O PSOE denuncia a hipocrisía de Rey Varela e desvela a “parálise e continuos retrasos” nas obras de Ferrol que o alcalde oculta
Julián Reina censura que Rey Varela exixa transparencia no Senado proclamando que “ningún goberno pode no dar explicacións” mentres en Ferrol esconde a parálise municipal, licitacións desertas como a de Doniños e meses de retraso nas obras do POS e de Recimil.
FERROL, 2 de setembro de 2026. O concelleiro do Grupo Municipal Socialista no Concello de Ferrol, Julián Reina, denunciou hoxe a «incoherencia, improvisación e falta de seriedade» que padece o Concello de Ferrol na xestión dos proxectos e obras municipais baixo o mandato de José Manuel Rey Varela.
O Grupo Socialista fai pública a información contida na documentación oficial que o goberno local esconde e non traslada nin aos medios nin á oposición, demostrando o «desgoberno e o escurantismo» co que se dirixe a cidade.
O edil socialista revelou un regueiro de expedientes tramitados recentemente na Xunta de Goberno Local que evidencian o descontrol administrativo e a incapacidade para cumprir cos prazos establecidos:
1. OBRAS QUE QUEDAN BALEIRAS: LICITACIÓN DESERTA NAS CASETAS DE DONIÑOS Un dos casos máis sangrantes da falta de planificación do goberno local é a licitación das instalacións portátiles para a praia de Doniños , cun orzamento de 141.738,50 €. A Mesa de Contratación acordou propoñer declarar DESERTO o procedemento tras rexeitar a única oferta presentada por non cumprir nin subsanar os requisitos necearios.
2. MODIFICACIÓNS FORZADAS NOS PROXECTOS DO PLAN PROVINCIAL POS 2026 A Deputación da Coruña, tivo que requirir a modificación de ata catro proxectos aprobados polo Concello o pasado 6 de febreiro dentro do plan POS 2026, obrigando a refacer as presas os proxectos técnicos por erros orixinais: • Melloras na pista polideportiva de Serantes modificado por requirimento. • Local O Cruceiro de Valón modificado por requirimento. • Local social da AAVV de Pazos modificado por requirimento. • Aglomerado no Camiño de Areosa modificado.
ACUMULACIÓN SISTEMÁTICA DE PRÓRROGAS NAS OBRAS DE RECIMIL (NEXT GENERATION EU) Nas obras de rehabilitación do barrio de Recimil (fondos europeos Next Generation EU), os expedientes amosan un rosario de terceiras e segundas ampliacións de prazo con demoras de máis de catro meses: • Rúa Neda 1-4: Aprobada a terceira ampliación de prazo (ata o 25/10/2026) nunha obra de 8 meses orixinais por falta de coordinación no soterrado de cableado. • Estrada de Castela 8: Aprobada a terceira ampliación de prazo (ata o 24/10/2026) tras sufriren un modificado e dúas prórrogas previas nunha obra urxente de 4 meses. • Estrada de Castela 22: Aprobada a segunda ampliación de prazo (ata o 30/10/2026) por cables pendentes de retirar e humidades sen resolver polo Concello.
Desde o Grupo Municipal Socialista solicitamos ao alcalde que aplique en Ferrol a transparencia que predica fóra e asuma a súa responsabilidade á fronte do goberno local.
Palabra clave
También te puede interesar...
RRSS