O PSOE reproba os Orzamentos da Xunta para Ferrol: “Unha repetición continua das mesmas partidas sen executar”
Rafael Fernández Beceiro puxo como exemplo o saneamento do rural, que Rueda se comprometeu a iniciar no 2023 e segue sen comezar, e “a obra de nunca acabar” do Hospital Arquitecto Marcide, con 14 anos de atraso
Ferrol, 20 de outubro de 2026. Os Orzamentos autonómicos para o 2027, que onte presentou o Goberno galego, son para Ferrol “un pouco máis do mesmo, promesas incumpridas ano tras ano”. Así se referiu Rafael Fernández Beceiro a uns Presupostos que, no que se refire ao municipio, son “unha repetición continua das mesmas partidas sen executar”.
O concelleiro socialista apuntou a dúas actuacións que son o mellor exemplo do que un exercicio e outro tamén acontece cos investimentos que deberan chegar a Ferrol: “O saneamento do rural, para o que había un compromiso de Rueda de comezar no ano 2023, segue sen arrancar, e Arquitecto Marcide, que continúa sendo a obra de nunca acabar, cun plan director que acumula 14 anos de atraso”. Neste último caso, sinalou que, debido á lentitude duns traballos que se están a eternizar, “en pleno século XXI”, no hospital hai aínda moitas habitacións que carecen de aseo propio.
Fernández Beceiro afirmou que Ferrol está “farto de promesas e de anuncios que nunca se converten en realidades”, o que se traduce en que as cantidades que figuran nas Contas autonómicas non se corresponden nunca cun gasto efectivo e eses cartos acaban por non chegar á cidade. “A Xunta non nos pode seguir vendendo cada ano como novos proxectos os mesmos investimentos que leva anos sen executar e repetindo partidas continuamente”, insistiu, e engadiu: “Anunciar unha obra unha e outra vez non é gobernar”.
A Agrupación Socialista de Ferrol denuncia, a ese respecto, que malia a inclusión do saneamento do rural como investimento con dotación orzamentaria durante os pasados exercicios, a realidade, a día de hoxe, é que as obras non se materializaron.
En canto ao Marcide, a propia configuración dos Presupostos para o vindeiro ano confirman que a estratexia da Xunta é anunciar e adiar o gasto, cun investimento plurianual para a fase final das obras de só 6 millóns para o 2027, aprazando o groso para sucesivos exercicios que incluso van máis alá do 2030.
Do mesmo xeito, lamenta que agora o PP se apresure a xustificar a súa nefasta política de vivenda na cidade lanzando anuncios todos os meses sobre a construción de pisos no Bertón, nunhas parcelas que xa estaban alí e eran da súa titularidade cando os Gobernos populares de Feijoo e Rueda decidiron abandonar totalmente a promoción pública. Así, pese a contar con partidas orzamentarias que a todas luces non se van executar na súa totalidade, os proxectos que se veñen de poñer en marcha chegan moi tarde para dar resposta real á demanda de vivenda e ao incremento dos prezos.
Tamén en canto ás políticas de vivenda do Goberno autonómico, o PSOE ferrolán denuncia a falta de partidas concretas para un plan Rexurbe para o que Feijoo anunciou 18 millóns de euros en plena pandemia e segue totalmente estancado. Aquel compromiso segue sen traducirse na entrega de vivendas en Ferrol Vello. En seis anos, foron apenas media ducia.
Palabra clave
También te puede interesar...
RRSS