O PSOE esixe ao Goberno de Rey Varela que solicite axudas para crear refuxios climáticos e renaturalizar Ferrol
Os socialistas reclaman que se aproveiten as convocatorias abertas para executar os acordos da moción aprobada polo Pleno o pasado xoves
O Concello pode solicitar ata 300.000 euros para crear unha rede de refuxios climáticos e ata 250.000 euros para actuacións aliñadas coa Axenda 2030
Ferrol, 4 de agosto de 2026. O Grupo Municipal Socialista de Ferrol esixe ao goberno local do Partido Popular que comece inmediatamente a preparar as solicitudes de axudas estatais para executar os acordos da moción socialista aprobada polo Pleno o pasado xoves, sobre a creación dunha Rede Municipal de Refuxios Climáticos e a elaboración dun Plan Municipal de Renaturalización e Resiliencia Climática. A iniciativa aprobada establece a adaptación de centros cívicos, centros socioculturais, bibliotecas, instalacións deportivas e outros edificios municipais para que poidan funcionar como refuxios climáticos durante episodios de calor ou frío extremos.
Estes espazos deberían contar con climatización e ventilación eficientes, acceso á auga potable, zonas de descanso, accesibilidade universal, información pública e protocolos específicos de apertura e funcionamento. A moción tamén insta o goberno municipal a aprobar un Plan Municipal de Renaturalización e Resiliencia Climática que permita protexer e ampliar os espazos verdes, incrementar a masa arbórea, crear corredores verdes, recuperar espazos degradados e incorporar á planificación urbana solucións baseadas na natureza.
O PSOE sinala que o Concello xa non pode escudarse na falta de recursos económicos, posto que nestes momentos existen convocatorias abertas que encaixan directamente cos acordos aprobados polo Pleno.
Por unha banda, o Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico, a través da Fundación Biodiversidad, convocou axudas específicas para o acondicionamento e adecuación de espazos interiores destinados a converterse en refuxios climáticos. A convocatoria conta cun orzamento global de dez millóns de euros e inclúe unha liña destinada ás administracións públicas. Cada proxecto pode recibir ata 300.000 euros, cun financiamento máximo do 80 % do seu custo. O prazo de presentación remata o 15 de outubro de 2026.
Por outra banda, o Concello de Ferrol pode presentarse á convocatoria do Ministerio de Dereitos Sociais, Consumo e Axenda 2030 destinada a impulsar a aplicación dos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible nas entidades locais. Ferrol encádrase no tramo reservado aos municipios de entre 5.000 e 100.000 habitantes e pode solicitar entre 20.000 e 250.000 euros para un proxecto adaptado ás necesidades concretas da cidade. Esta convocatoria permite financiar plans locais, a adaptación de estratexias municipais á Axenda 2030 e iniciativas concretas relacionadas coa sustentabilidade, a adaptación climática, a resiliencia urbana, a protección da biodiversidade e a renaturalización.
Por tanto, o goberno municipal podería presentar un proxecto que desenvolva o Plan Municipal de Renaturalización e Resiliencia Climática aprobado polo Pleno, incorporando un diagnóstico dos barrios con menor cobertura vexetal, a planificación de corredores verdes, o incremento do arborado, a recuperación de espazos degradados e solucións naturais para reducir as illas de calor. Neste caso, o prazo remata o 10 de agosto, polo que o Grupo Municipal Socialista reclama ao Goberno local que actúe de maneira inmediata. “Non abonda con votar favorablemente unha moción no Pleno. Agora hai que cumprila, preparar os proxectos e solicitar os recursos que outras administracións poñen ao alcance do Concello”, sinalan desde o Grupo Municipal Socialista.
O PSOE considera que ambas as convocatorias ofrecen unha oportunidade para avanzar simultaneamente nos dous grandes compromisos asumidos: crear unha Rede Municipal de Refuxios Climáticos e poñer en marcha unha estratexia de renaturalización que prepare Ferrol fronte aos efectos do cambio climático.
Os socialistas reclaman que o goberno de Rey Varela identifique xa os edificios susceptibles de integrarse na rede de refuxios, avalíe as obras necesarias e comece a redactar o Plan Municipal de Renaturalización e Resiliencia Climática.
“Ferrol conta cun acordo plenario, con convocatorias abertas e con financiamento dispoñible. O único que falta é que o goberno do Partido Popular se poña a traballar e non deixe escapar outra oportunidade para mellorar a cidade e protexer á súa veciñanza”, conclúe o Grupo Municipal Socialista.
Palabra clave
También te puede interesar...
RRSS