O Concelleiro Socialista Julián Reina esixe o seguimento e solución ás denuncias veciñais da Canle de Suxestións e Reclamacións e demanda unha comisión de seguimento “realmente democrática”
Julián Reina lembra que o goberno local comprometeuse no pleno do mes de maio a facer un seguimento efectivo destas queixas, mentres o informe do segundo trimestre de 2026 evidencia a falta de solucións e a desatención aos veciños.
O edil socialista presenta un resumo detallado por áreas, temáticas e barrios sobre as principais deficiencias denunciadas e pide ao alcalde que “respete as regras democráticas e permita traballar á oposición”.
Ferrol, 3 de agosto de 2026. O concelleiro do Grupo Municipal Socialista no Concello de Ferrol, Julián Reina, demandou hoxe ao goberno local que cumpra de maneira efectiva co compromiso adquirido no pleno do pasado mes de maio para facer un seguimento real e dar solucións ás queixas e denuncias que a cidadanía traslada a través da Canle de Suxestións e Reclamacións.
Reina esixiu tamén que a Comisión Especial de Suxestións e Reclamacións sexa “realmente democrática”, garantindo a participación e o acceso á información de todos os grupos políticos con representación na corporación municipal.
Aproveitando os datos do informe oficial do 2º Trimestre de 2026 (abril, maio e xuño), o concelleiro socialista realizou unha análise e resumo dos problemas máis recorrentes denunciados polos veciños e veciñas e que, en moitos casos, continúan sen unha solución definitiva:
Resumo por concellarías, temáticas e barrios:
Servizos, Obras, Limpeza e Zona Rural: É a área con maior volume de queixas. Os veciños denuncian o mal estado e a falta de mantemento de viais e beirarrúas con baldosas soltas en barrios como o Ensanche A, Esteiro ou O Inferniño (rúa Inferniño). Na Graña e Canido reclámase o arranxo de fochancas, desbroces e sinalización. A limpeza urbana e a xestión de residuos acumulan múltiples queixas na Magdalena (rúa Rubalcaba ou rúa Galiano, onde o Concello respondeu que non atenderá reclamacións ata completar a implantación de novos colectores), Caranza, Esteiro (rúa Españoleto) e o Parque do Bertón en San Xoán por verteduras incontroladas. Así mesmo, na zona rural (Mandiá, Doniños, Covas, Santa Cecilia) reitéranse as demandas de desbroce de camiños, control de pestas, saneamento e mantemento.
Seguridade, Mobilidade e Protección Cidadá: Reclámase maior presenza policial nocturna por vertedoiros ilegais e condutas insalubres en Mandiá (Pazos) e controis en zonas como a Praza de España ou Recimil por problemas de convivencia e ocupacións. Doutra banda, os cidadáns protestan pola falta de seguridade contorna a locais de lecer ou actividade sen licenza en Caranza e A Magdalena, e pola redución de carrís ou falta de servizos de mobilidade/bicicletas no Porto e Caranza.
Réxime Interior e Atención Cidadá (Estatística e Rexistro): Evidénciase unha constante queixa pola demora e o colapso na expedición de certificados de empadroamento ou convivencia, atrasos de meses para xestionar trámites de herdanza ou de estranxeiría, a imposibilidade de contactar por teléfono cos servizos municipais e as longas esperas con cita previa.
Urbanismo e Medio Ambiente: As queixas concéntranse na falta de mantemento e poda do arborado e zonas verdes (Angustias, Caranza, O Inferniño), na execución de obras e talas contestadas polos veciños (Praza Rosalía de Castro en San Xoán), no abandono de parcelas privadas con risco de incendio e pragas en San Xoán ou Santa Cecilia, e en problemas de accesibilidade por valados ou terrazas en Canido.
Economía, Facenda e Cultura: Denúncianse erros en embargos sen notificación previa, tardanza na resolución de exencións de impostos (IVTM, IBI) e deficiencias no mantemento de edificios municipais como o Auditorio ou a redución de espazo de consulta no Arquivo Municipal.
Palabra clave
También te puede interesar...
RRSS