O GRUPO SOCIALISTA DENUNCIA OS RETRASOS NA CIDADE DO DEPORTE E CRITICA QUE O ALCALDE USE AS OBRAS COMO “FOTOCOL” PARA VISITAS INSTITUCIONAIS
O concelleiro Julián Reina sinala que, segundo o cronograma oficial, os traballos deberían estar nun estado moito máis avanzado.
O PSOE lamenta que José Manuel Rey Varela e o conselleiro Diego Calvo se dediquen a facer propaganda nunhas instalacións que seguen lonxe de ser unha realidade para os veciños.
Ferrol, 9 de abril de 2026. O Grupo Municipal Socialista, a través do seu concelleiro Julián Reina Villalón, denunciou hoxe os “evidentes e inxustificados” atrasos que sofren as obras da futura Cidade do Deporte nas instalacións de FIMO. Reina criticou con dureza que o alcalde, José Manuel Rey Varela, utilice de novo este espazo como un “fotocol” para recibir ao conselleiro de Deportes, Diego Calvo, mentres a realidade dos traballos dista moito do anunciado oficialmente.
Incumprimento dos prazos previstos
O concelleiro socialista fixo referencia ao documento oficial de planificación da obra, que establece un cronograma detallado dos traballos. Segundo esta planificación e comparando co contrato asinado en novembro de 2025, que establecía un prazo de execución de 18 meses, a día de hoxe deberían estar finalizadas ou en fases finais actuacións clave que seguen pendentes.
Dende o Grupo Socialista critican que o alcalde prefira a fotografía institucional antes que a xestión eficiente. “Non é a primeira vez que vemos a Rey Varela e a Diego Calvo paseando por FIMO co casco posto, pero as obras non avanzan ao ritmo que esixe un investimento de máis de 5,7 millóns de euros”, denunciou Reina.
O contrato, adxudicado por un importe total de 5.734.190,00 € (IVE incluído), debería garantir unha execución fluída que evite os sobrecustos e as molestias aos usuarios. “Os ferroláns non necesitan máis visitas institucionais nin máis anuncios baleiros; necesitan instalacións deportivas de calidade e que se respecten os tempos de execución asinados nos contratos administrativos”, concluíu o concelleiro.
O PSOE de Ferrol instou ao goberno de Rey Varela a que “deixe de actuar para as cámaras” e se centre en supervisar que a Cidade do Deporte non se converta noutra “eterna obra pendente” que lastre as posibilidades deportivas da cidade.
Palabra clave
También te puede interesar...
RRSS