Skip to content

Galego

¡Síguenos!

Julián Reina denuncia o incumprimento da palabra de Rey Varela tras confirmar oGoberno local que as obras do cemiterio de Catabois seguen sen rematar

O concelleiro socialista critica a “incompetencia” do alcalde, que o pasado mes de xaneiro asegurou que non habería máis prórrogas para un proxecto que debería estarlisto hai meses.

A ampliación, formalizada en setembro de 2024 cun prazo de 8 meses, acumula un atraso inxustificable que afecta a un servizo básico para os veciños e veciñas de Ferrol.

Ferrol, 15 de abril de 2026. O concelleiro do Grupo Socialista no Concello de Ferrol, Julián Reina, denunciou esta mañá, trala celebración da comisión de obras, a “falta de rigor e de palabra” do goberno de José Manuel Rey Varela en relación á ampliación do cemiterio municipal de Catabois. Segundo confirmou o propio Executivo na sesión de hoxe, os traballos aínda non están rematados, o que supón un incumprimento flagrante dos compromisos adquiridos publicamente polo alcalde.

Reina lembrou que o pasado 5 de xaneiro o Concello asegurou que non concedería máis prórrogas á empresa adxudicataria, fixando o remate definitivo das obras de xeito inminente. “Unha vez máis, atopámonos cun alcalde que non cumpre co que di. A palabra de Rey Varela non dura nin tres meses, demostrando unha total incompetencia para xestionar os prazos dunha obra que é fundamental para a cidade”, sinalou o edil socialista.

Un contrato fóra de prazo Baseándose nos documentos oficiais da licitación, o concelleiro socialista quixo recalcar a cronoloxía dun proxecto que “naceu co anuncio de grandes promesas pero que se instalou na parálise”:

Formalización e inicio: O contrato para a 1a fase da ampliación do cemiterio de Catabois
formalizouse o 26 de setembro de 2024 coa empresa Xestión Ambiental de Contratas S.L..

Prazo de execución: O prego establecía un prazo de execución de 8 meses, co que a obradebería ter estado rematada na primavera de 2025.


Orzamento: O proxecto foi adxudicado por un importe total de 1.148.792,97 euros (IVE incluído).

“Estamos en abril de 2026 e o Goberno local recoñece hoxe que a obra segue empantanada. Isto non é só unha cuestión de mala planificación técnica, é unha falta de respecto á veciñanza de Ferrol, que segue agardando por unha infraestrutura necesaria mentres o alcalde se dedica a facer anuncios que logo non é capaz de soster”, afirmou Julián Reina.

Desde o Grupo Socialista esixen ao Goberno de Rey Varela que dea explicacións detalladas sobre o estado actual das prórrogas concedidas e que asuma a súa responsabilidade política pola “incapacidade manifesta” para facer que se cumpran os contratos municipais. “Ferrol non pode seguir gobernado a golpe de titulares baleiros que se desmenten por si mesmos nas comisións”, concluíu Reina.

Comparte esta noticia Twitter Facebook
Copiar Link
Email Imprimir

RRSS

Visítanos en nuestras redes