O PSdeG-PSOE de Ferrol cualifica de “insensatez” que o Alcalde non reforce Cultura cando o seu propio concelleiro admite o colapso por falta de medios
Os socialistas critican que as 23 novas incorporacións ignoren o departamento de Cultura, malia que o responsable da área confesa en comisión estar “sen mans” para sacar o traballo adiante.
“Rey Varela desatende as demandas de auxilio dos seus propios concelleiros, deixando claro o desprezo que o PP sente pola nosa cultura”, sinalan.
Ferrol, 7 de abril de 2026. O Grupo Municipal do PSdeG-PSOE de Ferrol amosou hoxe a súa estupefacción ante a xestión de persoal que está a realizar o goberno de José Manuel Rey Varela. Tras o anuncio da incorporación de 23 persoas a través dos programas de emprego, os socialistas lamentan que non se destine reforzo algún a áreas que, segundo o propio Goberno local, están “nunha situación crítica”.
O caso máis alarmante é o da área de Cultura. O PSdeG-PSOE lembra que o concelleiro de Cultura do PP vén recoñecendo abertamente en cada comisión, dende o inicio do mandato, que non dispón de medios humanos suficientes para sacar adiante o traballo pendente e que o departamento se atopa nunha situación de bloqueo técnico.
“Resulta insólito que o propio concelleiro de Cultura dea a voz de alarma pola falta de persoal e que o alcalde, tendo agora a oportunidade de incorporar a 23 persoas, decida mirar para outro lado e non enviar reforzos a ese departamento”, denuncian dende o Grupo Socialista.
Para os socialistas, esta actitude de Rey Varela supón un “desautorización” constante cara ao seu propio concelleiro e, o que é peor, unha “sentenza de parálise” para a actividade cultural da cidade.
O PSdeG-PSOE considera que esta decisión non é froito do descoñecemento, senón dunha folla de ruta política moi clara. Ao non atender as necesidades dunha área que o propio concelleiro de goberno define como “bloqueada”, o alcalde está a enviar unha mensaxe directa a todo o sector.
“O PP deixa claro, con feitos e con omisións, a nula importancia que lle dá á nosa cultura na cidade”, afirman. “Cando un concelleiro do goberno admite en comisión que non ten medios e o Alcalde non fai nada para remedialo tendo a oportunidade, o que temos é un goberno que despreza a nosa identidade e o noso patrimonio cultural”.
Dende o Grupo Socialista esíxenlle a José Manuel Rey Varela que deixe de utilizar as contratacións como unha ferramenta de propaganda e as use para solucionar os problemas de xestión que el mesmo xerou.
“Non se pode permitir que Ferrol perda oportunidades culturais porque o alcalde se negue a escoitar as queixas que lle chegan, incluso, de dentro do seu propio equipo de goberno”, conclúen os socialistas.
Palabra clave
También te puede interesar...
RRSS