O Grupo Socialista denuncia que Rey Varela sobe ata un 99 % o prezo dos nichos e abre a porta á súa licitación pública
Rafael Fernández Beceiro advirte de que a nova ordenanza non exclúe as empresas nin limita o número de concesións que poderá recibir cada adxudicatario
Os socialistas alertan de que as familias con menos ingresos poderían competir en desigualdade fronte a empresas ou persoas con maior capacidade económica
Ferrol, 24 de agosto de 2026.- O Grupo Municipal Socialista denuncia que o Goberno de José Manuel Rey Varela pretende aprobar unha nova e desproporcionada subida das taxas do cemiterio municipal, con incrementos de entre o 60 % e o 99 % no prezo dos nichos, ao tempo que introduce por primeira vez a posibilidade de outorgar concesións mediante licitación pública.
O concelleiro socialista Rafael Fernández Beceiro sinala que o Goberno municipal presenta a modificación como unha adaptación necesaria pola construción dunha cuarta ringleira de nichos, pero aproveita esta circunstancia para incrementar drasticamente todas as tarifas existentes.
A primeira ringleira pasará de 551,47 a 936,77 euros, un 69,87 % máis; a segunda, de 610,47 a 978,93 euros, cunha subida do 60,36 %; e a terceira aumentará de 492,07 a 978,93 euros, o que supón 486,86 euros máis e un incremento próximo ao 99 %. Para a nova cuarta ringleira establécese unha tarifa de 852,46 euros.
“Non estamos ante unha simple actualización técnica. O Goberno podía limitarse a incorporar o prezo da nova cuarta ringleira, pero utiliza a ampliación do cemiterio para aplicar un novo tarifazo ás familias de Ferrol”, afirma Fernández Beceiro. O edil socialista considera especialmente grave que estas subidas se produzan nun servizo público esencial e nun momento particularmente delicado para as familias.
Ademais, a proposta non incorpora bonificacións en función da renda nin tarifas reducidas para persoas con dificultades económicas. A ordenanza só mantén a exención para situacións extremas de precariedade acreditadas polos Servizos Sociais e para as inhumacións xudiciais realizadas en fosa común.
“Existen moitas familias que non se atopan nunha situación de exclusión extrema, pero que poden ter serias dificultades para pagar de golpe entre 852 e 979 euros. O PP sobe as tarifas ata un 99 %, pero non introduce unha soa medida para protexer as rendas baixas”, subliña.
O Grupo Socialista tamén alerta do cambio de modelo que supón a incorporación dun novo apartado segundo o cal, cando as concesións se outorguen mediante convocatoria pública, o importe da taxa virá determinado polo valor económico da oferta adxudicataria.
Esta posibilidade non figuraba na ordenanza vixente, que establecía tarifas fixas. A súa incorporación abre un novo sistema de adxudicación sen que o Goberno municipal explique que concesións pretende licitar, quen poderá participar nin que garantías vai establecer para evitar desigualdades.
“A ordenanza vixente funcionaba con tarifas fixas e non contemplaba esta vía. É o PP quen decide abrir agora a porta á licitación pública e debe explicar por que o fai, que concesións pensa licitar e que garantías vai establecer”, manifesta o concelleiro socialista.
A nova redacción non concreta se os nichos poderán ofrecerse individualmente ou en lotes, non establece un número máximo de concesións por persoa, non exclúe a participación de empresas funerarias ou doutras persoas xurídicas e tampouco garante que a necesidade familiar prevaleza sobre a oferta económica.
O Grupo Socialista precisa que isto non significa que unha empresa vaia obter automaticamente decenas ou centos de nichos, xa que dependerá das bases de cada convocatoria. Porén, a ordenanza non o prohibe nin incorpora límites que impidan unha posible concentración de concesións.
“Se o valor económico da oferta resulta determinante, unha empresa ou unha persoa con maior capacidade económica poderá presentar ofertas que unha familia con ingresos reducidos non poderá igualar. Isto abre un evidente risco de desigualdade nun servizo municipal no que deberían prevalecer a necesidade, a igualdade e os criterios sociais”, advirte Fernández Beceiro.
Para o concelleiro socialista, as garantías fundamentais non poden quedar pendentes dunhas futuras bases que o Pleno descoñece. “Non podemos aprobar primeiro unha porta aberta á licitación e confiar en que despois unhas bases aínda inexistentes resolvan todos os problemas. A ordenanza debe establecer desde oprincipio quen pode acceder ás concesións, cantas pode obter, que criterios sociais se aplican e como se evita a concentración en mans de empresas”.
O Grupo Municipal Socialista solicitará a retirada da proposta para que se revisen as tarifas, se incorporen bonificacións en función da renda e se elimine a licitación económica dos nichos destinados ás necesidades familiares ordinarias. Tamén reclama que se exclúa ás empresas funerarias das concesións ordinarias, se prohiba a adxudicación en grandes lotes e se fixe un límite claro por persoa ou unidade familiar.
“Rey Varela xa subiu o IBI e encareceu un 40 % a auga e o saneamento. Agora tamén pretende subir ata un 99 % o prezo dos nichos. O cemiterio municipal é un servizo público, non un mercado. Os nichos deben concederse atendendo á necesidade das familias e non á capacidade de pagar máis”, conclúe Rafael Fernández Beceiro.
Palabra clave
También te puede interesar...
RRSS