O Grupo Municipal Socialista denuncia que a avaría da cadeira anfibia deixa sen baño ás persoas con mobilidade reducida na praia de Caranza
Ferrol, 6 de xullo de 2026.- O Grupo Municipal Socialista de Ferrol denuncia que a cadeira anfibia da praia de Caranza se atopa avariada, impedindo que as persoas con obilidade reducida poidan acceder ao baño.
Os socialistas consideran especialmente grave que esta situación se produza ao comezo da tempada estival, cando todo o material destinado á accesibilidade das praias debería estar previamente revisado, reparado e en perfecto estado de funcionamento.
Para o Grupo Socialista, non é aceptable que un servizo esencial para garantir a igualdade de oportunidades falle precisamente no momento en que máis se necesita. A planificación e o mantemento preventivo son unha obriga do Concello, que debe comprobar antes do inicio da tempada que todos os equipamentos están operativos. “A accesibilidade non pode quedar nun compromiso sobre o papel. Require servizos que funcionen e unha administración que se anticipe aos problemas, en lugar de actuar cando xa se produciu o prexuízo”, sinalan os socialistas.
Por este motivo, o Grupo Municipal Socialista esixe ao Goberno local que proceda de inmediato á reparación ou substitución da cadeira anfibia e que revise todo o equipamento de accesibilidade das praias do municipio para garantir que se atopa en condicións de uso. “O acceso ao baño é un dereito que debe estar garantido para todas as persoas. Unha avaría que podería terse evitado cunha revisión previa non pode impedir que as persoas con mobilidade reducida desfruten da praia en igualdade de condicións”, conclúe o Grupo Municipal Socialista.
Palabra clave
También te puede interesar...
RRSS