Skip to content

Galego

¡Síguenos!

O Grupo Municipal Socialista denuncia que o observatorio de aves deDoniños continúa deteriorándose e esixe unha actuación inmediata

“Cada día que pasa aumenta o risco para as persoas e o abandono dun espazo ligado á memoria de Ángeles Alvariño”


Ferrol, 1 de agosto de 2026.- O Grupo Municipal Socialista de Ferrol denuncia que o observatorio de aves da Lagoa de Doniños presenta un estado de deterioro aínda maior que o denunciado hai apenas sete meses, sen que o goberno municipal adoptase ningunha medida para recuperar esta infraestrutura ambiental de referencia. As novas imaxes evidencian que o abandono continúa avanzando, cunha cuberta parcialmente derrubada, elementos estruturais en peor estado e unha escaleira claramente deteriorada, o que incrementa o perigo para calquera persoa que acceda ao lugar.


O Grupo Municipal Socialista lembra que xa no mes de xaneiro advertiu publicamente do grave estado de conservación do observatorio e reclamou unha actuación urxente para garantir a seguridade, recuperar o espazo e poñelo en valor.


Lonxe de atender esa petición, o Concello permitiu que a situación empeorase de forma evidente. “Cada día que pasa aumenta o risco de que se produza un accidente e, con el, a correspondente responsabilidade patrimonial para o Concello. Non se pode mirar para outro lado mentres un equipamento municipal continúa deteriorándose”, sinalan os socialistas. Ademais da falta de mantemento, o Grupo Municipal Socialista considera especialmente grave o abandono dun espazo vinculado á figura de Ángeles Alvariño, unha das científicas máis relevantes da historia de Galicia e referenteinternacional da oceanografía. O observatorio, situado nun ámbito cedido para fins ambientais e divulgativos, debería ser un lugar coidado e digno, á altura do legado que representa.


“Se Ángeles Alvariño levantase a cabeza, dificilmente entendería que o patrimonio que contribuíu a preservar se atope neste estado de abandono. É unha auténtica vergoña para Ferrol”, afirman.


Por todo iso, o Grupo Municipal Socialista reitera a súa esixencia ao goberno local para que actúe de maneira inmediata, peche e asegure provisionalmente o observatorio mentres non se acometan as reparacións necesarias, execute unha rehabilitación integral da infraestrutura e estableza un plan de mantemento periódico que impida que esta situación volva repetirse.


“O patrimonio natural, científico e ambiental de Ferrol merece respecto. O abandono non pode seguir sendo a única política do goberno municipal para espazos tan emblemáticos como o observatorio de aves de Doniños”, conclúe o Grupo Municipal Socialista.

Comparte esta noticia Twitter Facebook
Copiar Link
Email Imprimir

RRSS

Visítanos en nuestras redes