O PSOE acusa ao goberno de Ferrol de “maquillar” un mero reasfaltado como “rexeneración urbana” e tilda de “cutre” o modelo do alcalde
FERROL, 9 de setembro de 2026 – O grupo municipal do PSOE no Concello de Ferrol, a través do seu concelleiro Julián Reina, volveu denunciar con contundencia a política urbanística do goberno local tras a publicación no Portal de Contratación Pública da licitación das obras na estrada de Castela por un importe de 657.706,69 euros (IVE incluído) e un prazo de execución de catro meses.
Para os socialistas, este expediente supón unha “toma de pelo” á cidadanía ao disfrazar baixo o pomposo título de “Proxecto de rexeneración urbana do eixo vertebrador dos barrios de Recimil, Ensanche A-Inferniño, Ensanche B-Ultramar e San Xoán” o que na práctica é un simple cambio de capa de rodaxe ao longo de dous quilómetros, entre a Praza de España e a Ponte das Cabras.
A trampa administrativa: do orixinal á propaganda
O edil socialista desvelou o “maquillaxe administrativo” acometido polo executivo local. O expediente orixinal, aprobado na Xunta de Goberno Local do 11 de agosto de 2026, tiña un nome técnico e realista: “Mellora do firme na Estrada de Castela (dende a Praza de España ata o límite co Concello de Narón)”.
Non obstante, tras unha modificación aprobada o 1 de setembro para encaixar o proxecto na Addenda nº 2 do Convenio de Colaboración de Rehabilitación Urbana de Cidade coa Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas da Xunta de Galicia, alterouse a denominación oficial sen engadir nin un solo euro de orzamento nin un cambio de deseño.
Un choque de modelos: Urbanismo do século XXI fronte ao “urbanismo dos 90”
Julián Reina contrapón rigorosamente a definición técnica de rexeneración urbana fronte á xestión que executa o alcalde Rey Varela: O modelo de Rexeneración Urbana: Unha estratexia integral e transversal que abarca catro eixes complementarios:
Eixe Físico: Humanización da vía, ampliación e mellora de beirarrúas, soterramento de subministracións e accesibilidade universal.
Eixe Ambiental: Mobilidade sustentable (carril bici, transporte público prioritario), redución de calzada para vehículos, plantación de arboredo e creación de illas verdes.
Eixe Social e Económico: Dinamización do comercio de proximidade, revitalización dos barrios periféricos e mellora da calidade de vida dos veciños para previr a degradación do tecido comunitario.
O modelo do goberno municipal (PP): “Urbanismo dos anos 90”:
Redución das intervencións a botalo asfalto de présa e sen criterio, mantendo o protagonismo absoluto do coche nunha das arterias principais da cidade.
Xestión “cutre”: Limitarse a estender unha capa de aglomerado sen resolver os problemas estruturais de accesibilidade, seguridade peonil nin dotación de espazo verde.
“Modificar o nome dun expediente para chamarlle ‘rexeneración urbana’ a botar o aglomerado na estrada non engana a ninguén. É un erro profundo de concepto e unha forma de actuar absolutamente cutre que demostra a falla total de modelo de cidade do alcalde.
A estrada de Castela é o eixo vertebrador de Recimil, Ensanche A, Ensanche B e San Xoán; merecía unha humanización e transformación real como a do bulevar das Pías, non un parche de propaganda”, sostivo Reina.
O concelleiro socialista concluíu esixindo ao goberno municipal que abandone o “urbanismo do titular fácil” e deseñe plans transversais que transformen estruturalmente os barrios de Ferrol en lugar de malgastar os fondos de convenio en actuacións puramente cosméticas.
Palabra clave
También te puede interesar...
RRSS