel Rey Varela.

Julián Reina alertou de que os peores prognósticos denunciados polo PSOE nos últimos meses estanse a cumprir punto por punto. A formación socialista xa viña advertindo con insistencia do grave atraso na execución do “Proxecto Básico e de Execución Refundido no Castelo de San Felipe”, sinalando que a parálise poñía en perigo directo o financiamento de preto dun millón de euros procedentes dos fondos europeos Next Generation EU (no marco do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia). “Rey Varela estivo de brazos cruzados mentres o tempo corría na nosa contra, e agora a realidade destapa unha xestión nefasta”, subliñou o concelleiro.

A documentación oficial do propio Concello deixa en evidencia que a obra entrou nun camiño sen saída. O pasado 13 de mayo de 2026, o goberno local tivo que emitir un decreto para aceptar a solicitude de resolución do contrato menor de servizos da directora de execución da obra.

A técnica encargada da supervisión viuse obrigada a pedir a extinción do seu contrato tras constatar que o prazo inicial de 11 meses ía estenderse case ao dobre (máis de 20 meses) por causas alleas ao seu desempeño. O escrito detalla que, naquel momento, o grao de execución da obra apenas alcanzaba un raquítico 35,16%. A isto sumábase que o Concello de Ferrol mantiña facturas pendentes de pagamento correspondentes ás tres últimas certificacións (as número 9, 10 e 11), o que supuña que non se lle aboara o 27,20% dos seus honorarios.

“O alcalde non só non supervisa as obras dun dos principais emblemas da nosa cidade, senón que afoga aos profesionais deixando de pagar as facturas correspondentes polos servizos xa prestados”, recriminou Reina.

Como consecuencia directa desta espantada e do incumprimento das condicións esenciais do contrato, o pasado 14 de maio de 2026 tívose que asinar un “Acta de suspensión de execución do contrato” de obras , unha parálise que agora debe ser ratificada pola Xunta de Goberno Local. A obra atópase actualmente detida e require medidas de urxencia por parte da empresa contratista para “garantir a seguridade no recinto do recinto da obra mentres dure o período de suspensión”.

Dende o grupo socialista acusan directamente a Rey Varela de intentar agochar esta realidade para evitar o desgaste público. “O alcalde intentou por todos os medios que a prensa e a veciñanza non se decataran do desastre. E cando se ve acurralado e pillado, a
súa única estratexia é tentar desinformar á cidadanía cun relato manipulado que nada ten que ver cos informes oficiais”, sinalou Julián Reina.

Para os socialistas, este abandono de San Felipe é o reflexo dun modelo de xestión nocivo.

“Asistimos a unha política de escaparate onde Rey Varela utiliza a alcaldía de Ferrol unicamente como un trampolín para ampliar a súa carreira política persoal de volta a Madrid. É unha política de ‘opa Ferrol’, pero sen Ferrol, mentres se pon en serio risco o noso patrimonio cultural e un millón de euros de investimento estratéxico que custará moito recuperar se se perde definitivamente”, concluíu o edil socialista.

Comparte esta noticia Twitter Facebook
Copiar Link
Email Imprimir

RRSS

Visítanos en nuestras redes