Skip to content

Galego

¡Síguenos!

O PSOE denuncia que Rey Varela permite publicidades sexista e de contido sexual en The Burger Cup, un evento patrocinado polo Concello na Praza de Armas

O Goberno municipal autoriza unha actividade presentada como familiar sen supervisar mensaxes como “Lame como tu ex nunca lo hizo” ou “Lo que queda en tus dedos también merece tu lengua”.

Os socialistas esixen explicacións pola falta de control do executivo local e reclaman criterios claros para impedir que este tipo de publicidade se exhiba en espazos públicos municipais.


Ferrol, 25 de xullo de 2026.- O Grupo Municipal Socialista denuncia a absoluta falta de control do Goberno de José Manuel Rey Varela tras comprobar que nun evento celebrado na Praza de Armas, promovido coa colaboración do Concello de Ferrol e presentado como unha actividade para todos os públicos, se exhiben mensaxes de evidente contido sexual e claramente impropias dun espazo público frecuentado por familias e menores.


Nos soportes publicitarios instalados no recinto poden lerse frases como “Lame como tu ex nunca lo hizo” ou “Lo que queda en tus dedos también merece tu lengua”, expresións utilizadas como reclamo comercial que resultan incompatibles coa imaxe que debe ofrecer un evento celebrado nun espazo público municipal.


Desde o Grupo Socialista consideran que é inadmisible que o Concello non revise previamente os elementos publicitarios que se instalan nunha actividade autorizada na principal praza da cidade. “Non todo vale para vender un produto, e moito menos cando se ocupa un espazo público que é de toda a cidadanía e no que conviven diariamente nenos, nenas e familias”, sinalan.

Os socialistas subliñan que non cuestionan a celebración deste tipo de eventos gastronómicos, que contribúen á dinamización da cidade, senón a falta absoluta de supervisión do Goberno municipal, que debe garantir que os contidos exhibidos sexan compatibles cos valores de respecto, igualdade e convivencia que unha administración pública está obrigada a promover.


“Se o Concello organiza, patrocina ou autoriza unha actividade, tamén ten a responsabilidade de supervisar a publicidade e a imaxe que se proxectan desde un espazo público. Mirar para outro lado é unha deixación de funcións”, afirman.


O Grupo Municipal Socialista considera especialmente preocupante que esta situación se produza na Praza de Armas, un lugar emblemático de Ferrol no que se desenvolven ao longo do ano numerosas actividades culturais, educativas e familiares promovidas polo propio Concello.


Por todo iso, o PSOE de Ferrol solicita ao Goberno de Rey Varela:
● Que explique por que non se revisaron previamente os soportes publicitarios instalados no evento.
● Que retire ou requira a retirada de calquera mensaxe de contido sexual ou sexista exhibida en espazos públicos municipais.
● Que estableza un protocolo de supervisión para os eventos que conten con autorización, colaboración ou patrocinio do Concello, evitando que situacións como esta volvan repetirse.


“Os espazos públicos deben ser lugares de encontro e convivencia, non escaparates para mensaxes de contido sexual impropias dun evento anunciado como familiar. O Concello ten a obriga de exercer a súa responsabilidade e non mirar para outro lado”, conclúen os socialistas.

Comparte esta noticia Twitter Facebook
Copiar Link
Email Imprimir

RRSS

Visítanos en nuestras redes